nº 68 novembro 06



MANIFESTO A FAVOR DA VIDA, DA PAZ E DA IGUALDADE



Incluimos neste número o “Manifesto a favor da Vida, da Paz e da Igualdade” asinado por Adolfo Pérez Esquivel, Pedro Casadàliga, Mario Soares, Federico Mayor Zaragoza, o teólogo François Houtart, Luís Eduardo Aute, Arcadi Oliveras, Ernesto Cardenal, Silvio Rodríguez ou Manuel Dios Diz, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, entre outras personalidades de renome internacional. Animámosvos a que o asinedes vós tamén entrando na páxina www.sgep.org o www.fund-culturadepaz.org.



Cada día morren 35,000 nenos de fame segundo a FAO. É un xenocidio de proporcións impresionantes, ao que asistimos impasibles. Ao mesmo tempo, calcúlase que o gasto diario en armamento é de 2.800 millóns de dólares e os subsidios agrícolas dos Estados Unidos e da Unión Europea roldan os 800 millóns diarios. Non hai fondos para o tratamento da SIDA ... pero os beneficios do complexo industrial bélico militar dirixen en boa medida a economía mundial. É urxente compartir xustamente. Non hai mellor caldo de cultivo da radicalización, a animadversión e a agresividade que a humillación e a exclusión. A violencia non se xustifica, pero as súas orixes deben de examinarse atentamente.

En lugar de fortalecer o multilateralismo e dotar ás Nacións Unidas dos medios e autoridade necesarios para emprender un gran plan global de desenvolvemento en beneficio de todos, séguense explotando os recursos naturais de países progresivamente empobrecidos cuxa cidadanía vese forzada a emigrar en circunstancias que con frecuencia constitúen un agravio á súa dignidade. Non é con votos cautivos, con obediencia cega e con temor como se constrúe e consolida a democracia xenuína. Non é con guerras de cobiza, con demostracións de forza, accións bélicas e invasións dirixidas por intereses económicos e enerxéticos - que xeran unha espiral de violencia, de acción e reacción, de intervención e represalia - como podemos facer fronte aos grandes desafíos e asimetrías de todo orde que presenta a situación mundial.

Os gobernantes abdicaron das súas responsabilidades políticas, substituíndo valores universais polas leis do mercado. O resultado foi a concentración da riqueza nunhas cantas mans e a ampliación das brechas sociais e económicas.

¡NON Á POBREZA! Hai que esixir aos gobernantes, a través dun auténtico clamor a escala mundial, que dean prioridade ao cumprimento dos Obxectivos do Milenio. Chegou o momento da non resignación, da implicación persoal.

Proclamamos, unha vez máis, que non xustificamos os atentados e a violencia, veña de onde veña. Condenamos todo tipo de terrorismo: o dos grupos ocultos nas sombras e o terrorismo de Estado. Utilizouse a tortura, o trato cruel e degradante, violando reiteradamente o dereito internacional e humanitario.

É necesario que a Comunidade Internacional poña fin á barbarie, ás masacres. Como se establece na Carta das Nacións Unidas son os pobos os que deben decidir sobre o seu destino.

Debemos sumar con rapidez voces de todos os pobos do mundo para dicir:

¡BASTA! Á GUERRA E Á VIOLENCIA.

Calamos en exceso. Agora acabouse o silencio. Os pobos elevarán a súa voz. A guerra é unha traxedia para todos. É urxente desarmar a razón armada. Hoxe máis que nunca son necesarios a capacidade de diálogo e de alianza, o compromiso de intentar a resolución pacífica de conflitos, fomentando actitudes de encontro e respecto aos demais, mediante a aplicación cotiá dos Dereitos Humanos.

É necesario cambiar o curso dos acontecementos a través de accións colectivas, desenvolvendo a solidariedade entre os pobos. É urxente que os intelectuais, artistas, educadores, científicos.... abandonen a súa pasividade e pasen á acción. Só así os seus escritos e as súas palabras será cribles e poderán contribuír a sumar os seus esforzos aos de moitos outros para deter a tolemia da guerra, da confrontación e da violencia.

Chegou o momento da xente. E, sobre todo, dos mozos, dos homes e mulleres que reclaman outro mundo posible. As institucións e medios de comunicación deben axudar á cidadanía mundial para que, por fin, deixen de ser espectadores e desempeñen a súa función de protagonistas no deseño do futuro. Os gobernantes, parlamentarios, membros dos Consellos Municipais... teñen unha especial responsabilidade neste cambio histórico.

Chegou tamén o momento das culturas e relixións máis diversas para que, unidas pola solidariedade e amor ao próximo que lles é inherente, sitúense na vangarda do rescate da dignidade humana.

É necesario que os pobos asuman a resistencia social, cultural, política e espiritual a través de mobilizacións, da non cooperación á violencia e inxustiza, de sumar esforzos con outros pobos e denunciar aos responsables de dominacións e da dor que afecta a humanidade.

Hai que poñerse en pé, en pé de paz e camiñar cara a novos horizontes de vida e non de morte. Malia todo, esa é a esperanza.

Por canto antecede, coa mirada posta nas xeracións vindeiras, facemos un chamamento a todos quen se sentan igualmente concernidos para que manifesten pacificamente, a través de todos os medios ao seu alcance, presenciais e virtuais, a súa adhesión á paz:

NON Á GUERA E Á VIOLENCIA.

SI Á PAZ E Á XUSTIZA.

Durante 24 horas, en todas as partes do mundo, manifestarémonos de viva voz ou a traveso dos medios de comunicación os vindeiros 10 e 11 de Decembro, en conmemoración da declaración Internacional dos Dereitos Humanos.

Si acadamos avances progresivos, pronto poderá chegar a “mundialización da conciencia, a independencia real dos pobos.



LATINOAMÉRICA, CAIXA DE RESONANCIA 


Quizáis sexa o maior servicio que Latinoamérica está a ofrecer á Humanidade: a súa capacidade de ser caixa de resonancia dos problemas do mundo. Tal vez os seus sufrimentos son semellantes ós do continente africano ou asiático, quizáis o sangue derramado acade niveis semellantes, pero a inversión de loita non semella a mesma… Latinoamérica ten unha forza especial para lanzar o seu Grito dos Excluidos e facerse oír e zarandear as conciencias máis alá dos mares. Latinoamérica está a se converter en experta para descubrir ós lobos e quitarlles os seus disfraces de ovellas. Alí se acuñou a famosa “DEMOCRADURA”. A honra dun pobo non está en presumir de imaxe, nin en someterse ó poder establecido, senón na súa capacidade de denuncia, de loita para esixir a súa voz e os seus dereitos. Poñamos un exempro práctico, aínda que o fenómeno estea xeralizado en Latinoamérica.

 

COLOMBIA:

Os gobernantes fan gala de ser República Democrática e buscan continuamente recoñecemento internacional. O presidente Uribe presume de ter sido elexido por unha “abrumadora maioría”. O goberno adoita presentarse no exterior como víctima dos narcotraficantes e da guerrilla (que agora se chaman terroristas) solicitando axuda e cartos para combatilos… Pero as denuncias non din o mesmo: ¿Que “maioría abrumadora” se dos 44 millóns de colombianos apenas foron votar 12 ou 13 millóns, e destes o 60 o votou a el e á coalición que o respaldou?). A inxustiza é tan enorme como a impunidade, a desigualdade é escandalosa, a violencia é aterradora… Nin “república” nin “democrática”, Colombia é unha verdadeira “democradura”. Ducias de anos de explotación, de opresión,…máis de catro décadas en guerra… Os escándalos choven cada día… e as denuncias seguen “dele que dele”...

Descobren lazos entre paramilitares e outros tres senadores. Pouco antes foron catro diputados e un concelleiro, os casos presentados pola Fiscalía ante o Tribunal Supremo... ¿Quen segue a falar de democracia e xogo limpo en Colombia? Piedad Córdoba, ex víctima dun secuestro paramilitar e actualmente senadora, dicía: “Estamos a ver unha presencia paramilitar máis forte no Congreso. Estímase que o 35% do Congreso é elexido polos paramilitares. Non se sabe se é o 35% ou o 70%. O problema é que no Congreso hai unha actitude paramilitar que sobrepasa calquera cousa”. Outro senador colombiano, Gustavo Petro, denunciaba a execución de ó menos 100 persoas nos últimos anos por parte dos membros do Exército, co objectivo de ser presentadas ante a prensa como guerrilleiros mortos en combate. O sacerdote xesuita colombiano, Javier Giraldo, que dirixiu o CINEP e foi Secretario Executivo de Xusticia e Paz, afirmou: "Entregamos probas á fiscalía colombiana de máis de 500 crimes e non houbo ningún intento de esclarecemento, é un sistema corrupto". O congresista Petro esbozou unha historia que conduciu á crise actual: “En Colombia a maquinaria da morte ten raíces históricas… Durante os anos trinta e corenta líderes campesiños foron asasinados por terratenientes. As eleccións de 1970 foron roubadas. Milleiros de colombianos foron asasinados durante os anos sesenta, setenta e oitenta… Temos esta maquinaria de morte sobre nós –o policía, o soldado, os terratenentes ignorantes, os asasinos da veciñanza-. Pero non é só o home que asusta, o psicópata. Esta maquinaria reprodúcese dende os niveis máis altos do poder en Colombia. A maquinaria da morte está no poder facendo as leis de hoxe. As mortes son dirixidas por eses no poder, planeada por eses no poder… Denunciemos a impunidade. A impunidade é un traballo sistemático para dividir e ocultar o proceso social e político da esquerda. Para fragmentar a verdade. Estará agachada e perdida ata que xa non haxa culpables. Pero esta maquinaria caerá como unha casa de naipes. É unha especie de tigre de papel. Non é tan poderosa como ela cre”. Pero as máquinas están equipadas de motores, e o botón de contacto para Colombia se atopa nos Estados Unidos.

Hai un sector colombiano que, cada vez que aparecen denuncias, se sente moi ofendido, pon mala cara e di que iso é desprestixiar ó propio país. ¿Cómo entenderá ese sector o que significa democracia e soberanía do pobo? ¿Qué concepto terán dos dereitos humanos e ciudadáns?.

Pero as denuncias e os escándalos non cesan.

O guión das drogas: de acordo ós guionistas oficiais, o sistema xudicial estadounidense se opón ós actores corruptos doutros países, que están a tratar de encher as rúas de Estados Unidos con drogas ilícitas. Os narcotraficantes, policías corruptos e políticos ladróns na guerra contra as drogas están sempre ahí, en América Latina, e en calquera parte, e os axentes da lei estaodunidenses son sempre os mozos bos que combaten estas fuerzas do mal. Pero ¿qué pasa cando aparece evidencia que cambia o guión de tono? ¿Qué pasa se se proba que é o sistema xudicial estadounidense o corrupto? Un documento de Thomas M. Kent o confirma. Este abogado do Departamento de Xusticia afirma que axentes federais da Oficina para o Control de Drogas (Drug Enforcement Administration, DEA) con sede en Bogotá, Colombia, son actores corruptos na guerra contra as drogas. Outras fontes o confirmaron a Narco News. Falamos dunas das máis serias acusacións xamáis lanzadas contra funcionarios antinarcóticos estadounidenses: Axentes da DEA ó fronte da guerra contra as drogas en Colombia están nas nóminas dos traficantes de drogas, son cómplices nos asasinatos de informantes que sabían demasiado e, máis asombroso aíndan, directamente involucrados en axudar ós famosos escuadróns da morte paramilitares de Colombia a lavar os seus cartos.

Ataques contra periodistas e candidatos electorais:  Amnistía Internacional o denunciou, cuestionando así a celebración de eleccións libres. Entre 1998 e 2005 xa tiñan perdido a vida 31 periodistas. En 2005 ó menos 25 sufriron ameazas e cinco deles víronse obrigados a abandoar os seus fogares. Por outra banda, segundo a Federación Nacional de Concellos de Colombia, en 2005 foron asasinados 25 concelleiros, 18 en 2004, 75 en 2003 e 76 en 2002; na actualidade, hai máis de 200 concelleiros ameazados. "A impunidade está no mesmo núcleo do conflicto colombiano. Saber que os autores de violacións dos dereitos humanos eludirán a xustiza disuade ás víctimas de denunciar. Como consecuencia, os periodistas temen informar, os candidatos temen facer campaña e os funcionarios electos temen gobernar", afirma AI.

O Tratado de Libre Comercio (TLC) entre Colombia e Estados Unidos: Os analistas suliñan tres consecuencias negativas: incrementará a pobreza; a economía do país desnacionalízase, a producción agropecuaria debilítase e señera máis desemprego e só se beneficiarán a industria, o comercio e o sector financieiro xa dependente do gran capital estadounidense; agravaráse a explotación no traballo, merced á contrarreforma laboral impulsada por Uribe e FMI. Privatízase a empresa ECOPETROL pasando a mans de inversionistas de EEUU. Os pleitos serán zanxados en tribunais privados e extranjeros. ¿Cales son as vantaxes do TLC para Colombia? A Resolución 189 de 1994 prohibía a importación de residuos tóxicos e peligrosos a Colombia. A ministra de Ambiente vén de derogala, porque segundo o artigo 2.8 do TLC non se pode prohibir a importación de calquere mercadoría da outra Parte.

Indíxenas: O xeito de obrigar ós indíxenas a fuxir das súas terras e expropiarllas é ameazándoos e matándoos. Indíxenas colombianos do Chocó afirman que as víctimas da súa comunidades foron tiroteadas polo exército e non pola guerrilla como afirmaron os medios e os militares. O Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) lanzou unha grave advertencia sobre o perigo no só de desprazamento, senón ata de “extinción” ó que se enfrontan algúns grupos indíxenas de Colombia debido á violencia armada da que son víctimas. Síntoma da situación alarmante descrita pola axencia humanitaria da ONU é a fuxida de 1.700 indíxenas da etnia wonaan dos seus territorios tradicionais, tralo asasinato de dous dos sus líderes a semana pasada. A Organización Nacional Indíxena de Colombia (ONIC) denunciou: En varias ocasións o Estado colombiano foi obxecto de sancións e chamadas de atención como responsable de actos de barbarie e vulneración dos dereitos dos Pobos Indíxenas, sen que ata o momento teña erradicado as prácticas conducentes ó exterminio e discriminación dos pobos indíxenas… Infortunadamente en Colombia os reclamos e asuntos dos pobos indíxenas, tanto sociais como institucionais, son resoltos con asasinatos, execucións sumarias extraxudiciais, operativos militares brutais, torturas, desaparicións, ameazas, confinamento, fumigacións aéreas e bombardeos, detencións arbitrarias, incertidume alimentaria, invasión dos seus territorios, desprazamentos forzosos, proscripción das súas organizacións e a persecución e asasinato das súas autoridades e dirixentes, reclutamento forzoso dos seus mozos para a guerra, e lexislando dende o establecemento en contra dos seus dereitos culturais, colectivos, económicos e humanos. Sen excepción, ningún pobo indíxena de Colombia, está libre de ameazas e riscos ou posúe garantías para darlle continuidade á súa existencia e realizar os seus proxectos propios de vida con autonomía e seguridade.

Estaba prevista, a finais de setembro, visita dunha Misión Internacional de Verificación co obxectivo de constatar a situación de violacións de dereitos humanos e o dereito internacional humanitario dos pobos indíxenas. O Goberno colombiano quere impedir autoridade a dita Comisión para se expresar dentro do país.

As denuncias chegan ata os Organismos Internacionais para que emitan Condenas:

O Tribunal Permanente dos Pobos declara culpables ó estado colombiano e ás transnacionais por violentar os dereitos humanos e beneficiarse de crimes de lesa humanidade. Menciónase a Coca Cola, Nestlé e Chiquita Brands Banadex. Hai moitos anos que se vén repetindo a historia dos saqueos, a corrupción, os atentados á vida, a impunidade e a imposición de reformas laborais en detrimento do dereito ó traballo e ó nivel de vida dos traballadores. O roubo de tódolos recursos, a destrucción do medio ambiente e a biodiversidade, a privatización xeralizada de todo servicio de carácter público e os altos niveis de indixencia, pobreza e fame, agudizaron as violacións dos dereitos humanos en Colombia.

A Corte Interamericana de Dereitos Humanos condena ó Estado colombiano pola morte de 19 campesiños, no departamento de Antioquia, a mans de paramilitares. O Estado colombiano foi condenado a indemnizar ás familias das víctimas por unha cantidade de 1.5 millóns de dólares e a axudalos na reconstrucción das vivendas. En 2004 xa fora condenado por este mesmo Tribunal a indemnizar por 6.5 millóns de dólares por outras masacres semellantes.

Amnistía Internacional acusa ó goberno de Uribe por dar “luz verde” ós ataques contra os defensores de dereitos humanos. A Unión Europea estima que máis de 300 traballadores polos dereitos humanos e activistas sindicais foron mortos en Colombia nos últimos catro anos. Segundo un estudio da organización social Redepaz: Un total de 17.000 persoas morreron no ano 2005 en Colombia víctimas de armas de fogo, e só o 18 % foi producto do conflicto armado. 'A cifra actual é igualmente escandalosa, porque seguimos a ser un dos países con maiores niveis de violencia no mundo', indicou o dirixente de Redepaz.

Denuncias de tódolas cores e dende diversos frentes, cun denominador común, a condena da impunidade reinante en Colombia:

A poboación colombiana vive unha dramática situación humanitaria marcada pola violencia política, o desprazamento forzado e masivo, a implicación das Forzas Armadas e as Forzas de Orde Público en crimes, a paramilitarización do país e un estado de impunidade amparado polas máis altas institucións políticas e xurídicas. O goberno fai caso omiso das recomendacións da ONU e da Corte Interamericana de Dereitos Humanos, fai oídos xordos ós reclamos da Defensoría do Pobo de Colombia e as ONGs defensoras de dereitos humanos para que protexa ás comunidades víctimas de Crimes de Lesa Humanidade e as Destruccións Ambientais e Territoriais. Co lema norteamericano de “todo vale contra o terrorismo”, están asasinando líderes, periodistas, sindicalistas, opositores políticos,…Todo o mundo é sospeitoso. E a forza pública está autorizada para atropelar os dereitos coa excusa de loitar contra o terrorismo.

O Plan Colombia II: Colombia pasou a ser o principal xendarme da estratexia estadounidense para América do Sur. Colombia é o terceiro receptor de axuda militar estadounidense a nivel mundial, despois de Israel e Exipto. O Plan Colombia supuso o envío de 7.000 millóns de dólares por parte de Estados Unidos. As Forzas Especiais de EEUU están instaladas no departamento de Arauca, na fronteira co estado de Apure (Venezuela). O número de asesores norteamericanos é de 800, ademáis dos contratistas privados. ¿Que misión ou obxectivos teñen eses militares?: Por unha banda, protexer a zona petroleira (Colombia é o terceiro gran exportador de petróleo e o principal receptor é Estados Unidos) e propiciar a explotación da Amazonía. Por outra banda, de ningún xeito pretenden erradicar a droga como din, porque EEUU non combate o consumo dos seus “32 millóns de adictos” e moito menos combate a distribución manexada no 85% pola mafia estadounidense. Baixo a excusa da droga, o que realmente se pretende é eliminar ós guerrilleiros (os que se chamou narcoguerrilla e, actualmente, sinxelamente terroristas) e ós loitadores sociais. Co primeiro Plan xa acadaron “andinizar” a guerra implicando a Ecuador. Acadaron tamén intensificar a participación directa de EEUU na guerra. Agora pretenden organizar unha plataforma de agresión contra Venezuela.

He aquí toda unha colección de denuncias, que de ningún xeito deshonran a un pobo, senón, antes ó contrario, manifestan a coraxe e a valentía de toda unha poboación loitando, durante décadas, por defender os seus dereitos. Está a custarlles moito sangue, pero ahí continúan…

Unha boa resposta para os que preguntan ¿Por que América Latina é distinta…?