nº 71 marzo 07
“TODO É
RELATIVO, MENOS DEUS E A FAME”. ENTREVISTA A PEDRO CASALDALIGA.
-. ¿Cal sería
o lema da túa vida? Relativizar o que é
relativo e absolutizar o que é absoluto.
-. E para ti
¿que é absoluto? Teño un poemita que di que
todo é relativo, menos Deus e a fame.
-. ¿Que dous ou tres frases ou pasaxes do Evanxeo son os que máis influíron na túa vida, os que máis meditaches, os que máis te guiaron na túa vida, en todo o teu quefacer pastoral? “Deus é amor” e “de tal xeito amou Deus ao mundo que lle enviou o seu Fillo non para condenar ao mundo senón para salvalo.
-. Falamos dos teus guías, dos teus mestres espirituais, aquelas persoas que iluminaron o teu camiño ademais desta fonte evanxélica. Evidentemente Xesús de Nazareth, Francisco de Asís, Teresa de Lisieux, Carlos de Foucault, e formadores que tiven ao longo dos estudos eclesiásticos, compañeiros do episcopado, aquí en América Latina.
-. Es coñecido pola túa alma de poeta. Se tiveses que elixir dentro da literatura universal ¿cal sería un ou varios dos teus poetas preferidos? San Juan de la Cruz, Antonio Machado.
-. Telo moi claro. Clarísimo.
-. ¿Se tiveses que elixir algún poema? O propio autorretrato de Antonio Machado, La secuencia de Pascua e outro poema inmortal para min, o Cant Espiritual de Joan Maragal.
-. Somos humanos,
estamos feitos de virtudes e defectos. ¿O teu maior defecto? A
impaciencia.
-. ¿A túa maior virtude? A
esperanza.
-. Segundo ti, ¿o gran pecado do mundo de hoxe? O Capitalismo neoliberal.
-. ¿E un dos pecados importantes da Igrexa santa e pecadora? A falta de capacidade para unirse ás igrexas, absolutizando o que non é absoluto, e non respondendo ao testamento de Xesús, “que todo sexan un”.
-. Entrando máis en aspectos persoais da túa vida, ¿O momento máis triste da túa vida? Non sabería dicilo, por iso de relativizar o que é relativo, o momento da morte do meu pai, da miña nai, morte de líderes, militantes, axentes de pastoral. Son momentos tristes, pero como a esperanza continúa non chega a ser un drama, unha traxedia. Non creo que poida dicir que vivín tristezas maiores. Relativizar porque a esperanza continúa dando garantía posterior a todos os fracasos, a todas as decepcións. Eu digo nun lugar dun diario meu “Deus é amor, nós somos amor, traizón e medo, pero tamén esperanza e esa esperanza resolve todas as decepcións e todas as tristezas, todos os fracasos”.
-. Por contraste, ¿os momentos máis felices da túa vida? Cada vez que vexo que unha comunidade, un líder que asume a súa misión, asume as súas causas, cada vez que vexo que hai comunidades, persoas, capaces de solidariedade, arriscando ata a propia vida. O testemuño dos nosos mártires.
-. Sabemos que fuches perseguido, ameazado de morte en varias ocasións, ¿cando realmente temiches pola túa vida? Durante a ditadura militar, houbo bastantes momentos. Con ocasión da morte do pai Juan Bosco Penido Burnier: a bala ía para min. Eu teño o poder de esquecer o malo e cando miro cara atrás nunca podería dicir, como dicía a famosa película, “mirando cara atrás con ira”. Non. Ese absoluto que é Deus resolve todos eses problemas e todas as tristezas e decepcións.
-. Falando de decepcións, ¿a maior decepción na túa vida? Maior ningunha, porque sería unha decepción maior chegar a un túnel sen saída, pero a saída está sempre por diante. Non podo falar de decepcións maiores: políticos amigos que fallaron, proxectos militantes ou pastorales que fallaron, pero o relativizo.
-. ¿Os teus tres maiores desexos? Que se acabe a fame no mundo, que se acabe a fabricación de armas, a carreira armamentista, que se acabe a guerra, sobre todo esa guerra por relixión ou protexida por relixións.
-. ¿As túas tres maiores preocupacións? Que a igrexa, as igrexas, non se unan, que non sexamos capaces de administrar este mundo que daría para todos e teñamos que seguir vivindo no medio dunha humanidade, cuxas dúas terceiras partes non teñen o dereito a vivir. E no cada día, os fallos sobre todos nosos e dos axentes de pastoral.
-. Mirando para atrás na túa vida, ¿o teu maior erro? Non ser o bastante comprensivo en moitas ocasións.
-. ¿De que te arrepintes? De moitas cousas. De todo un pouco. Poderá telo feito mellor, con máis esperanza ata con máis sinxeleza, con maior xenerosidade. Eu recordo sempre a frase daquel santo que dicía que cando se presentase diante de Deus pediríalle: “esquécete das miñas boas obras, imos a falar só dos meus fracasos, dos meus pecados, que iso ti o sabes resolver moi ben, esquécete das miñas boas obras”.
-. Unha das túas características máis destacadas, foi a relación cos pobos indígenas. ¿Que aprendiches nesta experiencia con eles? A convivencia coa natureza, un certo sentido de comunitariedad, relativizar tamén moitas cousas que a nosa civilización considera absolutas.
-. ¿Poderías recordar cando, como e se houbo algún momento especial no que fixeches esa opción polos pobres que guiou e marcou a túa existencia? Na miña infancia oín moitas veces do meu pai e da miña nai: “Nós somos pobres”. Xa inculcado na infancia, pouco despois con contactos, con análises, convivencias relixiosas fun sentindo realmente que a opción polos pobres ha de ser opción fundamental para a Igrexa. Unha opción que defina á Igrexa recordando aquela frase de Van-der Meerch: “A verdade, Pilatos, é estar ao lado dos pobres”. Para a Igrexa tamén.
-. ¿Cales son, segundo ti, os tres grandes retos ou desafíos que ten suscitados a Igrexa do terceiro milenio? O ecumenismo e o macro ecumenismo. A pobreza estructural das súas institucións. A profecía contra sistemas, estructuras que matan, que exclúen, que prohiben. Entón sería, a unión das propias igrexas, a profecía diaria, unha profecía que denuncia, anuncia e consola.
-. Na hipótese de que foses nomeado Papa, ¿cales serían as tres decisións primeiras e máis importantes que tomarías? Estamos no chiste, ¿non? A primeira sería suprimir o estado Pontificio e que o Papa deixase de ser Xefe de Estado. A segunda, poñer en suspenso, en dúbida a curia romana, e terceira convocar un encontro chámenlle Concilio se queren, verdadeiramente ecuménico, para refacer totalmente a curia romana, para redefinir o ministerio de Pedro e para propoñerse con seriedade a inculturación dos diferentes pobos e a relativización do que é relativo, que podería ser o propio celibato sacerdotal, lexislacións ríxidas, no dereito canónico, ás veces en liturxia, en pastoral.
-. Chama a atención na túa vida o feito de que sendo Bispo non empregues nunca os símbolos do poder episcopal. ¿Cal é a motivación última e profunda de que nunca use a mitra, o báculo? Con todo respecto aos irmáns que a usan, creo que non son símbolos nin xestos evanxélicos. Están vinculados a un estatus e sería o máis lóxico prescindir de escudo, prescindir de mitra, de báculo, e celebrar as eucaristías con simplicidade. Non creo que lle faga ningún ben á Igrexa toda esa simboloxía.
-. Segundo ti ¿cal é a virtude humana que máis valoras? A coherencia.
-. ¿E a virtude evanxélica? A esperanza.
-. ¿Gustaríate ser recordado como…? Como alguén que cre que Deus sálvanos a todos e sálvao todo.
-. ¿Para ti ser un home ou unha muller espiritual é...? Vivir en profundidade, asumir opcións dignas dunha vida humana. Ser coherente, abrirse ás necesidades do próximo. Celebrar a vida.
-. Agora voute suscitar algunhas palabras soltas e pediríache que espontaneamente respondeses con ese fogonazo da túa mente e do teu corazón. Algunhas relativas á xeografía.
África. A
maior débeda da humanidade.
América Latina. A
miña segunda patria.
Cataluña. A familia, a
lingua, a paisaxe.
Brasil. Unha casa de última hora
e definitiva.
Araguaia. O noso río.
Soria.
Antonio Machado, “Tierra sin males”, solidariedade.
Inxustiza. A negación do amor.
O chamado terceiro mundo. Un escándalo na historia humana. Porque terceiro mundo por definición significa un mundo prohibido, marxinado, explotado, inferior.
Primeiro mundo. A prepotencia, o lucro, o egoísmo, o consumismo, o imperialismo.
Liberdade. A posibilidade de vencer o medo, a posibilidade de ser o que se é, a posibilidade de axudar a cantos viven sen liberdade.
Movemento dos sen terra. Hoxe día, o maior movemento popular social de América Latina.
Latifundio. Unha iniquidade, o abuso da terra de todos, o egoísmo estructural no campo.
Globalización. A transformación da humanidade en mercado.
Solidariedade. Como di a poeta nicaragüense: “a tenrura dos pobos”. A caridade estructurada de pobo para pobo.
Guerra. A negación da vida.
Ben. Agora, tamén cunhas palabras, suxiro que evoques o teu pensar, o teu sentir, sobre algúns personaxes.
Lula. Unha experiencia obreira, política, importante para América Latina. Unha certa decepción, quizáis porque esiximos o que de momento non se pode esixir, pero en todo caso na historia de Brasil, na historia de América Latina, sería un paso político importante.
Bush. Unha epidemia mundial.
Fidel Castro. Un gran estadista, un pai da patria latino americana, pero ao mesmo tempo, autoritario, imperialista, que quizáis non soubo abrir os espazos que debería abrir para democratizar máis as conquistas de saúde, de educación que Cuba fixo, que sería un testemuño máis accesible aos outros pobos.
Evo Morales. Unha vitoria dos pobos indíxenas logo de 500 anos de prohibición, de exclusión.
E para ir rematando ¿que te suxiren estas palabras?
Vida Eterna. A convivencia plena co Deus vivo, e con todos os fillos e fillas de Deus.
Vida Plena. A partir da palabra de Jesús: “que todos teñan vida e a teñan en abundancia”, vida plena, aquí ao lado de acá da morte, sempre é unha vida relativa, pero en esperanza: imos á vida eterna plena.
E a última pregunta. ¿O que deu sentido á túa vida? A boa nova do Evanxeo.
[…]
Sao Félix de Araguaia, Mato Grosso. Brasil. 10 de Xaneiro
Eduardo Lallana e Charo García da Rosa, presidente e vogal da ONG soriana “Tierra sin males”