nº 60 abril 05



ENTREVISTA A PEDRO CASALDÁLIGA

SOBRE A ELECCIÓN DE BENEDICTO XVI


- Eu non sei, monseñor, se vostede fixera vaticinios; e se os vaticinios que fixera faiaron ou non: estamos ávidos por coñecer cal é a súa opinión sobre a figura do novo papa.

- Unha cousa é o que un desexaba, e outra cousa é o que se podía agardar. Porque debemos recoñecer que a inmensa maioría dos cardeais de hoxe foron elexidos polo papa Xoan Pablo II; polo mesmo, eran da súa liña: é o que se podía agardar. Pero soñabamos un cambio que, obxectivamente falando, non se deu. Pódese esperar unha continuidade. O papa Benedicto XVI foi realmente, no pleno sentido da palabra, o brazo dereito (teolóxicamente) de Xoan Pablo II, o seu teólogo de curia; de xeito que seguiremos. No terá o carisma persoal de Xoan Pablo II e, nese sentido, é outro momento na Igrexa tamén.

 

- ¿E como explica que o final do cónclave provocara a que algúns calificaron como decepción xigantesca para os que agardaban un papa con maior amplitude de miras; cunha mirada máis cálida cara outras opcións, outras maneiras de entender a mensaxe de Cristo hoxe na terra?

- Para min non foi unha decepción xigantesca, polo que xa dixen antes. Si queriamos -non pensabamos: queriamos- outro tipo de papa... Pero o que eu digo é o seguinte: os católicos e as católicas debemos aprender a relativizar a figura do papa. O papa ten un ministerio e é pensable na Igrexa católica; pero o papa non é a Igrexa; o papa non é Deus. De xeito que hai que relativizar e ser adultos na nosa fe, e seguir a camiñar; insistir. As grandes institucións só cambian se hai presión forte das bases. A Igrexa, que ten moito de divino -ou bastante polo menos, coma todo-  ten moito de humano tamén. E, tamén na Igrexa, só a forza coherente, consecuente, universal das bases, obrigará a cambios que son necesarios: de diálogo ecuménico, de diálogo interrelixioso, de corresponsabilidade, de inculturación, de escoita dos clamores e necesidades do mundo.

 

- Pere Casaldáliga: ¿Coñece vostede a Ratzinger? ¿Tivo encontros ou desencontros con el?

- Eu fun (risas) –dígoo entre comiñas- eu fun procesado por el. Pero fun aplaudido por el tamén. Cando tiven o problema da visita ad limina, e as visitas a Nicaragua e a Centroamérica; e a nosa teoloxía da liberación, e a misa da causa negra (unha misa da causa indíxena) -toda aquela a miña orientación en que eu estaba máis ou menos metido- fun chamado a Roma e tiven un tipo de interrogatorio, concretamente co cardeal Ratzinger, co cardeal Gantín, e co que agora é o cardeal Ré (que non era cardeal aínda). Foi unha conversación un pouco tensa. Ratzinger mostrouse moi intelixente, porque o é (ás veces irónico), pero puidemos falar. El cobraba, como dicimos aquí en Brasil, eses varios aspectos da teoloxía da liberación: que se a nosa liturxia é unha liturxia demasiado comprometida coa realidade, coa política; que se esas misas da causa negra -da causa indíxena- eran misas políticas... Eu respondía, ó meu xeito. Lembro que nun intre el dixo: "Realmente todo pode probarse neste mundo"; como dicindo: cada un ten a súa opinión, ¿non? Pero tivemos algúns momentos un pouco chuscos. Eu escribira na miña viaxe a Nicaragua que  todos habiamos de nos converter: a Igrexa había de se converter, e o mundo había de se converter. Cando rematamos o tempo do proceso, eu dixen ós cardeais e monseñores: "Poderiamos rezar xuntos un pai noso ¿non?, que somos irmáns". E Ratzinger, cunha certa ironía, dixo: "Para que se converta a Igrexa". E eu dixen: "Pois si, tamén. Tamén para que se converta a Igrexa, que Igrexa somos ó fin e ó cabo".

 

- Di vostede que naquel proceso Ratzinger chegou a dicirlle que, en última instancia, cada un tiña a súa propia opción. Pero sen embargo onte na misa, á espera de elexir ó papa, este cardeal (o agora Papa Ratzinger) fixo un alegato en contra de todo tipo de calquera atisbo de disidencia e condenou o que chama dictadura do relativismo.

- Mostrouse sobre todo moi pesimista: chamoume a atención, e vin que chamou a atención a moitos. Mentres que eu comparaba, con gañas de esperanzarme máis, a palabra de Ratzinger (que aínda non era papa), coa palabra de Xesús: a barca da tempestade. O cardeal (que era cardeal aínda Ratzinger) falaba de medo. Xesús dicía: "Non teñan medo, xente de pouca fe". Eu creo que non é propio de quen cre no evanxeo ter medo. Debemos ter ante todo e sobre todo esperanza. E dar cada un a nosa contribución. Eu rezarei tódolos días polo novo papa, como rezaba por Xoan Pablo II. Eu creo no seu ministerio; pero, dende a miña pequenez, quero axudalo a cambiar o modo do ministerio, o estilo, e co tempo iso se fará: se non é hoxe será mañá.

 

- Pero ¿cre vostede que sería posible, monseñor Casaldáliga, que coñeceramos a un Ratzinger novo (como papa) respecto do que coñecemos como cardeal?

- Pois mire, xa foi diferente. El escribiu un libro sobre o pobo de Deus que tódolos teólogos da liberación firmariamos. E despois cambiou, sobre todo antes de ir á Curia; e na Curia. Pode ser que o propio papado (experiencia, gracia de estado...). Agora, en principio, para ser realistas, de inmediato non se poden esperar grandes cambios.

 

- Din que o papa anterior, Xoan Pablo II, enchía os estadios; pero que non era capaz de encher as Igrexas. ¿Isto é un signo da saúde da Igrexa mesma? Neste sentido, ¿Ratzinger que supón: convoca, ou disgrega aínda máis o mundo dos católicos?

- Os medios de comunicación hoxe teñen un gran poder de convocatoria. A participación diario-semanal, xa é outra cousa. Unha cousa é un entusiasmo nun  gran congreso que é un pouco rezo, canto, show, novidade, turismo..., e outra cousa é a vida cristiá diaria, de servicio dos pobres; a loita pola xustiza e pola paz. Todos somos fáciles ós shows, e todos fuximos da cruz diaria.

 

- Monseñor Casaldáliga: por tódolos lados escoitáronse loas á figura de Xoan Pablo II, lóxicas por outra banda á hora da morte: el elixira a tódolos cardeais con capacidade de voto. ¿É o Vaticano, neste sentido, víctima da súa propia dinámica, da súa propia maneira de entender o organigrama mesmo da Igrexa Católica?

- Habería que cambiar a propia curia, o propio ser do papado. A estructura do papado debería ser outra. O papa non debería ser Xefe de Estado de ningún xeito. Debería recoñecerse, na práctica e non só na teoría, a colexialidade, a corresponsabilidade de todos e todas. Esíxese un cambio moi fundamental que a soa persoa do papa non poderá facer. Ha de ser un cambio estructural, incluso primeiro para o ben da propia Igrexa católica. Despois, e moi importante, para o diálogo coas outras Igrexas cristiás, e coas outras relixións. E para dar testemuño ó mundo -o mundo quere democracia- nós na Igrexa queremos máis que democracia: queremos unha vida familiar fraterna. O papa, eu bispo, o cura, non somos nin máis nin menos que calquera mullerciña do interior desta rexión onde eu estou a vivir. Só detemos o ministerio, respetable e necesario, pero que debe exercerse con moita máis simplicidade e coa participación de todos. O papa non pode ser un monarca absoluto, a Igrexa non pode ser unha comisión de aristrócratas espirituais. Temos que ser máis fraternos, máis solidarios, máis corresponsables.

 

CARTA ABERTA A URIBE VÉLEZ


Máis de trinta académicos, xuristas, relixiosos e personalidades de Europa, América Latina e Estados Unidos, entre os que se atopan Pedro Casaldáliga, Samuel Ruiz, Adolfo Pérez Esquivel e os teólogos Leonardo Boff, Juan José Tamayo e Jose María Díez Alegría, asinaron unha dura carta aberta ó presidente de Colombia, Álvaro Uribe Vélez, na que o responsabilizan de execución de ameazas e consentimento de crimes de lesa humanidade. A xuízo dos asinantes, Uribe está a consolidar a impunidade de crimes como os recentemente acontecidos na rexión de Urabá, onde foron masacrados nenos, mulleres e líderes campesiños en estado de indefensión. Ademáis das firmas individuais, a carta aberta foi asinada por organizacións de todo o mundo solidarias coas comunidades e persoas defensoras dos dereitos humanos ameazadas de morte e exterminio.

En Colombia teñen lugar a diario desaparicións forzadas, torturas, asasinatos selectivos, ameazas de morte e matanzas, executadas polas forzas militares e/ou os seus asociados paramilitares, co incumprimento das recomendacións e obrigas internacionais de dereitos humanos denunciado polas Nacións Unidas.


1 de abril de 2005

Sr. Presidente Uribe,


Os que asinamos esta carta aberta, somos académicos, investigadores, xuristas ou interlocutores en foros de reflexión e acción sobre a realidade do mundo. Ata nós e ós espacios do noso traballo, dende hai anos chegaron as voces de incontables e inesquecibles víctimas da violencia social e política que vive Colombia. Escoitámolas e sabemos do seu sufrimento. A moitas témolas acompañado, e da man do testemuño que nos deron e das obxectivas circunstancias de inxustiza que comprobamos, profundizamos o noso coñecemento acerca das causas e as consecuencias dunha das confrontacións máis desgarradoras no planeta.

O pasado 21 de febreiro, tivo lugar unha matanza espantosa en San José de Apartadó, Urabá, contra campesiños, nenos e mulleres en estado de indefensión. Estas persoas humildes foron asasinadas coa maior sevicia. Os seus corpos estaban descuartizados. É un dos crimes de lesa humanidade imborrables, dos centos que militares e paramilitares cometeron impunemente durante moitos anos. Alí foi asasinado Luis Eduardo Guerra, cofundador dunha Comunidade de Paz que coñecemos. Así tamén o sábado 5 de marzo foi desaparecida, torturada e asasinada Irma Areiza, da Comunidade de Dabeiba. De igual xeito, o 29 de xaneiro foi asasinado o líder Pedro Murillo, da Comunidade de Jiguamiandó. As tres persoas ademáis de ser promotoras de resistencias civís nestas meritorias Comunidades, eran testemuñas directas de crimes da estratexia paramilitar na mesma rexión. Ó tempo, persoas como Javier Giraldo, sacerdote xesuíta ó que coñecemos dende hai décadas, outros membros da Comisión Intereclesial de Xustiza e Paz e máis defensores destas Comunidades, ós que tratamos polo seu traballo a prol dos dereitos humanos, foron ameazados ou acusados por organismos estatais represivos de ser apoios ou membros da insurxencia.

O seu Goberno en lugar de pedir perdón publicamente e rectificar, ameazou de maneira reiterada e ordenou rematar con estas Comunidades, ó anunciar que as tropas que foron sistematicamente agresoras e homicidas, van ocupar militarmente as terras destas poboacións, non só destruíndo o seu principio rector de neutralidade e distinción no conflicto, senón asegurando o despoxo destes territorios e títulos colectivos, que xa veñen sendo usurpados violentamente por salvaxes proxectos económicos. Xa temos claro, Sr. Presidente Uribe, con tódolos elementos de xuízo, previos á masacre e posteriores a ela, que está en marcha a decisión de aniquilar esta valiosa e digna experiencia de construcción social de valores de humanidade, que o seu Goberno non está disposto a compartir, como Vostede expresou claramente nos seus discursos de ataque á Comunidade, un deles o 27 de maio de 2004, e hai uns días, o domingo 20 de marzo de 2005, nun consello de seguridade, na mesma zona onde foi cometida tan execrable masacre. Nesta última oportunidade, Vostede apuntou que “líderes, patrocinadores e defensores” das Comunidades serven á subversión ou ó terrorismo. Mentres, converxen aterradoras ameazas, en Cacarica e Jiguamiandó nesta última semana, como o pasado martes 29 de marzo en Bogotá, con anuncios anónimos de asasinato dos integrantes de Xustiza e Paz.

A traxedia colombiana conmóvenos e interpélanos eticamente. O silencio e a omisión parécennos terriblemente cómplices. Non compartimos o obxectivo de terxiversar a realidade, como se pretende ata o punto de manter a absurda tese de negar a existencia do conflicto, pisoteando a memoria das víctimas e atacando ós que buscan sementar esperanza no medio dunha guerra cruenta. Este mecanismo e outros de falseamento, operan a favor da impunidade que o seu goberno está a consolidar. Desexamos ver a Colombia en Paz e Xustiza. Que non haxa nin un morto nin un desaparecido máis. Que ningunha persoa sexa detida ou ameazada pola súa loita pola verdade, a xustiza e a reparación dignas.

Facemos responsable directamente ó goberno que Vd. preside, Sr. Uribe Vélez, se isto continúa a pasar, ou algo máis grave sucedera, nas persoas de Javier Giraldo, os membros da Comisión Intereclesial de Xustiza e Paz ou outro defensor de dereitos humanos ou integrante das Comunidades de paz e resistencia que eles e outras organizacións acompañan, como a Comunidade de Paz de San José de Apartadó, a Comunidade de Vida e Traballo “La Balsita” de Dabeiba, as zonas humanitarias das Comunidades de Autodeterminación, Vida e Dignidade do Cacarica, do Jiguamiandó, e de Familias de Curvaradó.

Suficiente evidencia existe ós nosos ollos de que eles e elas están en perigo pola eficacia moral do seu exemplo. Facemos este chamamento respectuoso, compartido por centos de persoas en todo o mundo, para que recapacite e tal estratexa sexa detida.

Atentamente.




O Comité Óscar Romero de Vigo convídaos a tod@s á charla-coloquio de MARÍA LÓPEZ VIGIL

autora de Piezas para un retrato, co-autora de Un tal Jesús– que terá lugar o vindeiro sábado 21 de maio ás 19:30 no Salón de Actos do Complexo Parroquial Cristo da Victoria de Coia.