GUSTAVO GUTIÉRREZ: PREMIO PRÍNCIPE DE ASTURIAS
O Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades é un honor non só para Gustavo, senón para toda a xente que cre en Xesús, e que cre nel dun xeito moi especial: presente entre @s empobrecid@s. De seguido vos ofrecemos algunhas reflexións do teólogo con motivo deste recoñecemento.
A Teoloxía da Liberación intentou partir dunha experiencia de seguimento de Xesús, unha experiencia espiritual, que neste caso era o compromiso crecente dos anos 60 cos sectores máis pobres. Foron anos de descubrimento do que a pobreza, con toda a súa crueldade e inhumanidade, significaba para tantos; como tamén un descubrimento de que a pobreza non é un feito inevitable, unha fatalidade, non é un destino, un infortunio, é unha inxustiza, e que por conseguinte é posible cambiar esa situación. Moitos cristiáns comezaron a se comprometer nesa perspectiva. E non era doado, porque falar das causas da pobreza trae confrontacións, dificultades... O martirio latinoamericano é unha proba disto. Son centos de cristiáns asasinados polo seu compromiso cos pobres. Nesa experiencia está o punto de partida da reflexión teolóxica, e por iso a espiritualidade estivo sempre presente.
Sen linguaxe profética, histórica, de compromiso, solidariedade cotiá cos pobres, cos seus intereses, a súa loita, os seus sufrimentos, tamén as súas alegrías, a linguaxe contemplativa transfórmase nalgo abstracto. E sin a linguaxe contemplativa, a loita pola xustiza perde alcance, perde significado, incluso podería ser ata cruel co pobre mesmo. Porque parecería que son persoas que “saben mellor que o pobre” o que el necesita. A actitude contemplativa é unha actitude contemplativa de Deus, pero supón tamén unha actitude de recoñecemento de Deus presente no próximo. O compromiso co pobre supón compromiso coas súas necesidades, pero tamén amor gratuito.
A evanxelización supón un testemuño. Transmitir a mensaxe de Xesús terá peso segundo a propia conducta da persoa. A vida cristiá é unha aventura colectiva e o importante é a fidelidade ó evanxeo, a coherencia. Creo que o anuncio do evanxeo é inevitable nun cristián. A razón fundamental é compartir unha alegría afianzada na convicción de que Deus nos ama e nos ama gratuitamente. Vivir esa alegría é sentir a Deus presente nas nosas vidas e compartilo.
O sufrimento é o máis difícil de entender dende o punto de vista humano. ¿Cómo entender, sobre todo, o sufrimento do inocente? Iso é o máis duro; pero cando se está comprometido podemos sempre lembrar que o grito de Xesús “Meu Deus, ¿por qué me abandonaches?” faise na víspera da máis grande comuñón de toda a historia da humanidade, que é a victoria sobre a morte, é a vida, e é a comuñón na vida e na resurrección. O sufrimento non é algo querido por Deus, é algo que un atopa no seu camiño. Unha cousa é que un, que é víctima, saiba colocalo nun contexto máis grande de amor de Deus, e outra cousa é que cando ve a unha persoa sufrir inxustamente un diga que está ben. Iso é unha cosa ben distinta.
O asunto é ser Deus para o outro, pois a vida cristiá é fundamentalmente un vivir plenamente e esa plenitude significa que o outro é primeiro nas nosas vidas. É ver ó outro como autonomía, como fogar de desexos, de plans, de proxectos...
MARCELO BARROS:¿EUCARISTÍA: COMUÑÓN O EXCLUSIÓN?
Marcelo Barros, prior do mosteiro benedictino da Anunciación en Goiás Velho, en Brasil, e moi coñecido polo seu empeño no ecumenismo e o diálogo interrelixioso, dirixiu ó Papa unha carta aberta na que comenta a enclítica “Eucaristía de Ecclesia”, que en palabras súas “produciu moitas discusións e sufrimentos nos grupos ecuménicos”. Ofrecémosvos agora algúns fragmentos das súas reflexións:
1. ¿A Igrexa vive da Eucaristía ou do amor solidario ó pobre?
Vostede afirma que “a Eucaristía é o núcleo mesmo do misterio da Igrexa”. Pero o misterio da Igrexa ¿é a eucaristía ou a solidariedade? ¿Non é máis correcto dicir que a Igrexa vive do amor solidario, do servicio e do testemuño do Reino de Deus e que isto se expresa como signo na eucaristía e nos outros sacramentos? A súa enclítica toca a relación entre a eucaristía e a xustiza só ó final do capítulo I, como se fose unha consecuencia da eucaristía e non un presuposto fundamental.
2. A misa ¿sacrificio a qué Deus?
A doctrina que a enclítica expresa sobre a eucaristía é a do Concilio de Trento no século XVI, que para vostede é actual e se ofrece como referencia dogmática para toda a Igrexa. Fala de “santo sacrificio da misa” e non de “Cea do Señor” e chama ós ministros sacerdotes e non presbíteros. ¿Non será que hoxe a linguaxe sacrifical non é a máis axeitada para expresar a verdade da eucaristía? ¿Cómo se pode falar hoxe do Deus Amor se se trata dun Pai que ten necesidade de que o Fillo morra para se reconciliar coa humanidade? ¿Por qué impoñer esta explicación da fe, cando este modo de falar da eucaristía xa non di nada a moitos católicos e divide ós irmáns das outras Igrexas que xa no pasado foron condenadas por isto? ¿Non sería máis acorde coa fe na eucaristía seguir o consello do Papa Juan XXIII e afirmar a fe dun xeito que una ós irmáns e non os divida?
3. Celebración eucarística dominical e celibato.
Vostede insiste en que a eucaristía é esencial e depende do sacerdote ordenado que a celebra e repite que a comunidade non a pode celebrar sen sacerdote e que os cultos dominicais sen sacerdote non constitúen a eucaristía. En Brasil son miles as comunidades católicas que os domingos non teñen sacerdote e celebran o culto da Palabra. E non teñen sacerdote e reciben a súa visita dous veces ó ano porque vostede non acepta abrir a cuestión do celibato obrigatorio e ordenar a homes casados, dignos e preparados para o ministerio e non recoñece a validez do ministerio dos sacerdotes que casaron, que aceptarían con alegría exercer o ministerio. Sen falar do feito de que en América Latina,a Igrexa católica é a única das Igrexas occidentais que non acepta ordenar mulleres. ¿Qué é para vostede máis importante, a eucaristía dominical ou manter como lei a praxis latina do celibato obrigatorio?
4. Cea de inclusión e de amor.
Vostede liga a eucaristía á persoa de Xesús para afirmar o seu “sacrificio” pero non fai referencia á súa vida concreta. Non lembra cómo Xesús comeu cos pecadores y coa xente de mala vida. Recorda como norma que pode ir á eucaristía só quen está libre de pecado grave e todos sabemos o que a Igrexa considerou pecado grave. Na dictadura chilena
vostede celebrou a eucaristía no palacio presidencial e deu a comuñón ó xeneral Pinochet porque, a pesar do sangue dos opositores derramado que el podía ter evitado, está casado pola Igrexa e é contrario ó divorcio. Vostede ensina que para comulgar é necesario confesarse e isto supón a confesión individual e un sacerdocio ordenado. Gustaríame que me axudase a descubrir esta esixencia nos Evanxeos ou na praxis da Igrexa primitiva. Recoñece como “igrexas” só ás ortodoxas, chama ás igrexas evanxélicas “comunidades eclesiais” e prohíbe ós católicos a comunión nas celebracións eucarísticas destas igrexas. Como argumento contrario á intercomunión vostede di que a eucaristía ten sentido só cando expresa a unidade xa vivida. É interesante que no eido do ecumenismo vostede insista sobre esta esixencia de unidade xa realizada cando non esixe o mesmo falando da xustiza e do compromiso a favor da vida no plano social. ¿Por qué non considerar este camiño ecuménico dalgúns grupos como experiencias piloto que poden ser útiles a toda a Igrexa?
5. “Recibamos do Señor o que ensinamos”.
Os primeros cristiáns chamaron á eucaristía “comuñón do pan” e non por casualidade. Comer é un xesto fundamental da vida. As comidas teñen un espacio importante na vida de Xesús. Celebrar a Cea é dar testemuño dun Deus Amor que da a súa vida a tódolos homes e mulleres, perdoa a todos e non exclúe a ninguén da súa vida. Para min non existe plenamente Cea do Señor se mantemos privilexos ou exclusións como a das mulleres dos servicios ministeriais ou a dos laicos considerados menos capaces de “consagrar” que os presbíteros ordenados. O sacrifico de Xesús, se se pode falar aínda de sacrificio, foi o ofrecemento da súa vida “pola unidade de todos os fillos e fillas de Deus dispersos polo mundo” (Jn 11, 52). Este é o seu sacrificio que pon fin a tódolos sacrificios.
6. Pregunta final.
¿Por qué impoñer a tódalas Igrexas un modelo único de ministerio e unha única liturxia, a saber, a romana? ¿Non sería máis acorde coa verdade da eucaristía promover a vida e a liberdade de todos? Deixo estas preguntas a vostede e ós irmáns e irmás que lean estas liñas e continúo a rezar pola nosa Igrexa para que sexa, como afirmaron un día os bispos de América Latina: “unha Igrexa auténticamente pobre, misionera e pascual, desligada de calquera poder temporal e empeñada valerosamente na liberación de todo ser humano e de toda a humanidade”.