nº 66 abril-maio 06


COLOMBIA: VÍCTIMAS DE XENOCIDIO DA UNIÓN PATRIÓTICA (U.P.) INDIGNADAS

 

Non coñecen límites, non diferencian entre a nobleza e a fealdade. Non hai distinción de medios. Non era de agardar, pero tampouco é de estrañar. O uso de mensaxes radiais da campaña de Uribe fai gala da capacidade perversa para impoñer desinformando, terxiversando e seducindo. Para gañar votos todo vale, dende a presión armada, dende o fraude ata a manipulación mediática. A serie de cuñas radiais menosprecian o valor civil dunha aposta política que en menos de 10 anos foi exterminada a través da guerra militar-paramilitar, poñen en tea de xuízo á Unión Patriótica, deixan na picota pública a aqueles que participaron activamente nunha posibilidade de oposición e de construcción de alternativas políticas, ofenden a memoria das víctimas que xusto por pensar o que pensaron foron asasinadas, torturadas, desaparecidas. Pretende a campaña de Uribe deslexitimar a oposición actual cos mesmos parámetros cos que actúan as Forzas Militares, a Doutrina da Seguridade Nacional, a campaña publicitaria, traduce nas súas técnicas os mecanismos da guerra sucia dos 70 pero modernizada. ¡Que horror, que vergoña! A democracia é xustificación do Crime de Estado. Os familiares das víctimas da Unión Patriótica fixeron pública a súa oposición ante esta estratexia de agravios do Presidente da República, tamén criminal posto que xustifica o crime:


O xenocidio perpetrado contra a Unión Patriótica e o Partido Comunista Colombiano durante os últimos 20 anos en Colombia deixou, antre as súas devastadoras secuelas, miles de viúvas e orfos. Os nosos familiares, os líderes e membros da U.P., eran persoas coherentes e honestas que morreron indefensas en atentados realizados moitas veces nos nosos propios fogares e ante a nosa mirada impotente. Ademáis de padecer o sufrimento de perder ós seres queridos, temos visto como as responsabilidades polos homicidios e as “desaparicións” forzadas quedaron na impunidade. As autoridades no levaron a cabo o seu traballo. Os asasinos gozan de liberdade e, frecuentemente, de recoñecemento social. Cando temos esixido verdade e xustiza, se nos perseguiu implacablemente. Chegouse a desaparecer a familiares dos desaparecidos, ou a asasinar a familiares dos asasinados.

Como se isto fora pouco, afrontamos a indolencia social provocada pola xustificación pública que fan das súas actuacións os autores dos crimes. Durante as últimas dúas décadas, tivemos que soportar campañas difamatorias ou declaracións públicas que lexitiman abertamente a violencia contra os militantes da U.P. Nelas trátase ós asasinados como facinorosos que merecían o cruel destino que tiveron. Esas acusacións se fixeron, e se continúan a facer, polos altos funcionarios estatais e polos presidentes da República dos seis gobernos baixo os que se realizou o xenocidio.

A propaganda que nos culpabiliza, o uso dunha linguaxe denigrante e as persecucións resultantes destas prácticas, permitiron que a onda de crimes se teña convertido nun feito normal na vida do país.

O resultado de presentar ós membros da U.P. como unha ameaza para a sociedade é que se configurou unha situación de vulnerabilidade constante e alto risco que valida calquera nova agresión. En ocasións, obrígannos a deixar o traballo ou o fogar por temor ós atentados que poidan sobrevir; négannos o crédito bancario ou o cupo nos colexios para os nosos fillos. En tales circunstancias, vímonos forzados ó desprazamento e ó exilio. O ostracismo social fai que moitos familiares das víctimas teñan que levar unha vida anónima nun ambiente hostil. Non son poucos os casos nos que eles caíron nunha depresión fonda que os levou ó suicidio.

Durante a última semana, temos visto, con dor e indignación, unha cuña radial na que a campaña “Uribe, Presidente” presenta ós nosos familiares coma asasinos e xustifica perseguilos e exterminarlos. Ó ser reclamadas explicacións pola publicidade calumniosa, Fabio Echeverri Correa, xefe desta campaña, respondeu con insolencia a través dos medios de comunicación que se trata do exercicio lexítimo do dereito á liberdade de expresión.

Non é a primeira vez que o presidente Uribe busca votos a costa da nosa tragedia. Xa na anterior campaña para as eleccións presidenciais, afirmou que o “erro” cometido coa U.P. era comprensible, pois non é posible querer “combinar a política cos fusís”.

Este grave atentado contra a nosa dignidade non é só un intento de xustificar o acontecido. A súa difusión pública é unha clara incitación á violencia que pon en risco as nosas vidas.

Consideramos que é inmoral pretender gañar o favor popular nas urnas denigrando ós sobrevivintes dun xenocidio, incitando a que continúe a violencia contra eles e burlándose cruelmente do seu prolongado sufrimento. Non se pode lexitimar o ter asesinado ós nosos familiares. Despois de tódalas ultraxes sufridas, e de nos someter a vivir na impunidade, agora queren negarnos tamén o dereito a ser recoñecidos como víctimas dun exterminio.

Señor Presidente: ¿Que é o que busca vostede con esta nova arremetida contra a nosa dignidade, a nosa dor e a memoria dos nosos familiares? ¿É que acaso tampouco temos dereito a que se nos recoñeza como víctimas?

Iván Cepeda Castro, Claudia Victoria Girón Ortiz (Familiares de Manuel Cepeda Vargas, asasinado o 9 de agosto de 1994), María Eugenia Guzmán de Antequera (Viúva de José Antequera, asasinado o 3 de marzo de 1989), María Josefa Serna de Gaviria (Viúva de Francisco Gaviria, víctima de “desaparición” forzada o 10 de decembro de 1987), Reina Pedraza de Posada, Julio César Posada Pedraza, Nelson Posada Pedraza, Iván Posada Pedraza, Fabiola Posada Pedraza, Jairo Posada Pedraza (Familiares de Leonardo Posada Pedraza, asasinado o 30 de agosto de 1986), Marien Quintero de Daza (Viúva de Abelardo Daza, asasinado o 2 de agosto de 1989), Tulia Sofía Vargas de Poveda, Ramiro Alfonso Poveda Vargas(Familiares de Julio Alfonso Poveda, asasinado o 17 de febreiro de 1999), Hada Luz García Méndez, Tania Marinela García Méndez, Jenny Paola García Méndez (Fillas de María Mercedes Méndez de García, asasinada o 3 de xuño de 1992, e de José Rodríguez García, asasinado o 26 de novembro de 1992), José del Carmen Castro, Carolina Castro Bueno, Eugenia Castro Bueno, Claudia Castro Bueno, Néstor Morales, Fabio Castro Bueno, Deyanira Daza (Familiares de Mario Castro Bueno, asasinado o 1 de novembro de 2002), Clara Isabel Niño de Caicedo (Nai de Pablo Caicedo Niño, víctima de “desaparición” forzada o 19 de novembro de 1985), Sandra Guevara de Bernal (Viúva de Carlos Salvador Bernal, asasinado o 1 de abril de 2004), Cosuelo Arveláez de Santamaría (Viúva de Gabriel Jaime Santamaría, asasinado o 26 de outubro de 1989), Patricia Gutiérrez de Durango (Viúva de Heliodoro Durango Hernández), Cecilia Vélez de Gónima (Viúva de Carlos Gónima López, asasinado o 22 de febreiro de 1988)

Teoloxía da Liberación: JOSÉ COMBLIN

Entrevista de Carlos Peresa e Evaristo Villar, en Éxodo


-. Cando afirmamos que «outro mundo é posible», que queremos dicir?

-. Eu diría o que dixo unha muller indíxena guatemalteca:«ese outro mundo xa existe, pero escondido en medio dos pobres» Nos medios de comunicación fálase dos pobres sempre de xeito negativo, como os que non teñen bens, os que non teñen cultura, os que non teñen para comer. Visto dende fóra, o mundo dos pobres é todo negatividade. Sen embargo, visto dende dentro, o mundo dos pobres ten vitalidade, loitan para sobrevivir, inventan traballos informais e constrúen unha civilización distinta de solidariedade, de persoas que se recoñecen iguais, con formas de expresión propias, incluidas a arte e a poesía. Coñecín barracas construidas sobre o mar en El Salvador onde viven moitos miles de persoas en condicións moi precarias, incluso con perigo de caer á agua. Pero a xente vive alí cunha alegría, cunha conciencia, cunha apertura e cunha paciencia, que son o reverso do mundo dos ricos.

Realízase o que di Xesús: «o Reino de Deus está ahí escondido no medio dos pobres, pero son necesarias algunhas figuras de tipo profético para recuperar a esperanza, a confianza.» É como o lévedo que fai falla para fermentar a masa. Onde non hai profetas queda como unha frustración, pero dende o intre en que aparece unha persoa inspirada érguese unha experiencia nova. E entón hai moitísimos lugares nos que se atopa ese pobo, que é ese mundo alternativo.

-. Dende ese outro mundo dos pobres, ¿é posible facer fronte ó actual mundo neoliberal?

-. Tódolos imperios destruíronse por loitas internas ou porque outro imperio máis forte os sobrepasou, como podería ser pronto o caso de China. Non vai ser a teoloxía a que vai destruír os imperios; éstes destrúense por si mesmos ou entre si..., pero non sabemos cando. Entón, o outro mundo non nace porque fracase o mundo actual, senón pola introducción dun mundo novo dende o máis baixo. Todo o bo que hai na democracia moderna, en realidade naceu nas cidades medievais. Nelas foron os pobres campesiños, que fuxiron do campo e formaron comunidades propias, chegando a crear novas formas de cultura, ata que o capitalismo moderno destruiu toda a independencia e autonomía das cidades.

-. ¿Que papel está a xogar a Igrexa Católica nesta situación?

-. O «outro mundo» de Porto Alegre está a aparecer, pero a Igrexa Católica vai noutra dirección. A opción polos pobres foi esquecida e se practica unha relixión burguesa, moi comprometida cos movementos burgueses, como o Opus Dei, os Lexionarios de Cristo ou Comunión e Liberación. A Igrexa sitúase fóra do Reino de Deus e se adica a cultivar os sentimentos relixiosos da clase dominante, dos privilexiados do sistema. Eu coñecín outra Igrexa en tempos de Helder Cámara ou Leonidas Proaño, que se ubicaban dentro do mundo dos pobres e lles daban esperanza... Pero a Igrexa Romana ten como única preocupación manter o seu poder e a evolución do episcopado nestas últimas décadas é unha tristeza. Un día lin nun libro de Freire unha anécdota ilustrativa sobre o confesor de Pío XII, que era profesor de Historia na Universidade Gregoriana e que, como confesor do Papa, podía coñecer tódalas mentiras coas que se enganaba a si mesmo, e entón deixou escrito no seu testamento «que a Igrexa Católica é como un castelo medieval, rodeado de auga; o castelo ten unha ponte, pero a levantaron e pecharon a porta, tiraron a chave, encerráronse dentro e xa non poden cambiar».

-. Vimos de rematar o I Foro Mundial de Teoloxía e Liberación. ¿Que valoración fas desta forma de teoloxía na situación actual?

-. Hai 30 ou 40 anos, cando se fundou a Teoloxía da Liberación, a idea era suscitar tódalas forzas do pobo cristián para entrar no movemento revolucionario que existía naquel tempo. Dende entón houbo grandes transformacións:

1. A esperanza revolución mostrouse imposible e o sistema fíxose moito máis forte do que entón. O imperio actual estaba a empezar hai corenta anos, pero agora as grandes corporacións, as multinacionais, o ocupan todo. A Telefónica de España está en toda América do Sur, o Banco Santander está a comprar os mellores Bancos en Chile, aquí en Brasil ou en México... Ou sexa, España está a reconquistar América Latina, como parte do sistema capitalista de conxunto.

2. O pobo emigrou masivamente do campo ás cidades, e nos suburbios é máis difícil crear relacións sociais e comunitarias; a xente está ahí máis dispersa. Entón hai que repensar en función deses desafíos. E estar en medio deste pobo excluido que loita xustamente para crear unha cultura de sobrevivencia. Entón hai que repensalo e imaxinar cal é o papel que podemos xogar como cristiáns en todo iso. Pero a Igrexa Católica está ausente completamente dos suburbios e deixou ese espacio ós evanxélicos. En Río de Janeiro os rapaces, que chegan do campo teñen dúas alternativas: ou se fan evanxélicos ou entran no tráfico de drogas. O cardenal de Río, Eugenio Salas, loitou contra as comunidades de base, contra toda pastoral popular, e o resultado foi unha reducción enorme do número de católicos. Para moitos bispos brasileiros, toda comunidade de base era comunista, todo era marxismo, e a teoloxía de liberación, puro marxismo. En Brasil debe haber ó menos 2000 profesores de Teoloxía actualmente, pero no se oe moito a súa voz. A teoloxía está paralizada, inconsciente do mundo en que vive, e iso débese en gran parte ó control da ortodoxia, que se exerce sobre as Facultades de Teoloxía. Por iso, falta unha nova xeración de teólogos da liberación a partir da situación actual, que é moi diferente á de hai 30 anos.

-. Dis que as persoas máis novas non tomaron o relevo da teoloxía da liberación, pero hai 35000 acampados no V Foro Social Mundial.

-. Si, si, pero non se ve moita teoloxía niso; son movementos laicos, movementos de profesionais, de estudiantes, pero non sei..., no se oen moitas voces teolóxicas niso. Por exemplo, no Movemento Sen Terra non se ve moita teoloxía ahí. A min convídanme para cursos e charlas así, pero «eu son archivello; non se ve moito ós teólogos máis novos interesados en participar neses movementos. No Foro Social Mundial participan algúns bispos, como Don Demetrio, de Porto Alegre, ou Samuel Ruiz, de Chiapas..., pero a maioría dos bispos non é que non acudan, senón que infunden no clero a idea xeral de que esas cousas son perigosas, esas cousas non son moi ortodoxas. Ó Papa non lle gustan esas cousas. Hai tamén un movemento de contestación-discusión, pero a voz cristiá é moito máis feble que hai 30 ou 40 anos. As comunidades de base reduciron moito o seu peso e a súa presencia social, porque non tiveron apoio nin dos bispos nin dos curas. Tense tratado de recuperar, de integrar dentro do sistema parroquial tradicional... e se levantaron poucas voces proféticas para reforzar as comunidades de base.

-. ¿Que te parece o recente retiro de Casaldáliga?

-. Vai ser un baleiro inmenso. Todavía hai bispos profetas que falan claramente. Están Tomás Balduino ou Demetrio..., pero el é o primeiro. Casaldáliga é a voz que todavía fala con sinceridade, espontaneidade e total liberdade. É un exemplo non soamente para os católicos, senón para toda a sociedade en xeral, e ten un prestixo e unha irradiación moi grande. Dende Roma castigárono durante todo o seu episcopado, foi vixiado constantemente e tivo innumerables conflictos. Foi quen de se salvar, porque naquel tempo tiña o apoio do Cardenal Arns. A curia romana no osou sacalo sinxelamente porque a reacción tería sido moi grande. Pero agora xa non é así. A conferencia episcopal cambiou radicalmente, romanizouse completamente. Se el tivera que empezar agora, non atoparía apoio, pero xa é vello e por iso o respetan; pero se tivera que empezar non sería posible.

-. Lula é unha figura que dende España é seguida con moito interese. ¿Como o ves ti dende Brasil?

-. Lula é unha personalidade, pero non é o goberno. O goberno é o Partido dos Traballadores, que é un nome usurpado, porque en realidade non é o partido dos traballadores. A gran maioría, o 70% dos membros do partido son funcionarios públicos, ou sexa, son todos pagados polo Estado. Non son obreiros, non son campesiños e a dirección do partido hai dez anos tomou unha opción moi clara: «queremos o poder con calquera condición». Calquera que sexa a condición queremos o poder. E como dicía o Presidente confidencialmente: «Se hai que ir á dereita, o partido irá á dereita». E entón, de feito se prepararon para ter o apoio ou, polo menos, a tolerancia dos grandes Bancos, das corporacións mundiais, e así a campaña electoral foi un continuo mensaxe de paz, tranquilidade e diálogo sen ningún conflicto; ou sexa, ningún conflicto con ningunha forza poderosa. Ni cos Bancos, nin co Fondo Monetario, nin cos propietarios rurais, nin coas corporacións multinacionais... ¡Ningún conflicto! E, de feito, todos éstes síntense felices. Os Bancos nunca gañaron tanto como agora. Así as corporacións multinacionais poden comprar aquí todo o que queren e expandirse moito, porque o partido xa tomou esa decisión, aínda que non a comunicou ós militantes de base. Entón os militantes ficaron coa ilusión de que querían o socialismo, de que querían outra sociedade e así. Pero a dirección do partido xa tiña o seu programa feito dende había dez años. Moitos líderes saíron do partido; xa non poden máis, porque ven a orientación que están a tomar as cousas. En canto a Lula, é a figura popular que lles permite ter audiencia no pobo, é a súa mellor propaganda, a mellor propaganda do sistema, pero el non é quen manda, non é el quen elabora a política. Ademáis, el acepta ese papel porque é un negociador tradicional. Nos seus orixes como sindicalista aprendeu a negociar, a facer acordos cos patróns. E iso é o que fai. Na industria automovilística tiña algún poder de negociación, pero fronte ás corporacións mundiais, o Fondo Monetario, os Bancos..., ¿que marxe ten? Ahí a negociación sempre termina en capitulación.

-. ¿No hai aspectos positivos na política de Lula?

-. Hai aspectos positivos. Un deles, a loita contra a corrupción. Parece que co seu goberno hai menos corrupción, aínda que a súa búsqueda de alianzas con outros partidos no sei ata onde llo permitirá. O mellor do Partido dos Traballadores é o seu traballo non concellos onde tiveron a alcaldía; ahí poideron ser máis creativos, porque iso tampouco interesa tanto ás multinacionais nin ós grandes. Pero a nivel do Goberno central de Brasil, ata Frei Betto, compañeiro seu dende hai moitos anos, o deixou porque xa non pode aceptar máis a súa orientación económica neoliberal. Mantivo a ilusión de que as cousas poderían cambiar, pero non aguantou máis. Hai máis dun ano que el quería saír do goberno, pero insistiron, insistiron, e, ó final, decidiu que xa non podía seguir.

-. ¿E o Programa contra a Fame?

-. A orientación deste programa foi moi discutida. Dar comida ós que teñen fame é a solución da burguesía tradicional; danse limosnas, comidas, pero non se soluciona ningún problema. En boa parte, iso os adormece, quítalle estímulos ás cousas; e moitos dánse por satisfeitos. En cambio, dende o goberno non se impulsa ningún programa para movilizar ás forzas populares. Todo o contacto cos obreiros é para dicirlles: «Teñan paciencia, teñan paciencia. A transformación non se fai nun ano, faise a modiño», ou sexa, acaban por desmovilizar. O resultado é que non hai ningún antagonismo entre o mundo popular e as corporacións, entre a industria e os bancos. ¿Que pasa? Non pasa nada: en materia de educación, nada; en materia de saúde, nada. Porque a prioridade é pagar as débedas. E se manteñen os intereses altísimos, de tal xeito que os Bancos nunca gañaron tantos cartos como agora, nunca. E a débeda do goberno o ano pasado creceu en 100000 millóns de reais. Por todo isto xa hai sectores populares que inician a protesta contra Lula, como se podería escoitar nas manifestacións do Foro Social Mundial. En moitas reunións populares Lula comeza a ser contestado, porque despois de dous anos comezan a estar un pouco impacientes.

-. E do Presidente de Venezuela, Hugo Chávez, ¿que pensas?

-. Non estiven en Venezuela recentemente, pero é unha figura moi controvertida. É moi carismática, moi desorganizado, pero é o primeiro que en Venezuela fixo algo polos pobres, polos campesiños, polos habitantes dos cerros, é o primeiro e por iso o apoian. Por iso houbo tantas manifestacións. O petróleo estaba en mans de sindicatos totalmente vendidos ás empresas internacionais e el foi o primeiro gobernante de Venezuela que recuperou o petróleo. Ata que el interviu, unha fortuna de miles de millóns de dólares escapaba do país e el, prácticamente, a recuperou, e o petróleo está a axudar a mellorar a situación dos pobres. De calquera xeito, Chaves ten ese mérito, foi o primeiro que fixo algo para se enfrontar coa burguesía, cos bancos, cos medios de comunicación. Tíñao todo en contra. E a Igrexa Católica tamén estaba contra el en primeira liña, liderando as campañas contra Hugo Chaves. Pero, a pesar de todo iso, o pobo o apoiou, o que é un sinal. Agora, se vai lograr realmente transformar un pouco as estructuras, iso todavía non se sabe, pero hai sinais que son positivos.

-. No Foro Social Mundial podemos observar un clamor contra a ocupación de Iraq por Estados Unidos. ¿Como valoras a nova doutrina da guerra preventiva?

-. A guerra de Iraq foi a primeira aplicación da nova doutrina estadounidense. Ata 2002, oficialmente, Estados Unidos non tiña substituido a doutrina de Truman como estratexa xeopolítica. A «doutrina Truman», definida en 1947, puña como meta da política americana a contención do comunismo e lexitimou a guerra de Corea e innumerables intervencións militares en tódolos continentes, pero coa disolución da Unión Soviética o comunismo deixou de ser unha ameaza grave. En setembro de 2002 o presidente Bush anunciou unha «nova doutrina xeopolítica», que plantexa a necesidade de «guerras preventivas» contra calquera ameaza posible ó liderazgo de Estados Unidos. Non se trata de responder a unha agresión, senón de facela imposible. Estados Unidos non ía tolerar a formación de ningunha potencia que puidera ameazar o seu predominio. Foi a proclamación oficial do imperialismo estadounidense para que ninguén tivera dúbidas.

-. ¿E pensas que un imperialismo así pode lexitimarse hoxe en día?

-. Como tódolos imperios, Estados Unidos disfraza as súas intencións e se lexitima ante o mundo pola promesa de ser o guardián da paz mundial. En América Latina a conquista das terras dos indíxenas estivo sempre xustificada pola «pacificación»: a mesma conquista era un acto de pacificación segundo a ideoloxía imperial dos conquistadores. Estados Unidos foi a Iraq a levar a paz, aínda que non fora aceptada pola maioría dos seus habitantes. Pero a mensaxe estaba dirixida a tódolos pobos árabes e musulmáns en xeral. Unha vez ocupados Afganistán e Iraq, Estados Unidos posúe unha rede de bases militares dende onde controla todo o Medio Oriente e Asia Central. Por suposto, os pobos da rexión non aceptarán facilmente esta situación de dependencia, e Estados Unidos vai ter que exercer unha represión permanente en todo o seu imperio, o que porá de manifesto a contradicción entre imperialismo e democracia. Outra oposición virá tamén do propio pobo norteamericano. Pero os gobernantes de Estados Unidos e os grandes grupos financieiros que os presionan, van ó seu. Xa tiñan conquistado as reservas petrolíferas de África en Angola, Gabón, Nigeria, Guinea, e agora dominan todo o Medio Oriente e Asia Central, ou sexa, as antigas repúblicas asiáticas da Unión Soviética. Deste xeito, a gran vencida na guerra de Iraq é Europa, porque vai depender de Estados Unidos nas súas provisións de petróleo. Algúns gobernos europeos -non precisamente Aznar- eran conscientes do que estaba en xogo e por iso trataron de evitar a guerra. Non o conseguiron e a conclusión é que Europa deixou de ser unha ameaza posible para o dominio económico de Estados Unidos.

-. Volvendo ó vello teólogo da liberación, ¿cal é a túa mensaxe central no último libro «O Camiño»?

-. O propósito do libro é separar claramente o que é cristián do que é religioso. «O cristián» é a mensaxe de Xesucristo, que non é relixioso, non funda unha nova relixión, non crea ningunha actividade relixiosa, senón, ó revés, destrúe toda a relixión do seu pobo. É certo que a xente necesita relixión, dar expresión pública a un sentimento relixioso, pero iso non é o cristianismo todavía. A Igrexa pasou ó longo da historia por varias fases: reintroduciu o Antigo Testamento creando os sacerdotes e reinterpretando a Eucaristía como o sacrificio; despois integrou tamén gran parte do sistema romano, a relixión pública ó servicio do estado e lexitimadora do mesmo; introduciu tamén boa parte da relixión dos pobos xermánicos, dos que cambiou pouca cousa. O programa do Papa Gregorio viña a recomendar ós misioneiros que mandaba a Inglaterra a seguinte misión: «Vostedes irán ós santuarios dos pagáns, sacarán os ídolos que veneran e no seu lugar poñan as imaxes dos santos». E de feito continuaron a súa relixión tradicional cun revestimento cristán. Durante séculos, dende a alta Idade Media, fíxose este convenio que naturalmente facilitou a conquista dos estados europeos. O episcopado cerra os ollos e lle basta con que a xente vaia a misa, reciba o bautismo e o sinal exterior da Igrexa; pero a relixión que se practica é a dos santos, unha nova expresión dos seus espíritos tradicionais, e non a mensaxe de Xesús. Iso no é o cristianismo.

-. Entón, para ti ¿cal é hoxe ese camiño de Xesús?

-. O camiño de Xesús pode ser expresado en tres claves:

1. A esperanza, ou sexa, a esperanza de que non soamente outro mundo é posible, senón que está a comezar agora. É un movemento de moito sufrimento, que pasa pola cruz, polas loitas enormes que poden ser, pero onde temos a convicción de que estamos a construír un mundo novo. Éste é o tema da esperanza.

2. A clave da fe, pois temos recibido o espírito de Deus, que nos dá forza para traballar na esperanza. Por iso a fe é confianza en nós mesmos, porque os pobres o que máis necesitan é a confianza en si mesmos, o sentimento de que son capaces de construír o Reino aquí e agora; ésa é a revelación de Xesús: «O Espírito Santo virá e fará a través de vós obras maiores das que eu teño feito». Ou sexa, o espírito faráos libres, capaces de obrar, de crear e de renovar a vida.

3. O amor, a convocación a formar unha fraternidade entre os seres humanos. Ésa é a vocación fundamental da mensaxe cristiá, como di San Pablo: «A fe e a esperanza pasarán, todo o demáis pasará, o único que permanece é o amor». Entón, despois da morte, o único que quedará é o amor. O amor, que é algo concreto: poñerse ó sevicio do outro, dos outros, dos necesitados en primeiro lugar. Entón, «onde existe amor, ahí está presente o Reino de Deus».