COR

Comité Oscar Romero

nº 37

setembro 2002








O 11 DE SETEMBRO DE 2001 TAMÉN 35615

NENOS E NENAS MORRERON DE FAME


Víctimas: 35615

Lugar: países pobres do planeta

Edicións especiais das teles: cero

Artículos de prensa: cero

Mensaxes do presidente: cero

Convocatoria dunha unidade de crise: cero

Manifestacións de solidariedade: cero

Minutos de silencio: cero

Conmemoracións das víctimas: cero

Forums sociais organizados: cero

Mensaxes do papa: cero

As bolsas: non están mal

O euro: remontando

Nivel de alerta: cero

Movilización do exército: ningunha

Hipótese sobre os criminais: ningunha

Probables autores do crime: países ricos





NON, NO NOSO NOME

(chamamento de intelectuais e artistas estadounidenses conta a guerra)


Que non se diga que en EEUU a xente non fixo nada cando o seu Goberno declarou unha guerra sen límites e instaurou novas medidas represivas. Os asinantes deste chamamento convidan á poboación estadounidense a resisti-las políticas e as directrices xerais que emerxeron tralo 11 de setembro e que poñen en grave perigo ós pobos do mundo.

Nós cremos que as persoas e as nacións teñen dereito a determina-lo seu propio destino, libres de calquera coerción militar das grandes potencias. Cremos que plantexar preguntas, criticar e disentir son actitudes que deben ser valoradas e protexidas. Cremos que as persoas con conciencia deben asumi-la responsabilidade das accións dos seus gobernos e ante todo, debemos opoñernos ás inxustizas cometidas no noso nome.

Convidamos a tódolos estadounidenses a resistir fronte a guerra e a represión que foron lanzadas sobre o mundo pola administración Bush. É inxusta, inmoral e ilexítima. Decidamos facer causa común cos pobos do mundo.

Nós tamén contemplamos con angustia os terribles acontecementos do 11 de setembro do 2001. Nós tamén choramos polos milleiros de víctimas inocentes e nos horrorizamos ante a terrible carnicería, que trouxo á nosa memoria escenas semellantes en Bagdad, Panamá ou, hai unha xeración, en Vietnam. Nós tamén nos preguntamos, como millóns de estadounidenses, cómo é posible que algo así acontecera. Pero mentres a dor estaba a penas nos seus comezos, as máis altas instancias desencadearon o seu espírito de venganza. Acuñaron unha consigna simplista: “bos contra malos”, que inmediatamente foi adoptada por uns medios de comunicación sometidos e acovardados. Dixéronnos que o mero feito de plantexar preguntas sobre estes terribles sucesos rozaba a traizón. Non debía haber debate algún. Non había lugar para as dúbidas éticas ou políticas. A única resposta posible era a guerra no exterior e a represión dentro da casa.

No noso nome a administración Bush, coa case unanimidade do Congreso, atacou Afganistán e se apropiou, xunto ós seus aliados, do dereito de destruir forzas militares en calquera lugar e momento. As brutais repercusións fixéronse sentir dende Filipinas ata Palestina, onde os tanques e os bulldozer israelís trazaron un terrible carreiro de morte e destrucción.

E o Goberno dispónse agora a emprender unha guerra total contra Iraq, un país que non ten ningunha relación cos feitos do 11 de setembro. ¿ Que clase de mundo será éste se permite ó Goberno dos EEUU lanzar comandos, asasinos e bombas onde se lle antolle ?

No noso nome, o Goberno creou en EEUU dous clases de cidadáns: aqueles ós que, cando menos, se lles prometen os dereitos básicos do sistema lexislativo e aqueles que agora non parecen ter dereito algún. O Goberno arrestou a máis de mil inmigrantes e os encarcerou en secreto e sen límite de tempo. Centos de persoas foron deportadas e centos seguen na cadea. Por primeira vez en décadas, os procedementos de inmigración someten a determinadas nacionalidades a un tratamento desigual. No noso nome o Goberno desencadeou unha ondada de represión na sociedade. O portavoz do presidente intimidou á xente dicindo que “teñan coidado co que din”. Os artistas, os intelectuais e os profesores disidentes ven os seus puntos de vista distorsionados, atacados e eliminados. O chamado Patriot Act, xunto a un sinfín de medidas semellantes nos diversos estados, dá á policía novos e máis amplos poderes de investigación e secuestro, coa cobertura de procedementos secretos. No noso nome, o executivo usurpou constantemente os papeles e as funcións das outras ramas do Goberno: unha orde executiva puxo en funcionamento os tribunais militares; unha sinatura presidencial abonda para definir como “terrorista” a un determinado grupo de persoas.

Debemos tomar moi en serio ós gobernantes cando falan dunha guerra que durará unha xeración e cando falan dunha nova orde. Estamos fronte a unha nova política imperial cara o mundo e unha política interior que xera e manipula o medo para limita-los dereitos. Hai unha estratexia mortal nos acontecementos dos últimos meses que debe ser vista como o que é e fronte a que debemos de resistir. Demasiadas veces na historia a xente esperou para resistir ata cando xa era demasiado tarde.

O presidente Bush declarou: “ou con nós ou contra nós”. Ésta é a
nosa resposta: negámonos a que fale en nome de tódolos estadounidenses. Non entregaremo-las nosas conciencias a cambio dunha baldeira promesa de seguridade. Dicimos NON NO NOSO NOME. Negámonos a ser parte destas guerras e rechazamos tódalas accións emprendidas no noso nome ou polo noso benestar. Tendémo-la man a quenes no mundo sofren como consecuencia destas decisións. Mostrarémo-la nosa solidariedade coas palabras e coa acción.


Os asinantes deste chamamento convidamos a tódolos estadounidenses a se unir a este desafío. Aplaudimos e apoiamos as propostas en curso, á vez que recoñecemos a esixencia de facer moito máis para poñer fin a esta loucura. Inspirámonos na decisión dos reservistas israelís que, asumindo un risco persoal, declaran que hai un límite e se negan a servir en Gaza e nos territorios ocupados. Inspírannos os numerosos exemplos de resistencia e de conciencia que nos ofrece a historia pasada de EEUU: dende os que combateron a escravitude ata os que puxeron fin á guerra de Vietnam incumprindo as ordes, negándose a se incorporar a filas e apoiando ós que resistían.

Non permitamos que o mundo que hoxe nos contempla desespere polo noso silencio e a nosa incapacidade de acción. Fagamos que o mundo poda senti-lo noso compromiso. Resistiremos fronte á máquina da guerra e a represión e faremos todo o posible para detela.



BRASIL: 150000 PERSOAS DIN NON Ó ALCA


En torno ó lema “A soberanía non se negocia” a octava edición do Grito dos Excluidos reuniu en Brasil a 150 mil persoas nun acto no que participaron representantes do Movemento dos Traballadores Rurais Sen Terra (MST), sindicalistas vencellados á Central Única dos Traballadores (CUT) e partidos políticos, e no que se realizou unha votación simbólica contraria á adhesión do país ó ALCA ( Acordo de Libre Comercio das Américas ). O plebisticio contra o ALCA, que está a se facer en todo o país dende primeiros de mes, agarda alcanza-los 15 millóns de adhesións.



LULA DA SILVA: a opción brasileira


Lula da Silva, candidato do Partido dos Traballadores (PT) centraliza e concentra en Brasil tódalas expectativas de realización do soño de que outro mundo é posible; de que as desigualdades poden ser desestructuradas; de que a renda pode ser desconcentrada; de que o crecemento económico pode darse de forma incluinte; de que para os nosos fillos e netos aínda non é demasiado tarde.

Por vez primeira en 500 años de gobernos elitistas, unha criatura do Brasil de “abaixo” chega tan lonxe e só os inxenuos, que non coñecen a natureza cruel, ignorante e corrupta das élites brasileiras, poden pensar que non sufrirá un fustigamento permanente para ser varrido do poder canto antes. O sufrimento de Hugo Chaves anticipa as presións das que será “branco”. Brasil se atopa, sen dúbida, nun momento decisivo na súa historia e na de América Latina...

“Agora é Lula”, di o refrán cantado en tódolos rincóns do país. Se Deus fora brasileiro, tal vez sería a hora de axudar un pouco a ese metalúrxico que se transformou en líder sindical despois de emigrar do nordeste para fuxir da sequía e da fame pendurado da carrocería dun camión. Tal vez teña chegado a hora dunha opción xenuinamente brasileira.



CHIAPAS


José Saramago e Ernesto Sábato, primeiras figuras da literatura contemporánea iberoamericana, expresaron a súa desazón e desacordo ante a resolución dictada o pasado día 5 pola Suprema Corte de Xustiza da Nación, que declarou improcedentes 322 controversias presentadas contra a reforma constitucional en materia de dereitos e cultura indíxenas aprobada en abril do pasado ano, reforma que o propio subcomandante Marcos calificara como o “recoñecemento constitucional dos dereitos e a cultura latifundista e racista” e non como a lei que debería recoñece-los dereitos das comunidades indias. Os dous escritores manifestaron a súa irritación polo que consideran “unha labazada” ós indios de México e “unha páxina negra” na historia nacional. Ademáis reprocharon abertamente ó Estado mexicano e ó Presidente Vicente Fox a súa postura contra os pobos orixinarios da nación, ós que negaron -en tódalas instancias executivas, lexislativas e xudiciais da Federación- os seus lexítimos reclamos históricos. Saramago e Sábato non dubidan en afirmar que o goberno de Fox aproveitará o fallo xudicial -parte dunha estratexia sistemática de discriminación e olvido que, dende numerosas institucións e estamentos políticos, se practica contra os pobos indios– para mante-la exclusión das comunidades indíxenas.

A carta de Saramago e Sábato é tamén unha declaración de desengano. Como moitos mexicanos que creron nas promesas de cambio da presente administración, os escritores reprochan severamente ó presidente Fox a súa palabra incumprida, ou quizáis a palabra que empregou como mercadotecnia electoral pero que nunca pensou cumprir. En efecto, Vicente Fox tivo, no seu momento, a gran oportunidade para resolve-lo conflicto de Chiapas e comenzar a salda-la débeda histórica coas etnias de México, pero á hora da verdade non tivo a capacidade ou a determinación de asumir tan importante responsabilidade e optou por se pregar á política de discriminación, desprezo e olvido coa que o Estado mexicano someteu por séculos ós seus cidadáns máis febles: os pobos indíxenas.

Sen unha pronta rectificación adminnistrativa que enmende as graves omisións e distorsións da reforma avalada pola Corte Suprema de Xusticia da Nación e que asuma verdaderamente o sentir das comunidades indíxenas, a letra do Convenio 169 da OIT e os Acordos de San Andrés, os pobos indíxenas non terán razón algunha para crer que o Estado mexicano recoñecerá o que lexitimamente lles corresponde; para eles, como para millóns de compatriotas, a democracia en México nunca estará completa.


ESTADO DE EXCEPCIÓN EN COLOMBIA:

AS LIBERDADES FUNDAMENTAIS EN PERIGO


A Federación Internacional de Dereitos Humanos (FIDH) expresou a súa extrema preocupación polas medidas políticas adoptadas polo novo goberno de Álvaro Uribe Vélez que instauran o Estado de Conmoción Interior trala ondada de actos terroristas producidos a principios do mes de agosto. O Estado de Conmoción Interior autoriza limitacións á liberdade de prensa, restriccións ós dereitos de reunión e movilización, o rechazo de certos dereitos ós cidadáns estranxeiros e a posibilidade de detención provisional e de inspeccións domiciliarias sen orde xudicial. A FIDH, que condena firmemente os actos de terrorismo, denuncia que sería inadmisible que o novo goberno intentara resolve-lo conflicto colombiano a través de restriccións ás liberdades fundamentais e ás garantías democráticas.

A declaración do Estado de excepción ven acompañada tamén doutras medidas que semellan estar orientadas á perennización do Estado de emerxencia, xa que unha das primeiras medidas adoptadas por Uribe foi a creación dunha rede de 600 informantes, nalgúns casos armados, como punto de partida do seu proxecto de implicar a un millón de civís no conflicto armado. A vinculación de civís a tarefas de intelixencia, que constitúe unha flagrante violación da propia Constitución e é incompatible cun gran número de normas internacionais, foi duramente criticada pola Alta Comisaria de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.



COCA-COLA: CRIMINAL EXPANSIÓN


As letras brancas sobre fondo vermello da Coca-Cola, a bebida non alcohólica máis vendida no mundo, son o símbolo do American Life Style e representan os valores do éxito capitalista. Coca-Cola chegou a todo o mundo e multiplicou as súas vendas e ganancias por medio de estratexias publicitarias perversamente diseñadas e unha política comercial que non vacilou en asumi-lo terror e o crime como instrumentos para impedi-la organización e a movilización dos traballadores. En Colombia, por exemplo, dirixentes sindicais foron asasinados, desaparecidos, torturados, exiliados ou detidos inxustamente, as protestas obreras militarizadas e a lexislación laboral e os dereitos convencionais permanentemente violentados, coa complicidade do Estado, que non só non investiga, xuzga nin sanciona ós responsables, senón que segue outorgando maiores garantías para que as transnacionais acentúen a súa política de terror e fame mediante a imposición de reformas, a privatización das empresas públicas, a creación de zonas de maquila, a penalización da protesta social e a súa imposición do Plan Colombia para unha maior escalada da guerra e a eliminación das organizacións sociais.

Fronte á impunidade que cobre tódalas agresións e a necesidade de que se xuzgue e esclareza a responsabilidade nas mesmas, o sindicato dos traballadores da transnacional en Colombia presentou unha demanda contra Coca-Cola ante a Corte do Distrito Sur de Florida nos EEUU e ven traballando para realizar unha Audiencia Pública Popular, como expresión da loita do pobo colombiano e do movemento mundial de resistencia contra a golabalización e pola búsqueda da xustiza social, por supera-los efectos devastadores do terrorismo de Estado, da política das empresas multinacionais, da impunidade e do neoliberalismo.



Dende o Comité Óscar Romero de Vigo convidámosvos a compartir con nós a experiencia de loita e compromiso social de Armando Márquez Ochoa de El Salvador o vindeiro sábado 28 de setembro nos locais da Comunidade Parroquial Cristo da Victoria de Coia.

Xantar ás 14:00 horas

Charla ás 20:30 horas