Pedro
Casaldáliga: “PASAR FACENDO CAMIÑOS”
As cartas e mailas mensaxes de
solidariedade fóronse acumulando [...] e reclaman hai días
unha merecida resposta. [...] Eu agardaba poder respostar con
noticias concretas, tanto sobre o problema dos indíxenas
Xavante como sobre a chegada dun novo bispo á Prelatura. Pero
“as cousas de palacio van despacio”, na Sociedade e na
Igrexa. A causa Xavante está nas mans da lenta xustiza, de
audiencia en audiencia, mentres as familias Xavante agardan, á
marxe da estrada, hai meses. A sucesión episcopal está
a se desnvolver no secretismo dos recovecos canónicos.
¿Novidades? [...] Ademáis
das ameazas xa coñecidas, o P. Geraldo Magela Ribeiro foi
agredido fisicamente en plena rúa polo seu empeño
pastoral en combater a corrupción. E toda a rexión da
Prelatura viuse afectada polas inundacións, con moitas
familias desamparadas e cortadas tódalas estradas que dan
acceso a varios municipios. ¡Levamos 35 anos andando por “malos
camiños”!
No ancho mundo, a dictadura
macroeconómica, a globalización neoliberal, segue a
fracasar á hora de resolver os problemas maiores da fame,a
violencia e o desemprego. Cunde o pesimismo no planeta. [...] A gran
maioría humana cre que a vindeira xeración vivirá
nun mundo menos seguro e que o seu respectivo país é
menos próspero hoxe que hai 10 anos. [...] Oportunamente o
Secretario Xeral da ONU lembraba ós países “máis
privilexiados” que hai outro terrorismo máis extendido e
escandalosamente tolerado (e producido sistematicamente): “as
ameazas máis familiares da pobreza”.
Hai moitos conflictos ignorados,
moitos son os mortos que non aparecen na TV e son moitos os días
11, ademáis do 11 de setembro e o 11 de marzo. Máis de
10 millóns de nenos morren cada ano por enfermidades
previbles. “Cada 7 segundos morre de fame un neno menor de 10
anos. Cada unha desas mortes é un asasinato” afirmaba o
relator especial da ONU para o Dereito á Alimentación.
África é un verdadeiro holocausto silenciado. A
política e os medios de comunicación seguen a ser
manipulados polos poderes económicos e a desinformación
ó servicio deses poderes prolifera sistematicamente no mundo
superinformatizado. Os incipientes gobernos de esquerda na nosa
América consúmense entre os propósitos e a
impotencia.
Tamén na Igrexa (nas
Igrexas) hai certo pesimismo manifestado en encontros máis ou
menos marxinais e en reivindicacións impacientes. Síntese
o peso das “reformas” posconciliares de involución,
o final dun longo pontificado, a multiplicación de documentos
e controis, a corresponsabilidade sempre pedida e prometida pero só
moi simbolicamente outorgada. [...]
E, sen embargo, a vida móvese.
E a esperanza continúa a ser un ben común, patrimonio
histórico e escatolóxico da Humanidade. “Todo é
común, incluso Deus” afirmaba Baudelaire; sobre todo
Deus, poderíamos correxir ó poeta. E nesa “comunidade”
do Deus común imos sendo, a pesar de tódolos pesares
neoliberais ou fundamentalistas, a gran comunidade, máis
libre, máis solidaria, máis fraterna.
O diálogo tamén se
move. E se move en dirección á Xustiza. Dentro do Foro
Universal das Culturas que se celebra en Barcelona, terá lugar
o terceiro parlamento das Relixións do Mundo co lema “Camiños
para a paz: a sabedoría da escoita, a forza do compromiso”.
Lin recentemente un libro de Christian Duquoc, “Cristianismo,
memoria para o futuro”. É evidente que, para que sexa
unha memoria honesta para o futuro, haberá de ser un
compromiso serio co presente. “O futuro correspóndenos
ós de abaixo” proclamaba nunha entrevista Rafael
Alegría, secretario internacional de “Vía
Campesiña”. E a min gústame repetir que “somos
pobres, / pero somos / maioría e o futuro”. Fronte a
tódalas “alcas” neoliberais e imperialistas, e
alongando a mira e a coherencia canto sexa posible, “nós
propoñemos o Alba”; alma nova, tempo novo; o outro mundo
posible, necesario, urxente.
Estes días acompañábanme,
quizáis por iso da vellez e da xubilación, aqueles
versos de Antonio Machado cantados por Serrat: “pero o noso é
pasar / pasar facendo camiños, / camiños sobre a mar”.
Co cariño e o respeto que o gran Antonio merece, hei de
correxilo na súa angustiada visión: pasar facendo
camiños... ¡sobre a terra! Morreu o ano pasado o poeta
Martí i Pol, unha especie de Machado catalán que nos
advertía con humano realismo que “dificilmente
camiñaremos / cos ollos voltos cara arriba”. Sobre a
terra, pois, os ollos e os pes e as mans; aínda ancorando os
corazóns no ceo. Cunha ben humorada humildade e con
pragmatismo histórico. Sabendo, como Brecht, que “é
precioso cambiar o mundo” e que despois haberá que
cambiar o mundo cambiado”. Pero sabendo, sobre todo, que o Amor
ten a última palabra. María Pilar, unha nai que perdeu
ó seu fillo nos atentados de Madrid escribiu na súa
carta pública: “Somos máis os que amamos”,
e, entre eses máis, está Deus.
A
EXPERIENCIA DOS OBSERVADORES INTERNACIONAIS A
Procuraduría da República para a Defensa dos Dereitos
Humanos invitou a unha delegación de Pax Christi Italia de 27
persoas que dende o 18 ata o 30 de marzo estiveron en El Salvador en
calidade de observadores internacionais con ocasión das
eleccións presidenciais e para visitar algunhas comunidades
campesiñas. Nada máis chegar ó aeroporto os
observadores percibiron a tensión que reinaba e se atoparon
cos primeiros atrancos para poder ingresar no país. O día
das eleccións foron divididos en cinco grupos para observar o
proceso noutras tantas localidades que a Procaduría
consideraba delicadas. En particular foron enviados ás zonas
fronteirizas de Ahuachapan e Chalatenango para verificar se entre os
votantes había persoas ás que lle lle fixera vir dende
Guatemala ou Honduras. E alí foron testemuñas de
múltiples irregularidades:
Dende
a falta de intimidade das cabinas electorais á retribución
económica (20$) ós que demostraban ter votado ó
partido de ARENA, pasando pola entrega de papeletas non válidas
ás persoas cunha indumentaria ou apariencia que facía
pensar que ían votar a determinados partidos. Ademáis
dende comezos do ano moitos traballadores, en especial das maquilas
–as fábricas de montaxe con capital estranxeiro
declaradas zonas francas internacionais para poder violar tódalas
leis e dereitos sindicais– non recibiran soldo e tiñan
sido ameazados coa perda do traballo se o FMLN gañaba as
eleccións, mentres o partido do goberno, ARENA, repetía
que se o FMLN gañaba prohibiría o ingreso das remesas
dos inmigrantes, única canle de sustentación para
moitísimas familias. En definitiva non todos os cidadáns
poideron exercer o seu dereito de voto. Pero
o que máis impresionou ós observadores non foi o
aspecto político senón a situación social,
caracterizada por unha pobreza aguda que se vai transformando
progresivamente en miseria, con topes de fame e enfermidades
inauditas. As causas desta involución pódense atopar
sobre todo na dolarización de 2001 que aniquilou completamente
a moeda nacional, o colón, e multiplicou sen medida os prezos
de tódolos bens de primeira necesidade. E tamén no
Tratado de Libre Comercio que, a través das
imposicións dos “dereitos intelectuais” das
multinacionais, está a condenar ás familias campesiñas
á fame. Foron testemuñas ademáis da deseperación
dos familiares dos desaparecidos porque, tendo en conta que a maioría
dos crimes do pasado foron perpetrados nos círculos nos que
naceu ARENA, o partido de extrema dereita militar do maior
D’Aubuisson, responsable do asasinato de Monseñor Óscar
Romero e dos xesuítas da UCA, un cambio de goberno significaba
para eles a única esperanza de poder iniciar a búsqueda
dos corpos dos seus familiares.
INFORME
DA COMISIÓN INTERAMERICANA
A Comisión Interamericana
de Dereitos Humanos (CIDH) vén de denunciar o enfeblecemento
do Estado de Dereito en algúns países da rexión,
e a falta de vixencia efectiva dos dereitos económicos,
sociais e culturais.
En Colombia o CIDH destaca o
impacto da violencia derivada do conflicto armado sobre grupos
vulnerables, defensores dos dereitos humanos e periodistas, e a
planificación de medidas lexislativas que poderían
afectar ó respeto dos dereitos fundamentais.
En Cuba segue a ser unha
realidade preocupante a violación das liberdades públicas,
particularmente do dereito á liberdade de expresión e a
represión sistemática contra disidentes e periodistas.
Ante as numerosas execucións
e outras violación dos dereitos humanos en medio da crise
actual de Haití, a CIDH insiste en que os dereitos humanos de
tódalas persoas deben ser respectados no proceso de
restablecemento da institucionalidade democrática, ó
tempo que reitera o seu chamamento a tódalas partes para que
aseguren o suministro de axuda humanitaria. . Nas manifestacións
convocadas entre o 27 de febreiro e o 1 de marzo en Venezuela tiveron
lugar graves feitos de violencia que deixaron como saldo 8 mortos e
21 feridos, ademáis de numerosas detencións. Ademáis
a CIDH denuncia a proliferación de grupos parapoliciais que
actúan á marxe da lei en varios estados do país
e a impunidade nos casos relacionados coa violación dos
dereitos humanos. Finalmente a CIDH manifestou a súa
preocupación polos recentes sinalamentos de altas autoridades
dalgúns estados que descalifican a labor de organizacións
adicadas á defensa dos dereitos humanos, sinalamentos que
tenden a crear un grave risco para a vida, a integridade persoal e a
labor de activistas dos dereitos humanos.
DE
PAX CHRISTI NAS ELECCIÓN DE EL SALVADOR
DE DEREITOS HUMANOS