CANCÚN, 8-11 DE SETEMBRO: NOVA MOBILIZACIÓN CONTRA A OMC


Entre o 8 e o 11 de setembro, coincidindo coa xuntanza da OMC (Organización Mundial do Comercio) reuníronse en Cancún persoas de todo o mundo nunha nova mobilización en contra da globalización da morte e das reglas inxustas e asasinas impostas por este organismo internacional. Como voz de tódalas organizacións comprometidas na loita pola xustiza, ofrecémosvos agora as palabras que con motivo dese encontro pronunciaron o Subcomandante Marcos do EZLN (Exército Zapatista de Liberación Nacional) e Joao Pedro Stedile, voceiro do MST (Movemento dos Traballadores Sen Terra de Brasil), dous colectivos que simbolizan hoxe a esperanza e convicción de que outro mundo é posible.



Irmáns e Irmás de México e do mundo enteiro que se atopan en Cancún nesta mobilización contra o neoliberalismo, reciban un saúdo dos homes, mulleres, nenos e anciáns do Exército Zapatista de Liberación Nacional.

O movemento mundial contra a globalización da morte e a destrucción ten hoxe en Cancún unha das súas expresións máis brillantes. Preto de onde se realiza esta mobilización, os servos do diñeiro acordan as formas e os tempos para continuar co crime da globalización. A diferencia entre eles e nós non está nas bolsas duns e dos outros, aínda que as bolsas deles rebordan moedas e as nosas esperanzas. Non, a diferencia non está na billeteira senón no corazón. Vostedes e nós temos no corazón un mañá por vir, é dicir, por construir. Eles só teñen un pasado que queren repetir eternamente. Nós temos a vida, eles a morte. Nós loitamos pola humanidade, eles polo neoliberalismo. Nós queremos a liberdade, eles queren facernos escravos.

Non é a primeira vez, nin será a derradeira, na que os que se cren donos do planeta teñen que se esconder detrás dos seus altos muros e das súas patéticas forzas de seguridade para facer os seus plans. Como nunha guerra, o alto mando dese Exército Transnacional que se propón conquistar o mundo do único xeito que é posible conquistalo, é dicir, destruíndoo, reúnese baixo un sistema de seguridade tan grande como o seu medo. Porque se antes os poderosos se reunían ás costas do mundo para maquinar as súas futuras guerras e despoxos, hoxe teñen que facelo non só fronte a todos, senón agora en contra de milleiros en Cancún e de millóns en toda a terra. Porque diso se trata todo isto. Dunha guerra. Dunha guerra contra a humanidade.

A globalización dos que son arriba non é máis que unha máquina mundial que se alimenta con sangue e defeca dólares. E na complicada balanza que traduce mortes en cartos hai un grupo de seres humanos que se cotiza a moi baixo prezo na carnicería global. Somos os indíxenas, os mozos, as mulleres, os nenos, os anciáns, os homosexuais, as lesbianas, os migrantes, os diferentes. É dicir, a inmensa maioría da humanidade.

A Guerra Mundial do poderoso quere converter ó planeta terra nun clube exclusivo onde el se reserva o dereito de admisión. A zona luxosa e exclusiva na que se reúnen agora representa o seu proxecto de globo terráqueo: un complexo de hoteles, restaurantes e zonas recreativas de luxo, resgardado por exércitos e policías. Para o poderoso todos nós temos a opción de estar dentro desa exclusiva, pero só como serventes ou quedar fóra do mundo, é dicir, da vida.

Pero non temos porqué obedecer e escoller entre vivir como serventes ou morrer. Podemos construir un camiño novo. Un onde vivir sexa vivir con dignidade. Un onde vivir sexa vivir con liberdade. Constriur esa alternativa é posible e necesario. Esa alternativa é necesaria porque dela depende o futuro da humanidade. Ese futuro está en xogo en tódolos rincóns de cada un dos cinco continentes. E esa alternativa é posible porque hai en todo o mundo quen sabe ben que “liberdade” é un verbo que, ou se conxuga en plural, ou non deixa de ser unha pobre coartada para o cinismo.

Irmáns e irmás, no mundo enteiro hai en disputa dous proxectos de globalización. O de arriba, que globaliza o conformismo, o cinismo, a estupidez, a guerra, a destrucción, a morte, o olvido. E o de abaixo, que globaliza a rebeldía, a esperanza, a creatividade, a intelixencia, a imaxinación, a vida, a memoria, a construcción dun mundo onde caiban tódolos mundos. Un mundo con ¡DEMOCRACIA! ¡LIBERDADE! ¡XUSTIZA!”


Subcomandante Marcos



A reunión da OMC é unha afrenta contra os pobos dos nosos países. A OMC é un espacio privilexiado das grandes transnacionais e dos gobernos dos países ricos, un espacio que serve só ó interese do capital. Os pobos e os gobernos do sur non teñen alí ningún poder ou influencia. Sería máis democrático entablar negociacións sobre o comercio internacional dentro do sistema de Nacións Unidas, vencellando comercio e desenvolvemento. A OMC non ten ningunha autoridade moral nin tende a crear regras comerciais para os pobos. Os seus acordos serven para menoscabar as nosas soberanías nacionais. Calquera acordo en Cancún entre as empresas transnacionais e os gobernos dos países ricos será un acordo contra os pobos e os países pobres.

A agricultura é unha actividade productiva moi importante para os nosos pobos e para os nosos países, porque non produce calquera tipo de mercancías, senón alimentos, e os alimentos deben estar na liña dos dereitos dos pobos, baixo políticas nacionais que garantan a soberanía nacional sobre os mesmos. Os alimentos non poden estar subordinados a acordos internacionais que só buscan ganancias para as empresas transnacionais. O comercio agrícola debe basarse nun intercambio entre países sobre a base da complementariedade, non sobre a base das ganancias.

A soberanía alimentaria defende a idea de que un pobo ten o dereito de producir os seus propios alimentos, porque un pobo que non logra producir os seus propios alimentos é un pobo escravo, dependente. Se un país depende doutro para alimentar á súa poboación, convértese nun país dependente politica, economica e ideoloxicamente. Por iso defendemos que cada goberno nacional debe desenvolver políticas para garantir, en primeiro lugar, que todos os alimentos necesarios para o pobo sexan producidos no ámbito nacional e que só se comercialice ó exterior o que sobre. E sobre a base do que sobra é posible entón intercambiar con outros países outro tipo de alimentos. Un país que non protexe a súa agricultura e alimentos para garantir a alimentación para todo o pobo é un país condenado ó fracaso. Os gobernos que non aplican a soberanía

alimentaria quedan á mercé da vontade das transnacionais e dos gobernos imperiais que utilizan os alimentos como moeda de presión política”.


Joao Pedro Stedile



COLOMBIA: URIBE IDENTIFICA ÓS DEFENSORES DOS DEREITOS HUMANOS CON TERRORISTAS


Recoñecidos colectivos como Amnistía Internacional, a Comisión Intereclesial de Xustiza e Paz e a Plataforma Colombiana de Dereitos Humanos, Democracia e Desenvolvemento veñen de expresar o seu total rexeitamento ás palabras que o presidente colombiano Álvaro Uribe pronunciou o pasado 8 de setembro no discurso de posesión do novo comandante da Forza Aérea, cando se referiu ós defensores dos dereitos humanos no seu país como “escritores e politiqueros que finalmente serven ó terrorismo e que se escudan covardemente na bandeira dos dereitos humanos”, incitando ó novo comandante a non ter en conta o respecto dos dereitos humanos para vencer o terrorismo: “General Lesmez, asume vostede o Comando da Forza Aérea para derrotar o terrorismo. Que os traficantes dos Dereitos Humanos non o deteñan, non o equivoquen”.

As palabras de Uribe non só deslexitiman ós activistas e son sintomáticas da intolerancia existente ante quen se atreve a cuestionar as súas políticas, senón que abren as portas de par en par para o uso da violencia e para novos abusos e restriccións á posibilidade de promoción e defensa dos dereitos humanos. Nesta liña, Amnistía Internacional afirma: “É lamentable que o goberno de Colombia escollera o día nacional dos dereitos humanos para sementar dúbidas sobre as organizacións e desacreditar o traballo dos defensores e defensoras, que gozan dun gran respeto a nivel internacional polo seu compromiso e coraxe no traballo de campo. É lamentable que o goberno lance unha campaña que os deixa expostos ó perigo. A intolerancia ante a crítica ameaza con levar á sociedade cara o autoritarismo. É hora de que o goberno colombiano asuma a súa completa responsabilidade no referente á protección dos defensores dos dereitos humanos, avitando promover políticas que claramente contradín as recomendacións das Nacións Unidas e da Organización de Estados Americanos nese eido”.