( extraído do documental “Bowling for Columbine” )
1953: Os EEUU derrocan ó Primeiro Ministro Mossadeq de Irán. Instalan ó Sha, líder dunha nova dictadura.
1954: Os EEUU derrocan ó presidente Arbenz, elexido democraticamente en Guatemala. 200000 civís mortos.
1963: Os EEUU apoian o asasinato do presidente subvietnamita Diem.
1963-75: A armada estadounidense mata a 4 millóns de persoas no sudeste de Asia.
11 Setembro 1973: Os EEUU organizan un golpe de estado en Chile. O presidente Salvador Allende, elexido democraticamente, é asasinado. O dictador Augusto Pinochet sube ó poder. 5000 chilenos mortos.
1977: Os EEUU apoian o dominio militar de El Salvador. 70000 salvadoreños e 4 monxas estadounidenses mortos.
1980: EEUU adestra a Osama Bin Laden e ós seus homes para matar rusos. A CIA ofrécelle 3 billóns de dólares.
1981: A administración Reagan adestra e financia as “Contras”. 30000 nicaragüenses mortos.
1982: EEUU dá cartos a Sadam Hussein para que merque armas para matar iranís.
1983: A Casa Branca proporciona en segredo armas ós iranís para matar iraquís.
1989: Manuel Noriega, axente da CIA e presidente de Panamá, desobedece a Washington. EEUU invade Panamá e derroca a Noriega. 3000 panameños mortos.
1990: Iraq invade Kuwait con armas estadounidenses.
1991: EEUU entra en Iraq. Bush ( pai ) reinstala ó dictador de Kuwait.
1998: Clinton bombardea unha “fábrica de bombas” en Sudán. Era unha fábrica de aspirinas.
1991 ata hoxe: EEUU ataca cada semana Iraq. As Nación Unidas estiman que 500000 nenos morren polas bombas e as sancións.
2000-1: EEUU dá 245 millóns de dólares de axuda ós talibáns.
11-9-2001: Bin Laden utiliza o adestramento da CIA para matar en Nova Iorque a 3000 persoas.
Jon Sobrino, teólogo da Liberación que estivo a piques de morrer na matanza dos xesuitas na UCA, pronunciou unha conferencia en Madrid sobre “A xustiza nun mundo inxusto” na que denunciou as motivacións económicas da guerra en Iraq polo petróleo e da do Congo polo dominio do coltán, mineral estratéxico necesario para os misís e os ordenadores.
O teólogo dixo que se o mundo puxese a palabra ó servicio da verdade habería menos inxustiza e defendeu que a opción polos pobres debe guiar o camiño da Igrexa e de tódolos cristiáns. Recordou que os pobres, que non teñen nome, están a ser esquecidos: non lembramos, por exemplo –dixo- o 7 de octubre que foi o inicio do ataque contra Iraq e si recordamos o atentado do 11 de setembro en Nova Iorque.
Noutro momento da súa intervención, Jon Sobrino subraiou que facer xustiza hoxe é ante todo salvar da pena de morte por fame ou por aspectos relacionados con ela ós 50 millóns de nenos que cada ano morren no mundo. Finalmente suliñou que o Concilio Vaticano II está a ser lido de xeito burgués e que “San Francisco de Asís e monseñor Romero deben estar fartos de elitismo eclesial”.
20 de marzo : MOVILIZACIÓN CONTRA A GUERRA
A Asemblea dos Movementos Sociais, reunida na cidade de Mumbai, India, durante o Foro Social Mundial, fixo un chamamento á cidadanía mundial a se movilizar o vindeiro 20 de marzo, aniversario do inicio da guerra en Iraq “nunha xornada internacional de protesta contra a guerra e a ocupación de Iraq, imposta polos gobernos de EEUU, Gran Bretaña e os seus aliados”.
O chamamento lembra que “a ocupación de Iraq demostrou o vencellamento entre o militarismo e a dominación económica por parte das corporacións transnacionais e confirmou as razóns que nos levaron a nos movilizar na súa contra”. Os movementos sociais demandan a retirada inmediata das tropas de ocupación de Iraq e apoian ó pobo iraquí no seu dereito á soberanía e á reparación dos danos causados polo embargo e maila guerra. Ademáis decláranse en loita “contra toda forma de terrorismo, incluido o terrorismo de Estado”, pero tamén contra “a utilización da loita contra o terrorismo para criminalizar ós movementos populares e ós activistas sociais”. Denuncian que as chamadas leis contra o terrorismo están a restrinxir os dereitos civís e as liberdades democráticas e esixen a fin do militarismo, o cancelamento dos presupostos militares e o peche das bases norteamericanas en todo o mundo.
Expresando a súa solidariedade cos movementos e loitas sociais da India, o chamamento condena “ás forzas políticas e ideolóxicas que promoven a violencia, o sectarismo, a exclusión e o nacionalismo, baseados na relixión e na etnicidade” e apoia a loita pola xustiza,a igualdade e os dereitos humanos de grupos da India como os Dalits e os Adivasis. Asimesmo reafirma o seu compromiso de loita contra o racismo, as castas, o imperialismo cultural, a pobreza, o patriarcado e tódalos xeitos de discriminación e exclusión. Reivindican ademáis a loita dos campesiños e campesiñas, traballadores e traballadoras, movementos populares urbanos e de toda persoa ameazada con perder o fogar, o traballo, a terra e os seus dereitos. Recoñecen as crecentes loitas para deter e reverter as privatizacións e protexer os bens comúns, así como as loitas campesiñas contra as transnacionais e a prol da soberanía alimentaria e da reforma agraria democrática.
Os movementos rexeitan a imposición de acordos rexionais ou bilaterais de libre comercio, como o ALCA., e constatan a crecente unificación das súas movilizacións contra un inimigo común, a OMC. Lembran que “os pobos indíxenas loitan contra as patentes de toda forma de vida e o asalto á biodiversidade, á auga, á terra, ó medio, á educación e á saúde”. e fan un chamamento “a todos e todas a se movilizar pola auga como dereito básico e fonte de vida que non pode ser privatizada, así como a recuperar o control sobre os bens comúns e recursos naturais entregados a intereses privados e transnacionais”.
Denuncian o endebedamento insostible dos países pobres do planeta por parte dos gobernos, as trasnacionais e as intitución financieiras internacionais, repudian a débeda ilexítima do Terceiro Mundo e esixen a súa cancelación incondicional e a reparación polos danos económicos, sociais e ambientais, como primeira condición para a plena satisfacción dos seus dereitos. Expresan o apoio loita que desenvolven os movementos sociais no continente africano e pronúncianse contra o cumio do G8 e as reunións do FMI e do BM “principais responsables do expolio dos pobos”.
SAMUEL RUIZ CHAMA Ó DIÁLOGO EN CHIAPAS E CUESTIONA A GLOBALIZACIÓN
O bispo emérito mexicano Samuel Ruiz, que vén de instar nunha carta pastoral a realizar un novo diálogo para resolver o conflicto zapatista en Chiapas, afirmou que hai un camiño longo por diante e que haberá que configurar un novo diálogo que busque a satisfacción das causas de inxustiza que xeraron o conflicto, suliñando a necesidade de camiñar polo camiño da solución tranquila e ecuánime e non polo da represión. Asimesmo, o bispo dixo que a globalización “desvencellada da ética, agudiza a desigualdade económica e profundiza a inxusticia”. Ruiz congratulouse pola existencia de “sinais” que están a actuar cara a construcción doutro mundo, entre eles a “emerxencia dos pobres, dos pobos indios e dos movementos sociais”. Ante uns 250 seguidores que acudiron á presentación do documento, sostivo que “se visualiza esperanzadoramente a forza globalizadora dos excluidos, que non aceptan que este sistema sexa definitivo, senón que vehementemente expresan que outro sistema, onde a xusticia e a verdade resplandezan, é urxente e posible”.
Ante a crítica situación que está a vivir o pobo Xavante trala súa decisión de voltar ás terras das que foron deportados pola forza nos 60, Pedro Casaldáliga, bispo de Sặo Félix de Araguaia, escribiu unha circular para agradecer “de corazón tanta solidariedade fraterna”: “a situación agravouse pola presencia na rexión dun grupo poderoso e ambiguo con forte respaldo político, interesado na plantación, que acaba de comprar a área. É neste clima cando xurdiron novas ameazas contra varios de nós. Sabemos que a solución non é sinxela pero defendemos loxicamente o dereito primeiro do pobo Xavante, así como o dereito a outra terra, de reforma agraria, para os que sexan labregos sen terra entre os ocupantes desa área indíxena. A hora é de “impase” e este problema únese a outros conflictos en terra indíxena. A causa indíxena e a reforma agraria son as débedas históricas e fundamentais do Brasil. Polo demáis a “caminhada” continúa e renovamos o compromiso común de loitar por ese “outro mundo posible” máis conforme co Reino. Unidos na militancia, na oración e na esperanza, reciban coa nosa gratitude un abrazo moi fraterno”.