nº 65 marzo 06

NO III ANIVERSARIO DA GUERRA DE IRAK


Declaración do Seminario Galego de Educación para a Paz. 17 de Marzo de 2006


Diante da gran invasión armada de Iraq, o Seminario Galego de Educación para a Paz empregou toda a súa intelixencia e todo o seu corazón en denunciar o inxustificable atropelo que supuxo o comezo daquela guerra, e promoveu, xunto con outras organizacións da sociedade civil galega, a constitución da Coordinadora Galega pola Paz, que foi quen de mobilizar á cidadanía en múltiples manifestacións de protesta: “os galegos, pacificamente insurrectos”, en expresión feliz de Suso de Toro, e así inundamos as rúas de tódalas cidades e vilas galegas, en son de paz...

Non podemos parar aquela atrocidade pero canto menos sentímonos copartícipes de amasar ese pensamento que contribuíu a que o novo goberno español decidira corrixir aquel desatino e resolvera a inmediata saída das tropas españolas desmarcándose definitivamente do lamentable trío das Azores.

Seguindo ó xurista italiano, Luigi Ferrajoli en “Razones jurídicas del pacifismo” podemos afirmar que a guerra converteuse nun “mal absoluto”, sen xustificación, porque resulta incontrolable na medida en que os seus danos colaterais sobre vítimas civís veñen sufrindo un medre exponencial en cada contenda, porque resulta desproporcionada nos seus efectos no tempo, porque destrúe vidas e futuros, infraestruturas produtivas de primeira necesidade, condenando á poboación máis necesitada a sufrir esas carencias por moitos anos.

A guerra non abre espazos de convivencia para o futuro. Todo o contrario, incrementa os odios e a ira, alimenta con rancores as caldeiras das vinganzas. Supón, polo demais, un intento falido de imposición dos valores democráticos occidentais pola forza, resultando obviamente contraditorio co método de aprendizaxe e a promoción da cultura da paz e os dereitos humanos.

Pois ben, o balance desta guerra inacabada está sendo aínda moito peor do que supoñiamos daquela. Iraq segue a ser un país profundamente inseguro, no que os atentados terroristas producen vítimas indiscriminadas, non só entre os militares ocupantes senón entre os diferentes grupos da poboación civil ocupada que vive, tamén, unha auténtica guerra civil non declarada. Estanse aprobando partidas orzamentarias en EE.UU. asignadas a determinados grupos económicos e financeiros por influencias e amiguismos, co que ó negocio da guerra segue o obsceno negocio de tentar reconstruír “só por uns” o que previamente destruíron.

A detención do tirano Sadam Huseim non abriu espazos para a convivencia democrática senón que desatou o natural clamor contra dos invasores, a quen ninguén parece agradecerlles a súa suposta liberación, e ten promovido dramáticos axustes de contas entre os grupos antagónicos que rivalizan por copar áreas de poder. Porque, como podemos observar, non se pode reinstaurar un réxime político democrático, que nunca existira con anterioridade, nin tampouco fomentar, mediante bombardeos e violencia, a cultura da paz e os dereitos humanos. E tampouco apareceron as supostas armas de destrución masiva. Polo contrario, o absoluto desprezo polas regras do Dereito Internacional, por parte da coalición invasora, si ten suposto a utilización dunha poderosa arma de destrución masiva da convivencia pacífica dos pobos dilapidando un patrimonio xurídico construído pacientemente co esforzo de moitos.

A doutrina estes días renovada do “ataque preventivo” resulta un eufemismo que se parece cada vez máis ó terrorismo de estado no que se consagra a utilidade e a eficacia do uso da forza para acadar un interese egoísta inconfesable, como é, o control do petróleo e da rexión. A pretendida superioridade dos “estúpidos homes brancos”, que diría Michael Moore, quedou ben demostrada en Guantánamo, en Abu Graib.... e no subarrendamento de torturadores en países ós que son trasladados os presos en vos clandestinos. E iso envilece a todos polo cinismo dos que os envían, pola humillación dos que deciden recibilos, pola covardía dos que miran cara outro lado...

A simpleza maniquea do “eixe do ben fronte do eixe do mal” disparou neste lado unha inxustificable sospeita contra do mundo islámico, e naquel, multiplicou as razóns para o odio contra os novos “cruzados”. Os incidentes desatados a propósito das desafortunadas viñetas de Mahoma son un claro expoñente da altísima temperatura de enfrontamentos que se están a vivir, e que aumenta o clima xeral de inseguridade mundial.

A Alianza de Civilizacións que propugna o mutuo coñecemento, o diálogo tolerante, e a cooperación pacificadora, pode e debe ser unha vacina eficaz que cure o “matonismo” anacrónico para conxurar o perigo de que volvamos a instalarnos nunha detestable violencia. E para elo resulta esencial abandonar o dobre raseiro no enxuizamento dos incumprimentos das resolucións internacionais: os saharauís esperan pacientemente fai xa demasiados anos, pero son menos fortes que Marrocos... os palestinos tamén esperan, pero son menos fortes que Israel... e así sucesivamente. Si a razón do Dereito non sirve para nivelar as forzas militares desiguais estamos cargándonos toda a arquitectura xurídica levantada pouco a pouco, con tanto esforzo, logo do nacemento das Nacións Unidas.

Por iso hoxe, como onte, temos que ser conscientes de que estamos en alerta roxa fronte da divulgación do pensamento único, e “existe unha maneira de contribuír á defensa da Humanidade que é non resignarse” en palabras de Ernesto Sábato, e iso implica seguir pensando e seguir conmovéndonos, coa cabeza e co corazón, para apostar por erradicar o “matonismo” en tódalas frontes, sementando sementes de concordia e de cooperación solidaria.

Porque abolir a guerra, como diría Cora Weiss, segue a ser un imperativo moral do novo século...


PEDRO CASALDÁLIGA: HUMANIZAR A HUMANIDADE PRACTICANDO A PROXIMIDADE

Discurso ó recibir o Premio Internacional de Cataluña 2006


Queridas irmás e irmáns:

É moita deferencia do Goberno de Cataluña e do xurado vir ata São Félix do Araguaia para me entregar o seu Premio Internacional. Síntome violento e avergoñado, por iso e porque este Premio está asociado a persoas extraordinarias da filosofía, da ciencia, das artes, da promoción social. E eu continúo a ser un «fill de Cal Lleter», un «fillo da casa do leiteiro», de Balsareny, á beira do Llogregat, un pequeño arroio posto ó carón deste Araguaia maxestuoso. Esta deferencia da Generalitat é motivo, á vez, para a miña gratitude, recibindo o Premio, e para renovar na vellez a identidade catalá cos seus carismas. «Quan més anem, més tornem»: avanzando na vida, as persoas regresan ás orixes; o arco das vivencias péchase en paz. Novo motivo tamén para reasumir as causas polas que, di o xurado, me outorgan, nos outorgan, este galardón singular.

As causas dos dereitos das persoas e dos pobos, sobre todo das persoas e pobos marxinados e ata prohibidos. Causas miñas, pero causas de todos nós, causas desta pequena igrexa de São Félix do Araguaia, que por elas xa deu suor e ata sangue. Causas especificamente da Nosa América: a terra, o agua, a ecoloxía; as nacións indíxenas; o pobo negro; a solidariedade; a verdadeira integración continental; a erradicación de toda marxinación, de todo imperialismo, de todo colonialismo; o diálogo interrelixioso, e intercultural; a superación dese estado de esquizofrenia humana que é a existencia dun primeiro mundo e un terceiro mundo (e un cuarto mundo tamén) cando somos un só mundo, a gran familia humana, filla do Deus da vida.

Sendo a primeira vez que se outorga o Premio a un morador en América Latina, eu, abusando de osadía sentimental, fago cuestión de recibilo tamén como «representante adoptivo» da Nosa América. O meu paisano de Verdú, San Pedro Claver, apóstolo dos negros en Colombia, e o meu paisano de Sallent, San Antonio María Claret, fundador da miña congregación e arzobispo de Santiago de Cuba, aprobarán sen dúbida esta osadía. Nós, como Igrexa, loxicamente, abrazamos esas causas á luz da fe cristiá, no seguemento de Xesús e do seu Evanxeo: o Evanxeo dos pobres, o Evanxeo da liberación. O Premi Internacional de Catalunya 2006 é noso, meu pobo da Prelatura de São Félix do Araguaia, nosa é a gratitude á Generalitat, noso debe ser o renovado compromiso. A danza maior de Cataluña é a sardana, danza en comuñón dun pobo enteiro dándose as mans. Na Prelatura, a corresponsabilidade é a nosa danza de celebración e de compromiso. Xuntos temos loitado, xuntos recibimos o Premio, xuntos seguiremos a respostar.

O obxectivo e a mediación de todas esas causas nosas pódense formular neste postulado: Humanizar a Humanidade, practicando a proximidade. ¿É unha utopía? ¡O Evanxeo é unha utopía maior! Adaptando a palabra do poeta, titulei así a miña última circular: «Utopía necesaria como o pan de cada día». Non a utopía quimérica que arribaría a un «non-lugar», senón un proceso esperanzado que navega cara un «lugar-outro», ¡un «bo-lugar», eu-topia!

Porque non aceptamos a fatalidade dese sistema de capitalismo neoliberal que nos impoñen, feita mercado a vida, cadradas as testas nun pensamento único, baixo un macro-imperialismo político, económico, militar, cultural. «É preciso reinventar unha economía de convivencia», pedía Edgar Morin, recibindo este mesmo Premio en 1994. O pobo guaraní fala da «economía da reciprocidade». E o pequeño pobo myky, neste Mato Grosso, proclama como un dos seus dogmas básicos que «vivir é convivir». Sen prepotencias, sen exclusións. Todas e todos sendo recoñecidos como persoas na radical dignidade da «raza humana». Os pobos indíxenas, normalmente, na súa autodeterminación clasifícanse «xente», «humanidade»; despois vén o nome, a designación particular de cada pobo, de cada cultura, de cada historia. Identidades colectivas que configuran a Humanidade unha e plural.

A globalización actual, con tódolos seus pecados, graves, ten como contrapartida a virtude de facer que hoxe, como nunca, a Humanidade se sinta «unha». Estamos descubrindo, por necesidade, que navegamos nun mesmo barco. «O choque de civilizacións» ou «a alianza de civilizacións» son a alternativa inevitable. Como agora nos atopamos todos con todos, debemos optar ou por chocar uns contra outros, na intolerancia e a agresión, ou por nos abrazar na comprensión e na complementariedade. «As nacións son contido, non fronteiras» afirma Baltasar Porcel, na presentación dos discursos dos galardonados co Premi Internacional de Catalunya. Muros, «valados», cercas, leis de intolerancia, non son a solución humana. Os «bárbaros do sur» acabarán rompendo as fronteiras da separación. «A fame non ten fronteiras», gritaba o supervivinte dunha «pateira» africana. Eses novos bárbaros acabarán invadindo a terra, a casa, a mesa, a alma dos privilexiados dun mundo primeiro: ¿primeiro en malgastar; primeiro en insensibilidade?

A máis esencial tarefa da Humanidade é a tarefa de se humanizar. Humanizar a Humanidade é a misión de todos, de todas, de cada un e cada unha de nós. A ciencia, a técnica, o progreso, só son dignos do noso pensamento e das nosas mans se nos humanizan máis. Fronte a certos xactanciosos progresos, as estatísticas anuais dese profeta laico que é o PNUD deberían provocarnos unha indignada vergoña. «Outro mundo é posible», proclaman os foros da alternatividade. Outro mundo é necesario. «Facer real o posible» é o título do último libro do economista e educador Marcos Arruda: «Unha reflexión creativa e propositiva sobre economía…, a praxis doutra economía, xa en marcha, fundada na cooperación e na solidariedade e a prospectiva doutra globalización, que valoriza cada persoa, cada cultura e cada pobo. Buscando un proxecto común de Humanidade a partir da valorización e da complementariedade das diferencias». O Secretario Xeral do Consello Mundial de Igrexas, Pastor Samuel Kobia, resumía así o tema e o propósito da IX Asemblea do Consello, realizada en Porto Alegre, neste mes de febreiro: «Transformar o mundo xuntos». O pequeño mundo do propio corazón, do propio fogar, da vecindade, e o gran mundo da política e da economía e das institucións internacionais. Outra ONU é posible e necesaria.

Xa é un consenso universal que só haberá paz no mundo se hai paz entre as relixións. E que só haberá paz entre relixións se hai diálogo entre as relixións. Un diálogo interrelixioso, pero que sexa xenerador de Humanidade. Porque non se trata de sentar ás relixións nunca tertulia narcisista e aséptica, fóra do mundo da pobreza, da fame, da guerra, do racismo, da marxinación, do medo. O contido central dese diálogo interrelixioso ha de ser tamén humanizar a Humanidade, en nome de Deus. O noso Joan Maragall, o gran poeta humano-humanista de Cataluña, formulaba lúcidamente un principio para toda fe relixiosa: «Home sóc i és humana ma mesura / per tot quant pugui creure i esperar» («Home son e é humana a miña medida / para todo canto eu poida crer e esperar»). Para a nosa fe cristiá o propio Deus tomou a dimensión humana do home Xesús de Nazaret. Infelizmente, durante séculos, e todavía hoxe, as relixións veñen sendo, con demasiada frecuencia, fundamentalismo, división e ata guerra. É hora de crer en plural unidade no Deus da vida e do amor e de practicar a relixión con xustiza, servicio e compañía. Un Deus que separa a Humanidad é un ídolo mortífero.

Esa tarefa primordial e común de humanizar a Humanidade faise practicando a proximidade. O Evanxeo de Lucas (10, 25-37) ofrécenos a parábola paradigmática para esa praxis humanizadora. O mestre da lei responde correctamente á pregunta de Xesús sobre os mandamentos. Sabía o catecismo, polo menos na súa letra. Pero «para xustificarse» o doctor en relixión pregunta á súa vez: «¿E quen é o meu próximo?» A resposta de Xesús é desconcertante e provocadora; para o doctor da lei, para todo o pobo que escoita «naquel tempo» e tamén para nós que a escoltamos hoxe, aquí. Próximo é aquel ou aquela a quen eu me aproximo, e o primeiro os caídos no camiño, as persoas á marxe, as mulleres violentadas e sometidas, os emigrantes sospeitosos, os estranos de quen non quero nin saber, ocupado como estou nos meus negocios ou tal vez co meu culto… Eu debo facerme próximo descubrindo ó próximo, buscándoo, acolléndoo, dando e donándome no seu servicio. Sen facer acepción de persoas. Sen medo de contaminarme cun samaritano heterodoxo. Só amo ó próximo na medida en que saio, libre, aberto, solidario, ó encontro do próximo, aproximándome a el, aproximándoo a min. Non se humaniza a Humanidade con máquinas e formulacións (útiles no seu tempo e ó seu debido modo), senón coa aproximación humana de cada un y cada unha, de cada persoa e de cada pobo. Humanizar a Humanidade practicando a proximidad. A Teoloxía da Liberación lembrounos que a verdadeira ortodoxia se verifica na ortopraxis. O propio ser de Deus «consiste en estar amando», dínos no Novo testamento a primeira carta de Juan (4, 8-16).

Ter saído de Cataluña, de España, de Europa, pasar por África e vir a vivir definitivamente neste brasileiro Mato Graso desta a Nosa América universalizoume a alma. E o contacto apaixoado coa causa indíxena e a causa negra axudoume a redescubrir a identidade das persoas e dos pobos como alteridade e como complementariedade Aproximarme «ó poder dos sin poder» (Václav Havel), na opción polos pobres, no movemento popular, nas comunidades de base e nas pastorais sociais, espertoume definitivamente á indignación e ó compromiso; e tamén á esperanza

Agradecendo de corazón este Premi Internacional, quero pedir á miña Cataluña que continúe sempre aberta ó mar; que, dende o beirado da casa solariega (des de l’eixida pairal), se abra sempre máis ó infinito mundo. Dentro e fóra de casa; con «els altres catalans» e cos emigrantes que van chegando e con toda a Humanidade. Sendo ela, libre, xusta, humanizada e facéndose proximidade de tódolos pobos da terra. «La clau i la lletra» da escultura do mestre Tàpies é tamén unha parábola de apertura e de comunicación; chave para abrir, letra para falar. Humanicémonos sempre máis, humanicemos sempre, practicando a proximidade.