Benquerid@s lectores/as:
Nestas datas tan sinaladas queremos alza-la voz máis aló da dor e da indignación que anega o noso interior por mor da traxedia do Prestige para enviarvos unha mensaxe de esperanza no novo ano que está a piques de comezar. Dende a profunda dor e dende a impotencia que sentimos todos e todas ante este manto de negrura fonda e espesa que está a empezoña-lo noso mar, as nosas praias e rochas, e mesmo os nosos corazóns, a esperanza xorde, coma moitas outras veces, do testemuño exemplar de tantos homes e mulleres que se negan a permanecer indiferentes ante a inxustiza e prestan decididos as súas voces de denuncia (“nunca máis”, “dimisión”, “in-com-pe-ten-cia”...) e as súas mans, que rouban sen descanso o veleno do chapapote á natureza criminalmente ferida, á loita diaria contra a morte no empeño de que a vida saia vencedora unha vez máis, de que o seu esforzo sexa quen de devolverás zonas petroleadas a antiga fermosura e riqueza. Fronte os erros, a omisión e mesmo as mentiras dos seus dirixentes, o pobo está a dar unha vez máis unha lección de solidariedade, compromiso e capacidade de loita, lembrándonos que nas mans da xente, nas mans de todos e todas nós, está o futuro, a realidade diferente e nova, xusta, que estamos chamados a construir día a día...
EDUARDO GALEANO: S.O.S.
Recuperamos neste último número do ano un artigo de Eduardo Galeano que mostra, en medio das circunstancias terribles que estamos a vivir, unha vixencia absoluta: os desastres naturais que destrúen día a día o noso planeta, tamén esta marea negra, non son terribles fatalidades, senón a consecuencia última dun sistema asasino que antepón os beneficios e intereses económicos a calquera dereito humano, incluído o dereito á vida.
O mono desarmado morre de sede. Esta lección da prehistoria abre a película 2001, Odisea del espacio. Para a odisea 2003 o Presidente Bush anuncia un presuposto militar de mil millóns de dólares por día. A industria armamentística é a única inversión digna de confianza. As potencias donas do planeta razoan bombardeando. Elas son o poder, un poder xeneticamente modificado que humilla á natureza: exerce a liberdade de converte-lo aire en lixo e o dereito a deixar á humanidade sen casa; chama erros ós seus horrores, esmaga a quen se pon no seu camiño, é xordo ás alarmas e rompe o que toca.
Durante máis de dous décadas as profecías dos ecoloxistas mereceron burla ou silencio; agora os científicos dánlle-la razón. E o tres de xuño ata o mesmo Bush non tivo máis remedio que admitir, por primeira vez, que haberá desastres se o recalentamento global continúa a dana-lo planeta. Pero ninguén é perfecto: ó mesmo tempo, Bush anunciou que EEUU aumentará nun 43 por cento nos próximos 18 anos a emisión dos gases que intoxican a atmosfera. Á fin e ó cabo, el preside un país de máquinas que rodan comendo petróleo e vomitando veleno: máis de 200 millóns de automóbiles, e menos mal que os bebés nos conducen. EEUU practica o terrorismo ambiental sen o menor remordemento, como se o Señor lle tivese outorgado un certificado de impunidade porque deixou de fumar.
“A natureza está xa moi cansa” escribiu Luis Alfonso de Carvallo en 1695. Se nos vise agora... Como as linguas humanas e as humanas culturas, van morrendo as plantas e os animais. Pélanse os bosques, a terra faise deserto, envelénanse os ríos, derrétense os xeos dos polos e as neves dos altos cumios. En moitos lugares a chuvia deixou de chover e en moitos chove como se se partise o ceo. O clima está para o manicomio. As inundacións e as sequías, os ciclóns e os incendios incontrolables son cada vez menos naturais, aínda que os medios insisten, contra toda evidencia, en chamalos así. E semella un chiste de humor negro que as Nacións Unidas chamaran ós anos noventa “Década Internacional para a Reducción dos Desastres Naturais”. ¿Reducción? Ésa foi a década máis desastrosa: 86 catástrofes que deixaron cinco veces máis mortos que os moitos mortos das guerras nese período. Case todos, o 96 por cento para ser precisos, morreron nos países pobres.
Con devoción e entusiasmo o Sur do mundo copia e multiplica os peores costumes do Norte. E do Norte non recibe as virtudes, senón o peor: fai súa a relixión estadounidense do automóbil e o seu desprezo polo transporte público, e toda a mitoloxía da liberdade de mercado e a sociedade de consumo. E o Sur tamén recibe, cos brazos abertos, as fábricas máis porcas, as máis inimigas da natureza, a cambio de salarios que dan nostalxia da escravitude. Sen embargo, cada habitante do Norte consume dez veces máis petróleo, gas e carbón. Gula e xaxún do menú ambiental: o 75 por cento do mundo da contaminación provén do 25 por cento da poboación. E nesa minoría non figuran os mil douscentos millóns que viven sen auga potable, nin os mil cen millóns que cada noite van durmir sen nada na barriga. Non é “a humanidade” a responsable da devoración dos recursos naturais, nin da podrecemento do aire, a terra e o auga.
O poder álzase de hombreiros: cando este planeta deixe de ser rentable, múdome a outro. A beleza é bela se se pode vender e a xusticia é xusta se se pode mercar. O planeta está a ser asasinado polos modelos de vida. As palabras perden sentido, mentres perden a súa cor a mar verde e o ceo azul, que foran pintados por xentileza das algas que botaron osíxeno durante tres mil millóns de anos.
Esas luceciñas da noite ¿están a nos espiar? As estrelas tremen de estupor e de medo. Elas non poden entender cómo segue a dar voltas, todavía vivo, este mundo noso, tan fervorosamente adicado á súa propia aniquilación. E se estremecen de susto porque viron que xa este mundo anda a invadir outros astros do ceo.
Diversas organizacións humanitarias rexistraron 690 novos casos de violacións dos dereitos humanos nos primeiros cen días do goberno do presidente Uribe en Colombia cun total de 1908 víctimas. Estes colectivos denuncian que o decreto 2002, expedido no marco do estado de conmoción interior, vulnera dereitos recoñecidos internacionalmente nun claro intento de estigmatizar e criminalizar á poboación civil como colaboradora dos grupos á marxe da lei e como responsable do conflicto, centrando nela o peso riguroso da represión.
Por outra banda, a estratexia laboral de terror coa que a multinacional Coca-Cola multiplica os seus beneficios en complicidade cos grupos paramilitares, as forzas armadas e corpos de seguridade en Colombia, foi denunciada recentemente en Bruselas: nos últimos dez anos 8 dirixentes do sindicato de traballadores da empresa foron asasinados no país, 2 tiveron que exiliarse e 48 sufriron desprazamento forzado. Tamén en Guatemala, Filipinas, Pakistán, India, Israel e Venezuela Coca-Cola recorre ó asasinato, violencia, corrupción e incumprimento das leis laborais para acada-los seus fins económicos; e en EEUU foi acusada de discriminación racial, atentado contra a saúde pública, danos medioambientais, contaminación xenética e contaminación da auga.
Nun informe presentado ante a Asamblea das Nacións Unidas o pasado mes, Cuba estima en setenta mil millóns de dólares os danos do bloqueo económico que EEUU impón na súa contra dende hai máis de catro décadas. O informe cubano condena o “sistema meticuloso e infernal” creado ó longo dos anos “para impedir a todo un pobo acceder ós alimentos e medicamentos esenciais producidos no principal mercado do mundo” e afirma que “o presidente George Bush recrudeceu a súa política de agresión económica contra Cuba”. Entre os episodios recentes destaca, por exemplo, a prohibición da empresa estadounidense Beckman Coulter á súa filial europea de vender a Cuba un equipo con tecnoloxía punta para o Hospital Miguel Enríquez de La Habana ou a negativa de EEUU ante as xestións iniciadas dende a illa para mercar praguicidas dirixidos ó Aedes aegypti, o mosquito transmisor do dengue.