Cor Comité Oscar Romero de Vigo nº 39 novembro 2002




FLORENCIA: un millón de persoas din NON á guerra


Un millón de persoas xuntáronse en Florencia, convocadas pola forza nova do movemento global, para dicir NON á guerra do petróleo, a calquera guerra, ó neoliberalismo, ó racismo... Coa multiplicidade e a liberdade como himno, espello e trunfo dunha sociedade libre e múltiple, demostraron unha vez máis que son moitos os homes e mulleres que loitan por construir unha realidade diferente, máis xusta e humana. Fronte ós que anunciaban que o paso do foro pola cidade italiana causaría graves destrozos e desórdenes, o millón de participantes manifestáronse por Florencia autoorganizados, en paz, felices, en sintonía cos seus habitantes, enchendo as rúas de cores e co orgullo de poder dicir e mostrar que “outro mundo está en construcción”.

Non nos poden quita-la esperanza: OUTRO MUNDO É POSIBLE.






JOSÉ SARAMAGO:

Breve meditación sobre un retrato de Che Guevara


Non importa qué retrato. Un calquera: serio, sorrindo, arma en man, con Fidel ou sen Fidel, dicindo un discurso nas Nacións Unidas, ou morto, co torso nu e ollos entreabertos, como se do outro lado da vida aínda quixera acompaña-lo rastro do mundo que tivo que deixar, como se non se resignase a ignorar para sempre os camiños das infinitas criaturas que estaban por nacer. Sobre cada unha destas imaxes poderíase reflexionar profusamente, dun xeito lírico ou dun xeito dramático, coa obxectividade prosaica do historiador ou simplemente como quen se dispón a falar do amigo que descubre ter perdido porque non o chegou a coñecer...

[...] O retrato clandestino de Ernesto Che Guevara, o máis célebre de todos, aquel feito con manchas fortes de negro e vermello, que se converteu na imaxe universal dos soños revolucionarios do mundo, promesa de victorias ata tal punto fértiles que nunca haberían de dexenerar en rutinas nin en escepticismos, antes darían lugar a outros moitos trunfos, o do ben sobre o mal, o do xusto sobre o inxusto, o da liberdade sobre a necesidade. Enmarcado ou fixo á parede por medios precarios, ese retrato estivo presente en debates políticos apaixonados, exaltou argumentos, atenuou desánimos, arrolou esperanzas. Foi visto como un Cristo que descendera da cruz para descrucificar á humanidade, como un ser dotado de poderes absolutos capaz de extraer dunha pedra a auga con que se mataría toda a sede e de transformar esa mesma auga no viño con que se bebería o esplendor da vida. E todo isto era certo porque o retrato de Che Guevara foi, ós ollos de millóns de persoas, o retrato da dignidade suprema do ser humano.

Pero foi tamén usado como adorno incongruente en moitas casas da pequena e da media busguesía intelectual, para quen as ideoloxías políticas de afirmación socialista non pasaban dun mero capricho conxuntural, forma supostamente arriscada de ocupar ocios mentais, frivolidade mundana que non puido resistir ó primeiro choque da realidade, cando os feitos viñeron a esixi-lo cumplimento das palabras. Entón, o retrato de Che Guevara, testemuño, primeiro, de tantos inflamados anuncios de compromiso e de acción futura, xuíz agora do medo encuberto, da renuncia cobarde ou da traizón aberta, foi retirado das paredes, escondido, na mellor das hipóteses, no fondo do armario, ou radicalmente destruido, como se querería facer con algo que tivera sido motivo de vergonza.

Unha das leccións políticas máis instructivas nos tempos de hoxe sería sabe-lo que pensan de si mesmos os milleiros de homes e mulleres que en todo o mundo tiveron algún día o retrato de Che Guevara á cabeceira da cama, ou en fronte da mesa de traballo, ou na sala onde recibían ós amigos, e que agora sorrín por ter crido ou finxido crer. Algúns dirían que a vida cambiou, que Che Guevara, ó perde-la sua guerra, nos fixo perde-la nosa, e polo tanto era inútil poñerse a chorar como un neno a quen se lle derramou o leite. Outros confesarían que se deixaron envolver por unha moda do tempo, a mesma que fixo crecer barbas e alongar melenas, como se a revolución fora unha cuestión de perruqueiros. Os máis honestos recoñecerían que o corazón lles doe, que senten o movemento perpetuo dun remordemento, como se a súa verdadeira vida tivera suspendido o curso e agora lles preguntara, obsesivamente, onde pensan ir sen ideais nin esperanza, sen unha idea de futuro que dea algún sentido ó presente.

Che Guevara, se tal se pode dicir, xa existía antes de ter nacido, Che Guevara, se tal se pode afirmar, continúa a existir despois de ter morto. Porque Che Guevara é só o outro nome do que hai de máis xusto e digno no espíritu humano. O que tantas veces vive adormecido dentro de nós. O que debemos espertar para coñecer e nos coñecer, para agregar o paso humilde de cada quen ó camiño de todos e todas.

LULA DA SILVA: A ESPERANZA NO BRASIL


A primeira mensaxe de Luiz Inácio Lula da Silva tras ser elexido presidente do Brasil foi que gobernará dende a rúa, en contacto directo coa xente e que o primeiro empeño do seu goberno será acabar coa fame no país: “ó cabo dos meus catro anos como presidente sentireime feliz se tódolos brasileiros, sen excepción algunha, poden comer tres veces ó día”.

Por primeira vez os pobres do Brasil teñen a sensación de que chegou á presidencia un deles, un do pobo, que pasou fame na súa vida e que non puido estudiar.

Leonardo Boff, pai da Teoloxía da Liberación, dicíalle a Lula nunha carta aberta publicada nun xornal nacional: “ti eres o primeiro entre os presidentes deste país que tes a cara do pobo; ti chegas do mundo da dor e levas no teu corpo a traxedia e a esperanza do pobo brasileiro. Esa esperanza foi sempre derrotada, pero non vencida. Nesta ocasión Brasil ten un presidente que non só goberna para o pobo senón co pobo”; e remataba lembrándolle que, fronte o perigo de caer na tentación do poder, a única saída é “a tenrura do corazón”.

Pola súa banda, o relixioso Frei Betto, conselleiro social e espiritual de Lula dende a década dos 80, fala do seu amigo con estas palabras: “Lula leva no seu rostro as marcas da indignación. Quedou marcado pola fame; o traballo infantil como vendedor ambulante; a decepción de atopar ó seu pai con outra muller e outros fillos; o traballo nocturno que lle custou un dedo; a morte nun hospital da súa primeira muller e do bebé que levaba no seu ventre, porque o pobre non conta para o sistema de saúde. Son experiencias que forxaron a súa personalidade e o motivan a loitar polos dereitos da maioría sen ceder ós encantos do poder. Lula como presidente sorprenderá á nación, pois adoptará outra gramática do poder, con selo propio, como fixo no sindicalismo e sobre todo na política ó crear un partido combativo e ético. Non desdeñará traballar en equipo, mobilizando a tódolos sectores da sociedade brasileira sen deixarse encerrar polo xogo rastreiro de componendas e favoritismos. No currículo dos seus ministros importan tres características fundamentais: a ética, a competencia e a sensibilidade social”.

Ademáis nunha carta dirixida simbolicamente á nai de Lula, morta en 1980, Frei Betto escribe: “o seu fillo venceu, doña Lindu, non porque sacara un diploma, nin por ser rico ou famoso, senón porque construiu o máis combativo e máis ético partido político de Brasil; foi o diputado constituínte máis votado do país; fundou a CUT; disputou catro eleccións presidenciais e levou esperanza a millóns de compatriotas. Ensinou á nación que é posible facer política con decencia, vergonza na cara, tolerancia nas relacións persoais e intransixencia nos principios. Gracias, doña Lindu, por ter dado ó Brasil un presidente con capacidade de liderazgo, transparencia ética e profundo amor ó pobo, sobre todo a aqueles que, como a súa propia familia, coñecen na súa carne e no seu espíritu o sufrimento e a pobreza. O Brasil merece un futuro mellor; o Brasil merece este froito do seu ventre: Luiz Inácio Lula da Silva”.