nº 58 febreiro 05
ÁLVARO RAMAZZINI AMEAZADO
Dende San Marcos, Guatemala, os compañeiros Mari Carmen e Fernando Bermúdez escríbennos para denunciar a persecución que está a sufrir a diócese toda e especialmente o bispo Álvaro Ramazzini polo seu acompañamento profético ós procesos populares que traballan por unha sociedade máis xusta e humana, e en concreto pola súa postura decidida a carón do pobo nas reivindicacións campesiñas de terra, salarios xustos, respecto á integridade dos campesiños e esclarecemento e xustiza fronte ós secuestros e asasinatos dos seus líderes, e tamén na resistencia á explotación mineira a ceo aberto, que destrúe hectáreas de bosques, ameaza con contaminar con cianuro augas e terras cun grave risco para a saúde da población e que ademáis non pasou pola consulta popular que establece o Convenio 169 da OIT firmado por Guatemala.
Todo isto xerou en amplos sectores da poboación campesiña un forte rexeitamento e a acción pastoral da diócese, inspirada en Medellín, Puebla e Santo Domingo, non se mantivo allea a estes conflictos, senón que, con Ramazzini á cabeza, tomou partido xunto ó pobo pobre pola xustiza. Esta postura profética fixo que a oligarquía atacara duramente nos medios de comunicación a Ramazzini e a Fernando Bermúdez, coordinador do Programa de Dereitos Humanos da diócese, e que o mesmo Presidente da República, Oscar Berger, acusara directamente ó bispo de axitador dos campesiños tralos disturbios violentos do 11 de xaneiro na estrada Panamericana, onde a poboación mostrou o seu rexeitamento ó paso da maquinaria da empresa mineira, co saldo dun campesiño morto e varios campesiños e policías feridos. Nese contexto de persecución e acusacións contra Ramazzini, a Procuraduría dos Dereitos Humanos vén de descubrir un plan para acabar coa súa vida.
Dende San Marcos, no medio da difícil situación que están a vivir, Mari Carmen e Fernando escriben: “as acusacións son totalmente falsas. Álvaro Ramazzini é un home que rexeita todo tipo de violencia, aberto sempre ó diálogo, libre de intereses, só apaixonado pola xusticia de Deus e o ben do pobo. De tódolos xeitos, esta situación non nos quita a paz, porque Xesús di: “Felices vós cando pola miña causa vos maldigan, vos persigan e levanten toda clase de calumnias contra vós. Alegrádevos e mostrádevos contentos, porque será grande a recompensa que recibiredes no ceo”.
BALANCE DO PLAN COLOMBIA
A intervención directa dos EEUU no conflicto interno en Colombia comezou coa implementación do chamado Plan Colombia, presentado polo goberno de Andrés Pastrana como unha estratexia para o fortalecemento do Estado e o desenvolvemento de diálogos de paz coa guerrilla das FARC e que hoxe é parte da política de “Seguridade Democrática” do presidente Álvaro Uribe, constuíndo unha resposta militar ó conflicto armado e social que vive Colombia. Aínda que para o Goberno, este ensaio militar forma parte da súa política de paz, para os participantes no Foro Social Mundial é un plan militarista que ten como resultado o aumento de víctimas, especialmente da poboación civil non combatente, a diminución na inversión social e o atraso no desenvolvemento económico.
O alcance desta política na que o goberno norteamericano invertiu máis de 3300 millóns de dólares é evidente ó contrastar os obxectivos teóricos que plantexaron os gobernos de Colombia e EEUU e os seus resultados reais.
No referente á loita antinarcóticos os obxectivos eran reducir en 6 anos en 50% o cultivo e procesamento de narcóticos, fortalecer a capacidade da Forza Pública para combater o narcotráfico, modernizar os aparatos de xusticia, defensa e policía, e fortalecer a capacidade do Estado para protexer e garantir os Dereitos Humanos, pero o custo da relativa diminución na área cultivada foi que as comunidades expostas ás fumigacións sufriron impactos graves a nivel de saúde, seguridade alimentaria e medio ambiente, polo que tiñeron que se desprazar forzadamente. Os mecanismos legais creados para canalizar a súas queixas foron na práctica mecanismos para invisibilizar estes impactos, evitar novas queixas e garantir a impunidade da violación destes dereitos.
Pola tendencia do Plan a narcotizar o conflicto, xurdiu unha Brigada contra o Narcotráfico, e foron creadas e equipadas varias bases militares, a Forza Pública foi dotada do equipo e a infraestuctura necesaria para aumentar a súa mobilidade en todo o territorio e arrancou o “Plan patriota”, un despregue de máis de 18000 efectivos no sur do país co fin de repregar á insurxencia na zona. Sen embargo, este despregue de tecnoloxía significou a intromisión directa norteamericana no conflicto colombiano coa entrada de forzas mercenarias no territorio e propiciou o confinamento de comunidades baixo bloqueo de alimentos e menciñas e o aumento das violacións de dereitos humanos.
O aparato de defensa foi modernizado a propósito da política de “Seguridade Democrática”; tamén o aparato de xusticia coa posta en marcha en 2005 do novo sistema acusatorio de procedemento penal que supuxo a perda das facultades das víctimas para intervir no proceso e graves dificultades para realizar unha defensa axeitada.
O Estado Colombiano presenta un incumplimento case total fronte ás recomendacións realizadas por órganos e procedementos internacionais de protección dos dereitos humanos. A impunidade en materia de violacións ós dereitos humanos é do 99’9% e non hai avances significativos fronte ás obligacións de investigar, xudicializar, castigar e previr estas violacións. De feito, o aparato de xusticia é utilizado como instrumento de criminalización do movemento social en Colombia.
No referente á recuperación económica e social, os obxectivos previos eran promover a recuperación das condicións para a xeración de emprego e a estabilidade social, manter e ampliar as preferencias arancelarias e construir unha Rede de Apoio Social, como instrumento para mitigar os efectos da crise económica sobre a población máis vulnerable. Sen embargo, entre 1997 e 2003 a poboación colombiana por debaixo da liña de pobreza aumentou 11 puntos, é dicir, que nese período 5346843 persoas máis non contaban cos recursos necesarios para satisfacer as súas necesidades básicas.
Outro obxectivo discursivo do Plan Colombia correspondía á promoción de alternativas lícitas de desenvolvemento productivo rexional fronte ás economías da droga. Pero os proxectos dos Pactos de Erradicación asinados coa poboación vencellada á producción da folla de coca, operados a través de organizacións privadas dos recursos, foron insuficientes e non adecuados ó seu obxectivo de brindar seguridade alimentaria. Nalgúns casos a axuda que lles correspondeu ós poboadores non era en sementes ou polos como se lles prometera, senón en tellas, ladrillos ou arame.
Finalmente, o Plan Colombia fixou como obxectivo o logro de acordos para a desmobilización e a reincorporación á vida civil dos grupos alzados en armas, pero non deu resposta á búsqueda dun proceso de paz cunha solución duradeira que permita superar as causas estructurais que alimentaron historicamente o conflicto social, político e armado. O programa de desmobilización que o goberno nacional ofrece contempla a desmobilización individual ou a colectiva para os grupos alzados en armas, pero no caso da desmobilización individual, boa parte dos reinsertados foron instrumentalizados para figurar en procesos penais coma testemuñas en causas que incriminan a líderes sociais, mentres que no que respecta á desmobilización colectiva, organizacións de dereitos humanos e órganos do sistema de Nacións Unidas alertaron da ausencia dun marco xurídico que garanta os dereitos á verdade, xustiza e reparación integral das víctimas de crimes de lesa humanidade e que brinde respostas ás víctimas de desprazamento forzado sobre a restitución das terras ocupadas polos paramilitares. Ademáis, o proceso non esclarece a responsabilidade do estado na creación, financiación e apoio ós grupos paramilitares.
En definitiva, o proceso que ofrece o goberno nacional non é un proceso de reconciliación nacional, senón un mecanismo de impunidade e institucionalización dunha estratexia criminal, na que se expón á poboación civil a graves violacións dos dereitos humanos e infraccións ó dereito internacional humanitario.
V FORO SOCIAL MUNDIAL
Porto Alegre, 31 de xaneiro de 2005
Chamamento ós Movementos Sociais á movilización contra a guerra, o neoliberalismo, a explotación e a exclusión, por outro mundo posible
Hai catro anos o grito colectivo e global OUTRO MUNDO É POSIBLE rompeu a mentira de que a dominación neoliberal é inevitable, así como da “normalidade” da guerra, a desigualdade social, o racismo, as castas, o patriarcado, o imperialismo e a destrucción do medio ambiente. Na medida en que os pobos se aproian desta verdade, a súa forza é irreprimible e vai materializándose en feitos concretos de resistencia, reivindicación e proposta. O novo da nosa época é o estoupido e a extensión dos movementos sociais en tódolos continentes e a súa capacidade de construír na diversidade novas converxencias e accións comúns a nivel global. Nese
Recoñecemos a diversidade de opción sexual como unha expresión dun mundo alternativo e condenamos a súa mercantilización. Os movementos comprométense a compartir a loita contra as exclusións por identidade, xénero e homofobia.
Apoiamos o proceso de construcción dunha rede global de movementos sociais comprometidos coa defensa dos migrantes, refuxiados e desprazados. O neoliberalismo e as políticas da “guerra contra o terror” orixinaron o crecemento da criminalización dos migrantes, da militarización das fronteras, do clandestinaxe e da disponibilidade de forza de traballo barata. Apoiamos a campaña pola ratificación da Convención das Nacións Unidas polos dereitos dos migrantes, que ningún goberno do Norte quere aceptar e a campaña por establecer un organismo independente que sancione ós gobernos que non respetan a Convención de Xinebra para os refuxiados e os dereitos dos e das migrantes.
Apoiamos as campañas e loitas polos dereitos dos nenos e as nenas, contra a explotación laboral e sexual, contra o tráfico de nenos e o turismo sexual. Apoiamos o chamamento dos excluidos, dos sen-voz, para desenvolver unha campaña de solidariedade activa e impulsar unha marcha mundial na que os e as oprimidos e excluidos do planeta levanten a súa voz para conquistar o dereito a unha vida digna.
Dende o 14 ata o 16 de setembro, na Asemblea xeral da ONU, os xefes de goberno de todo o mundo tomarán decisións sobre a reforma das Nacións Unidas e revisarán os seus compromisos para erradicar a pobreza. Son eles os principais responsables da actual situación crítica da humanidade. Apoiamos o chamamento de redes internacionais que convidan a se mobilizar globalmente o 10 de setembro por unha nova orde mundial democrática e contra a pobreza e a guerra.
Apoiamos o chamamento por unha movilización o día 17 de novembro, no día internacional dos estudiantes, en defensa da educación pública, contra a privatización e a transnacionalización da educación.
A comunicación é un dereito humano fundamental. Apoiamos o chamamento a unha forte convención internacional sobre a Diversidade Cultural e expresamos a nosa oposición á mercantilización da información e da comunicación pola OMC.
Apoiamos a economía social como expresión concreta dunha alternativa de desenvolvemento xusto, solidario, democrático e equitativo.
En defensa da saúde pública e contra a súa privatización, chamamos a tódolos pobos do mundo a unha loita permanente.
¡GLOBALICEMOS A LOITA, GLOBALICEMOS A ESPERANZA!
marco, ducias de millóns de homes e mulleres movilizáronse en tódolos rincóns do mundo pola paz, contra a guerra e a invasión encabezada por Bush contra Iraq. Os cumios como o G8 e a OMC, o FMI e o BM, onde poucos pretenden decidir por todos e todas, quedaron cuestionados e deslexitimados pola acción dos movementos sociais. As loitas populares en defensa da natureza, os dereitos dos pobos e os bens comúns, e contra a súa privatización demostraron a posibilidade de poñer en crise a dominación neoliberal. Abríronsenos novos espacios de loita política e social.
O neoliberalismo é incapaz de ofrecer un futuro digno e democrático á humanidade. Sen embargo, hoxe en día retoma a iniciativa respostando á súa crise de lexitimidade coa forza, a militarización, a represión, a criminalización das loitas sociais, o autoritarismo político e a reacción ideolóxica. Millóns de homes e mulleres están a sufrir cada día. Queremos aquí lembrar a guerra no Congo que xa causou catro millóns de víctimas. Por todo isto, outro mundo no só é posible, senón que é necesario e urgente. Conscientes de que o noso camiño é aínda longo, chamamos a tódolos movementos do mundo a loitar pola paz, os dereitos humanos, sociais e democráticos, o dereito dos pobos de decidir o seu destino e a cancelación inmediata da débeda externa dos países do Sur.
Chamamos a tódalas organizacións e movementos sociais participantes no Foro Social Mundial e a aquelas que non puideron estar en Porto Alegre, para traballar xuntos nunha campaña pola INMEDIATA e INCONDICIONAL CANCELACIÓN DA DÉBEDA externa e ilexítima dos países do Sur, comezando cos países víctimas do tsunami e outros que sufriron terribles desastres e crises nos últimos meses. Apoiamos ós Movementos Sociais do Sur que se declararen acreedores das débedas históricas, sociais e ecolóxicas. Esiximos o recoñecemento internacional destas débedas para deter o seu incremento, a restauración dos nosos ecosistemas e o resarcimento ós pobos. Apoiamos a esixencia dos Movementos Sociais de campesiños y pescadores das áreas afectadas polo tsunami de que os recursos para a emerxencia e rehabilitación sexan administrados directamente polas comunidades locais evitando novas débedas, colonización e militarización.
A dous anos da invasión a Iraq a oposición global á guerra é máis grande que nunca. Para o movemento contra a guerra é tempo de aumentar as accións e non dar marcha atrás. Esiximos a fin da ocupación de Iraq. Esiximos que os EEUU diesen de ameazar a Irán, Venezuela e outros países. Comprometémonos a establecer máis contactos coas forzas anti-ocupación en Iraq e Oriente Medio. Reforzaremos as nosas campañas contra as transnacionais implicadas na ocupación, apoiamos ós militares que rexeitan a participación na guerra e defendemos ós activistas perseguidos por estar contra a guerra. Chamamos ós movementos a se mobilizar o 19 de marzo nun gran día de acción global para esixir o retiro das tropas de ocupación de Iraq. ¡Non máis guerras! Apoiamos tódalas campañas para o desarme e a desmilitarización, incluso a campaña contra as bases militares de EEUU no mundo, as campañas polo desarme nuclear, polo control do comercio de armas e por cortar o gasto militar.
Baixo a excusa do “Libre Comercio” o capitalismo neoliberal avanza no debilitamento dos Estados, a desregulación das economías e a “legalización” de privilexios para as corporacións transnacionais a través dos Tratados de Libre Comercio. Fracasado o ALCA pola presión popular, obrígase a Centroamérica e outros países a subscribir Tratados de Libre Comercio bilaterais que os pobos rexeitamos. En Europa, a directiva Bolkestein da UE quere impoñer a privatización completa dos servicios públicos. Neste marco chamamos a todas e todos a nos mobilizar durante as Xornadas de Acción Global do 10 ó 17 de abril no Cumio dos Pobos das Américas e fronte á VI Xuntanza Ministerial da Organización Mundial do Comercio en Hong Kong en decembro.
Apoiamos a Marcha Mundial das Mulleres que realizan unha nova campaña de accións feministas globais partindo de Sao Paulo o 8 de marzo e finalizando o 17 de outubro en Burkina Faso, para reafirmar o seu compromiso na loita contra o neoliberalismo, o patriarcado, a exclusión e a dominación. Convocamos a tódolos movementos a construír nese período accións feministas contra o libre comercio, o tráfico sexual, a militarización e pola soberanía alimentaria.
Apoiamos os esforzos de movementos sociais e organizacións que promoven a loita pola dignidade, a xustiza, a igualdade e os dereitos humanos. Chamamos á movilización de masas contra o cumio do G8 en Escocia do 2 ó 8 de xullo. Iremos ás rúas e participaremos no contra-cumio en Edinburgo e Gloneagles. Esiximos que a pobreza pase á historia, que paren a guerra, cancelen a débeda e impoñan un imposto global ás transaccións financieiras para financiar o desenvolvemento. Protestamos contra as políticas neoliberais e os apoios militares da Unión Europea cara América Latina.
Loitamos polo dereito universal a unha alimentación sa e suficiente e polo dereito dos pobos, nacións e campesiños a producir os seus alimentos. Manifestémonos contra os subsidios á exportación que destrozan as economías das comunidades rurais e contra os alimentos transxénicos, que ademáis de poñer en risco a nosa saúde e o noso ambiente, son o instrumento para o control dos mercados por cinco empresas transnacionais. Rexeitamos as patentes sobre calquera forma de vida e en especial sobre as sementes, xa que con isto pretenden apropriarse dos nosos recursos e o coñecemento vencellado a eles. Esiximos a Reforma Agraria como unha estratexia que permita garantir o acceso do campesiñado á terra e sexa garantía dunha alimentación sa e suficiente, e non se concentre a terra en mans das transnacionais e os latifundistas. Esiximos a anulación das accións en contra dos campesiños, a liberación inmediata dos campesiños e presos políticos e a suspensión da militarización das zonas rurais. Apoiamos a producción sustentable baseada na preservación dos recursos naturais. Apoiamos tamén o fomento á producción orgánica e agroecolóxicaasí e as campañas e loitas en defensa da auga como ben común público, contra a súa privatización e para o recoñecemento do acceso á auga como un dereito humano. Compartimos a esixencia de construír unha alianza entre movementos sociais e redes por un “Contrato mundial polo clima: un mundo solar é posible”. A enerxía é dereito á vida e un ben común. A loita contra a pobreza e o cambio climático esixen que a enerxía sustentable estea entre as prioriades das iniciativas e campañas do movemento social.
A “Responsabilidade Social das Transnacionais” non logrou eliminar os abusos e crimes das transnacionais e ten que ser seriamente desafiada. Os movementos traballarán xuntos para restar poder ás transnacionais e parar os seus abusos e crimes. As comunidades deben ter liberdade para se protexer a si mesmas, ó seu medio ambiente e á sociedade do dominio das transnacionais. Apoiamos as campañas contra as transnacionais que violan os dereitos humanos, sociais e sindicais, como Nestlé, Coca-Cola e Pepsi.
Apoiamos a loita do pobo palestino polos seus dereitos fundamentais e nacionais, incluso o dereito ó retorno, baseados no dereito internacional e nas resolucións da ONU. Pedimos á comunidade internacional e ós gobernos que impoñan sancións políticas e económicas a Israel, entre elas o embargo sobre as armas. Chamamos ós movementos sociais a se mobilizar tamén polas desinversións e boicots. Estes esforzos teñen o obxectivo de presionar a Israel a implementar as resolucións internacionais e respetar o parecer da Corte Internacional de Xustiza de parar a construcción, destruír o muro ilegal do apartheid e rematar a ocupación. Apoiamos ós activistas israelíes pola paz e ós refusnik na súa loita contra a ocupación. Condenamos o inxusto bloqueo a Cuba e pedimos un xuizo xusto para os cinco cubanos presos en EEUU. Do mesmo xeito, esiximos a retirada inmediata das tropas militares estranxeiras en Haití.