nº 73 setembro 07
VIOLACIÓN DE DEREITOS HUMANOS EN GUATEMALA E HONDURAS
A pesar da ratificación de numerosos tratados internacionais e rexionais de dereitos humanos polos gobernos de Guatemala e Honduras, Amnistía Internacional segue a documentar gran cantidade de violacións aos dereitos humanos, sociais e culturais neses países. Nun recente informe, a ONG expón os ataques sistemáticos e reiterados que se cometen contra quen defende os dereitos das comunidades marxinadas, como os pobos indíxenas ou as persoas lesbianas, gais, bisexuais e transexuais.
Ratificar tratados de dereitos humanos significa asumir voluntariamente o compromiso xurídico de respectar as disposicións de devanditos instrumentos, que están por riba da lexislación ordinaria do país. Neste caso, é obriga dos gobernos, ante os órganos internacionais, garantir o respecto polos dereitos humanos e tomar medidas efectivas para asegurar que os axentes estatais poidan actuar co fin de impedir abusos, investigalos cando se cometen, levar ante a xustiza a quen participa en violacións de dereitos humanos e proporcionar reparación ás víctimas. Pero o documento de Amnistía presenta casos de violacións que seguen sen resposta do goberno, tanto en relación á punición dos violadores como á reparación das víctimas.
Un destes exemplos é o do tesoureiro da Asociación Arcoiris (organización hondureña de defensa das persoas lesbianas, gais, bisexuais e transexuais), Donny Reyes, detido o 18 de marzo por seis axentes de policía que lle deron o alto cando saía das oficinas da asociación en Tegucigalpa, lle pediron os seus documentos de identidade e, aínda que os mostrou, o golpearon e obrigaron a subir ao vehículo policial. Xa na comisaría, o axente que o meteu na cela anunciou aos outros detidos: "miren, aquí lles traio unha princesiña, xa saben o que teñen que facer", e Reyes foi golpeado e violado polos outros detidos. Tralo pago dunha cantidade de diñeiro, quedou en liberdade ao cabo de seis horas e media, pero, a pesar da denuncia ante o Ministerio Público e ante un alto cargo da policía, non houbo avances nas investigacións da detención arbitraria e tortura inflixidas.
Sobre estes casos, Amnistía Internacional afirma que "ao non adoptar os gobernos medidas positivas, decisivas e integrais que protexan ao colectivo de defensores dos dereitos humanos de modo que poidan levar a cabo o seu traballo, xérase un contorno susceptible de contribuír a socavar o seu labor e a comprometer gravemente a súa seguridade". Para garantir que estes grupos poidan desempeñar o seu traballo sen sufrir ataques, medo nin intimidación, o informe conclúe coa formulación de recomendacións aos gobernos sobre os principais pasos que deben dar para facer dos compromisos contraídos unha realidade.
COLOMBIA: 4500 NENOS E NENAS VIVEN NA RÚA E CONSUMEN DROGAS
Polo
menos 4457 nenos e nenas que viven na rúa en Colombia consumen
drogas, son víctimas de abuso sexual e permanecen enfermos,
vén de sinalar unha investigación do Instituto
Colombiano de Benestar Familiar (ICBF) e a Unión Europea. O
estudo, realizado nas principais cidades do país, calcula que
o 81% das idades dos menores habitantes da rúa oscilan entre
os 12 e 17 anos e que, polo menos, 171 son menores de 7 anos.
Ademáis estes menores consumen cigarro, alcohol, marihuana e bazuco, e detectouse que as nenas inhalan máis cocaína que os nenos. O diñeiro lles vén da esmola e da realización de traballos informais. A maior parte dos menores que viven nas rúas abandonan os seus fogares fuxindo dos malos tratos físicos ou polos efectos da crise económica de familias colombianas que viven en condicións de pobreza extrema. Segundo o informe, os nenos e nenas dormen nas plataformas das rúas, en parques, albergues de paso ou precarios cuartos que alugan nas noites en zonas deprimidas da cidade, e son branco frecuente de abusadores sexuais.
O censo aplicado na investigación, atopou que Bogotá representa o 42 % do total da poboación achada con 1887 nenos e nenas, seguen Medellín con 836, Cali con 400 e Pereira con 178.
84
GRUPOS PARAMILITARES SEGUEN A ACTUAR EN COLOMBIA
A pesar que Álvaro Uribe Vélez insiste unha e outra vez en afirmar que o paramilitarismo en Colombia acabou, as cifras de diferentes organizacións nacionais e internacionais, así como de diversos informes sobre violacións aos dereitos humanos, demostran o contrario. En efecto, segundo o Instituto de Estudos para o Desenvolvemento e a Paz, na actualidade existen 84 grupos paramilitares, cun total de 9078 membros, dos cales a maior cantidade atópanse nos departamentos de Cundinamarca cun total de 850, Norte de Santander con 750 e Putumayo con 720.
XAXÚN POLA ANULACIÓN DA DÉBEDA EXTERNA
Do 6 de setembro ao 15 de outubro diversas personalidades de todo o mundo uniránse ao xaxún iniciado polo Reverendo David Duncombe na cidade de Washington, esixíndolle ao Congreso dos Estados Unidos a aprobación dunha lei que se encamiñe á anulación da débeda externa reclamada aos países do Sur. Como antesala da Semana de Acción Global contra a Débeda e as Institucións Financeiras Internacionais, convocada por centos de movementos e organizacións en todo o mundo do 14 ao 21 de outubro, distintos líderes sociais e relixiosos secundarán esta iniciativa; por exemplo, o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel, Njongonkulu Ndungane (Arcebispo de Sudáfrica), Dennis Brutus (recoñecido activista contra o réxime do Apartheid) e pastores de distintas Igrexas e congregaciones cristiás.
Pérez Esquivel afirmou: “non é xusto pagar unha débeda inmoral que atenta contra Deus e a vida dos nosos pobos. En lugar de gastar miles de millóns de dólares para a destrucción e a morte dos pobos en guerras e conflictos en diversas partes do mundo, que paguen aos pobos explotados e empobrecidos o que lles deben, porque non somos debedores, senón acreedores”.
Durante
o xaxún convocaráse ás organizacións de
todo o país e do continente a sumarse á Semana de
Acción Global, realizando accións e actividades nas
súas cidades e rexións.
A Semana de Acción
Global contra a Débeda e as IFIs, é unha resposta
dos movementos e organizacións populares contra as
consecuencias da débeda, polo repudio e a anulación das
débedas multilaterais e ilexítimas, a promoción
de auditorías integrais das débedas e as IFIs, a
transparencia e o control cidadán nos procesos de anulación,
o fin dos condicionamentos e as políticas neoliberais, e a
xeración de alternativas autónomas e soberanas de
financiamento.
HAITÍ: REFLEXIÓNS SOBRE A TRATA DE PERSOAS ONTE E HOXE
O
23 de agosto celebrouse, por iniciativa do Grupo de Apoio a
Repatriados e Refuxiados (GARR) e con motivo do día
internacional de recordo da trata negreira e a súa abolición,
un debate en torno ao tema A trata de persoas onte e hoxe, co
obxectivo de sensibilizar á poboación haitiana sobre o
papel que desempeñou Haití na loita contra a
escravitude e tamén de chamar a súa atención
sobre as formas de escravitude contemporánea, en particular, a
que afecta a nacionais haitianos na República Dominicana e a
numerosos nenos e nenas en Haití.
O Secretario Executivo do PAPDA, Camille Chalmers destacou que a migración forzada constitúe unha nova forma de escravitude, máis aguda que no tempo da trata negreira e fixo referencia ao sistema de explotación capitalista dominante que reduce todo, incluso ós seres humanos, a unha mercancía.
A coordinadora do GARR, Colette Lespinasse, lembrou algunhas supervivencias da escravitude e da trata de persoas sobre a illa: en Haití a través do sistema Restavek (nen@s en domesticidade); e na República Dominicana, coa explotación de braceiros haitianos, a miúdo víctimas dun tráfico de persoas fomentado por distintos sectores que obrigan a esta man de obra sen defensa a un horario de traballo de máis de 15 horas diarias, sen dereitos, ou ata sen posibilidade real de desprazamentos. Segundo a coordinadora do GARR, a sociedade haitiana debe inspirarse nesta data simbólica do 23 de agosto para loitar contra estas novas formas de escravitude e devolver así a cada haitiano e haitiana a dignidade tan custosa para os escravos que se alzaron o 23 de agosto de 1791 en nome da liberdade e dos dereitos humanos.