nº 74 outubro 07


DESMOVILIZACIÓN PARAMILITAR EN COLOMBIA

 

A Federación Internacional dos Dereitos Humanos (FIDH) fixo público o seu informe sobre a aplicación da Lei de Xustiza e Paz, resultado de máis de dous anos de traballo realizado en colaboración coas súas ligas en Colombia, Colectivo de Avogados “José Alvear Restrepo”, Comité Permanente pola Defensa dos Dereitos Humanos e ILSA.

As estructuras paramilitares cometeron durante a súa existencia unha media de 60000 crimes de lesa humanidade ou graves violacións aos dereitos humanos, sen contar o máis dun millón de persoas desprazadas que serían causa directa das estratexias de terror, as ameazas e o accionar paramilitar. Colombia é o segundo país no mundo con máis desprazamentos forzados: no 2006 máis de 219000 persoas foron desprazadas, e o total é de máis 380000 familias rexistradas. Só entre xaneiro e xuño de 2007, máis de 770 civís foron asasinados ou víctimas de desaparición forzada. Máis de 80 fosas comúns foron descubertas e ao final do 2006 a Fiscalía estimou que aínda faltaban por atopar máis de 3000 persoas; con todo, considérase que este dato está lonxe de reflectir as máis de 30000 desaparicións forzadas.

A FIDH presentou varias comunicacións á Fiscalía da Corte Penal Internacional para que se investigue e xulgue aos responsables de crimes graves da súa xurisdición, e lembrou que, hoxe en día, dos 30000 paramilitares desmovilizados, o 92% foi beneficiado por un réxime de amnistía de facto instituido por decreto polo Goberno de Uribe, e que só un 8% recae baixo a competencia da Lei de Xustiza e Paz, sendo estes xulgados en audiencias denominadas versións libres, e podendo ser condenados como máximo a unha pena de 8 anos, que se lles permite purgar en granxas produtivas, ou impondo eles as súas condicións de reclusión, o que é contrario aos máis elementais principios de xustiza fronte á gravidade dos crimes cometidos.

No informe demóstrase a falta de vontade real do Estado de xulgar e desmantelar aos grupos paramilitares e conclúese que, de xeito supletorio, a Corte Penal Internacional debería actuar para investigar e xulgar aos responsables de crimes de lesa humanidade cometidos en Colombia dende novembro de 2002.

Efectivamente, as versións libres convertéronse en apoloxía do delito e do paramilitarismo. Os paramilitares non están obrigados a confesar os seus crimes nin a desvelar a verdade de quen apoiou as súas estructuras, nin a mostrar sequera arrepentimento polos seus crimes, nin foron obrigados a entregar todas as súas armas de guerra, nin tampouco a entregar os seus bens para reparar ás víctimas, mentres que estas e os seus representantes teñen un acceso moi limitado ás audiencias. Ademais, as víctimas que asistiron ás audiencias de versión libre non recibiron axeitada protección e 16 delas xa foron asasinadas en total impunidade.

A FIDH conclúe que dito proceso foi armado co ánimo de subtraer os altos mandos do paramilitarismo á xurisdición da CPI, e urxe ao goberno colombiano a que derogue o marco xurídico da Lei de Xustiza e Paz ou a que no seu lugar expida un marco legal que cumpra cos estándares internacionais.


ARRIBA OS POBRES DO MUNDO, ARRIBA OS POBRES DE NICARAGUA, SE…1


Esa frase ou ese lema, igual que o do “Pobo Presidente”, expresa un desexo, unha utopía. O importante é que ese lema exprese tamén un compromiso e que este vaia sendo realidade. Pola contra sería frase baleira ou demagoxia. Polo mesmo, ocórreseme dicir: “Arriba os Pobres de Nicaragua, se…, se se van cumprindo algunhas condicións e se vai habendo realizacións importantes. Neste sentido atrévome a expresar algúns “se”:

Arriba os Pobres de Nicaragua, se se cambia o sistema tributario e non recae o seu peso proporcionalmente maior sobre os Pobres, e se os impostos recadados aos máis ricos redundan en ben do Pobo en saúde, educación, camiños en zonas rurais...

Arriba os Pobres de Nicaragua, se se bota abaixo a iniquidade da onerosa débeda interna que segue pesando sobre o Pobo. E isto revértese para ben do Pobo.

Arriba os Pobres de Nicaragua, se o diñeiro recuperado grazas á condonación que en gran parte xa nos fixeron da Débeda externa e o recuperado pola revisión a fondo da tan inxusta débeda interna, destínase ao orzamento de saúde e educación.

Arriba os Pobres de Nicaragua, se se deixa de subsidiar aos buseros, e se subsidia un transporte público nas principais rutas e máis longas que utilizan cada día os Pobres para ir ao seu traballo, escola ou recreación.

Arriba os Pobres de Nicaragua, se se desprivatiza o sistema enerxético, e invístese en formas alternativas de xerar enerxía, en renovación das liñas, en mantemento dos equipos, e nunha distribución da enerxía en mans do Goberno para ben do Pobo. A auga e a luz son bens públicos e dereito fundamental da poboación.

Arriba os Pobres de Nicaragua, se se revisa o funcionamento das clínicas sostidas en gran parte coas cotas dos asegurados, e se o Seguro Social ten as súas propias clínicas, e amplía o cadro de medicamentos que proporciona aos asegurados.

Arriba os Pobres de Nicaragua, se se revisa e cambia a lei sobre as pensións e sobre liquidacións (cambiar o do salario dun mes por ano-tope 5 anos, aínda habendo cotizado un obreiro ou empregado pobre 20 ou máis anos).

Arriba os Pobres de Nicaragua, se cada unha e cada un de nós pode completar a frase cos dereitos máis sentidos do Pobo e que non se están a realizar e que soñamos e queremos e imos loitar porque se realicen.

Arriba os Pobres de Nicaragua, se os Pobres cada día máis van sendo Suxeitos, e non simples obxectos ou destinatarios de favores ou simplemente clientes. Pero ten que ver xa co outro Lema, o “Pobo Presidente”, e queda para outra reflexión.


Arnaldo Zenteno S.J.- Comunidades Eclesiais de Base (CEB)


TRIBUNAL PERMANENTE DOS POBOS XUZGA A UNIÓN FENOSA

O Tribunal Permanente dos Pobos (TPP), un tribunal de carácter non gubernamental, que tivo a súa orixe no xuzgamento dos crimes de lesa humanidade cometidos por Estados Unidos na guerra contra o pobo de Vietnam, xulgou recentemente en Managua á empresa española de electricidade Unión FENOSA co fin de avaliar moral e politicamente o dano producido á sociedade.

Carlos Ruiz, participante do xuízo popular, expresou que a iniciativa debería ser considerada polo goberno de Nicaragua, e segundo a xuíza Ivonne Llanes "o importante é que a xente sinta que a súa voz foi escoitada". Pola súa parte, o voceiro da transnacional española dixo descoñecer a existencia do TPP e agregou que só recoñecen a autoridade dos tribunais locais e, en última instancia, da Corte Internacional de Justicia de La Haya.

Ata o auditorio da Universidade Nacional Autónoma de Nicaragua, onde se desenvolveu o proceso, chegaron demandantes de distintos puntos do país. Segundo os organizadores do xuízo, o obxectivo do proceso é demostrar os abusos desta empresa, para esixir posteriormente ao Estado a rescisión do contrato e a súa saída do país.

Por outra banda, nun encontro con representantes da empresa privada nicaraguana, o presidente Daniel Ortega informou que Unión Fenosa debe ao redor de 85 millóns de dólares ao país centroamericano, e cualificou a situación de "insostible".

O xuízo contra a empresa española foi acordado o ano pasado en Viena, onde os movementos sociais de diversas partes do mundo decidiron xulgar en 2007 a varias transnacionais europeas que operan en América Latina.

1 Arriba os Pobres de Nicaragua, Arriba os Pobres do Mundo, é o lema do Goberno Sandinista.