COR
Comité Oscar Romero
nº 38
outubro 2002
A Coordinación da Movilización Nacional Campesiña denunciou que en diferentes rexións de Colombia autoridades militares e da policía e grupos paramilitares trataron de impedir pola forza a pacífica movilización dos campesiños e campesiñas de Colombia; represión contra o campesiñado que se realiza ó amparo dos últimos Decretos expedidos no marco da Conmoción Interior decretada polo goberno. Nun comunicado dirixido á opinión pública nacional e internacional a Coordinación afirmou que os campesiños e campesiñas que persistían na súa pacífica movilización no Departamento do Cauca decidiran regresar ás súas parcelas e pequenas fincas para evitar sufrir máis agresións, asasinatos, detencións e desaparicións, e ante todo, para preservar organización e ánimo para a necesaria continuidade da súa xusta loita, suliñando ademáis que as 125000 persoas, entre campesiñ@s e xornaleir@s rurais, que se movilizaron en 15 departamentos, consideran que coa súa protesta lograron un valioso éxito político ó rompe-lo illamento e o cerco de terror que pretendía silencia-la súa loita contra o neoliberalismo e o ALCA e pola reforma agraria, o dereito á vida, á terra, ó traballo, e á organización. A Coordinación denunciou asimesmo que o Goberno intentou sen tregua estigmatiza-la movilización distorsionando a información sobre a súa autonomía, criminalizándoa e desatando unha forte ondada de represión e violencia, e que mesmo detivo, deportou e expulsou a varios observadores internacionais coa clara intención de ocultar ó mundo a represión da protesta popular e a persistente violación dos dereitos humanos. Sen embargo, a voz do campesiñado colombiano logrou facerse oir en todo o mundo e a súa protesta orixinou unha enorme simpatía nacional e internacional, así como a activa solidariedade de organizacións políticas e sociais.
Sen lugar a dúbidas, a movilización demostrou unha vez máis que o campesiñado rechaza a política neoliberal que o golpea duramente e que se opón ós tratados de libre comercio como o ALCA e ás políticas do Banco Mundial, que fomenta a aparcería e o mercado de terras. Fronte ás políticas neoliberais da morte, o programa de reforma agraria do movemento campesiño esixe, entre outras reivindicacións, o recoñecemento do dereito á terra das comunidades campesiñas como dereito fundamental; a distribución de cinco millóns de hectáreas de latifundio extremadamente desaproveitadas na actualidade; a defensa da producción nacional para recupera-la soberanía alimentaria; a eliminación inmediata das fumigacións sobre os cultivos de coca, mapoula e marihuana, implementando a sustitución gradual con financiación de plans de desenvolvemento sostibles e plans de vida; o fortalecemento da economía campesiña e da pequena producción rural e a defensa do seu espacio; a revisión da política pública cafetera, e por suposto, garantías efectivas para a vixencia dos dereitos á vida, á organización, á movilización, á asociación sindical e á protesta.
Moitas veces temos falado dos nenos e nenas que viven e traballan nas rúas das grandes cidades latinoamericanas: nenos e nenas esquecidos polo resto da sociedade, víctimas da pobreza, da exclusión, do abandono, da soedade máis absoluta, e víctimas, cada vez máis, da violencia terrible dos que pretenden “limpia-las rúas” da súa inquedante presencia.
En Honduras as cifras falan con claridade ferinte: dende 1998 foron asasinados neste país máis de 1400 nen@s e xóvenes. En concreto, no mes de setembro 69 nenos e nenas morreron asasinados por membros de pandillas, por homes non identificados que conducían o chamado “carro da morte” e pola policía e outros membros das forzas de seguridade. Un dos asasinatos máis repudiados foi o de Óscar Emilio Santos, un neno sen fogar de 11 anos que recibiu un disparo na gorxa por parte dun militar hondureño ( un dos seis mil soldados que foron enviados ás rúas do país polo Presidente Maduro coa finalidade de reduci-los niveis criminais ). Óscar e o seu irmán menor, Alfredo, coma tantos outros nenos en calquera cidade latinoamericana, intentaban esquece-los seus sentimentos de fame e soedade inhalando pegamento nunha rúa de San Pedro Sula cando, segundo Alfredo, unha patrulla de policías e militares se acercou a eles e un soldado disparou o seu rifle ferindo de morte a Óscar.
Finalmente o Presidente Maduro, obrigado pola intensa atención internacional e polo informe das Nacións Unidas que demostra os asasinatos de nen@s da rúa por parte da policía, prometeu reducir “no menor tempo posible” estas mortes nun país con cinco millóns de habitantes condenados na súa maioría a tentar sobrevivir en medio da pobreza e a violencia máis extremas.
¿ MAQUILAS EN PANAMÁ ?
A Autoridade da Rexión Interoceánica ven traballando nun anteproxecto de lei para crear na antiga base de Howard unha “Zona económica especial” ( ZEE ), é dicir, unha zona franca para atraer a empresas transnacionais que desexen establecer en Panamá os seus centros de producción, co estímulo da aplicación de normas laborais, fiscais e administrativas diferentes ás vixentes no resto do territorio nacional: entre outras, o baixo rendemento, a disminución nas ventas da empresa ou na demanda de servicios poderá ser causa dun despido que non requerirá a aprobación do Ministerio de Traballo; a remuneración polo traballo realizado en horas extras ou festivos diminuirá do 50 ó 25% e mesmo poderá ser sustituída por tempo libre compensatorio; a área estará libre de todo imposto directo, indirecto, contribucións, tasas, dereitos e gravámenes nacionais...
No resto dos países centroamericanos estas iniciativas, coñecidas polo nome de maquilas, responden ó interés das empresas transnacionais de rebaixar ó máximo os costos de producción pola
vía de trasladar algunhas actividades productivas, que requiren moita mano de obra, ós países menos industrializados que teñen baixos salarios, é dicir, man de obra barata, case escravizada.
Os gobernos alardean de atraer deste xeito a inversión estranxeira e presentan as maquiladoras como a solución para combati-lo desemprego e obter divisas e tecnoloxía; sen embargo, numerosos estudios confirman que os resultados son rotundamente negativos. En toda Centroamérica existen medio millón de persoas empregadas nestes centros, na súa maioría mulleres non maiores de 25 anos ás que se lle esixe para a súa admisión un certificado de non estar embarazadas, xa que esperar un fillo é motivo de despido; ademáis pertencer a algún sindicato está rotundamente prohibido. Nas plantas maquiladoras os dereitos laborais, recoñecidos non só nas lexislacións nacionais senón tamén en numerosas declaracións e convencións internacionais, son letra morta para os empresarios e para os gobernos. As únicas normas son os baixos salarios e as durísimas condicións de traballo que orixinan graves problemas de saúde.
O proxecto “Marcha cara o Sur”, incluído no Plan Puebla Panamá, pretende crea-las condicións laborais e de infraestructura necesarias para instalar no sureste de México e a través de toda América Central corredoiros para a industria maquiladora transnacional. Ademáis dos beneficios directos para as empresas, esta estratexia pretende que o campesiñado decida abandona-las súas terras, o que permitiría unha fácil acumulación de superficie por parte das empresas transnacionais agrícolas e ganadeiras, fenómeno que xa está a darse en México e nalgúns países centroamericanos con maior historia en maquiladoras.
En Panamá, por suposto, as autoridades non van convocar un referéndum para consultar ó pobo se está dacordo co Plan Puebla Panamá ou se desexa participar no ALCA. Mentres tanto, en silencio pero sen freno, ambos proxectos avanzan inexorablemente.