nº 67 setembro-outubro 06


DECLARACIÓNS DE CRISTOVÃO “CHICO” BUARQUE


Durante un debate nunha universidade de Estados Unidos, preguntáronlle ó ex gobernador do Distrito Federal e actual Ministro de Educación de Brasil, Cristovão “Chico” Buarque, a súa opinión sobre a Internacionalización da Amazonia. Un estadounidense nas Nacións Unidas introduciu a súa pregunta dicindo que agardaba a resposta dun humanista e non dun brasileiro. Esto é o que respostou Cristovão Buarque:

"Realmente, como brasileiro, só falaría en contra da internacionalización da Amazonia. Por máis que os nosos gobernos non coiden debidamente ese patrimonio, é noso. Como humanista, sentindo o risco da degradación ambiental que sofre a Amazonia, podo imaxinar a súa internacionalización, como tamén de todo o demáis, que é de suma importancia para a humanidade.

Se a Amazonia, dende unha ética humanista, debe ser internacionalizada, internacionalicemos tamén as reservas de petróleo do mundo enteiro. O petróleo é tan importante para o benestar da humanidade como a Amazonia para o noso futuro. A pesar diso, os donos das reservas cren ter o dereito de aumentar ou diminuir a extracción de petróleo e subir o seu precio.

Do mesmo xeito, o capital financieiro dos países ricos debería ser internacionalizado. Se a Amazonia é unha reserva para tódolos seres humanos, non se debería queimar soamente pola vontade dun dono dun país. Queimar a Amazonia é tan grave como o desemprego provocado polas decisións arbitrarias dos especuladores globais. Non podemos permitir que as reservas financieiras sirvan para queimar países enteiros na voluptuosidade da especulación.

Tamén, antes que a Amazonia, gustaríame ver a internacionalización dos grandes museos do mundo. O Louvre non debe pertencer só a Francia. Cada museo do mundo é o gardián das pezas máis belas producidas polo xenio humano. Non se pode deixar que ese patrimonio cultural, como é o patrimonio natural amazónico, sexa manipulado e destruido só polo pracer dun propietario ou dun país. Non hai moito tempo, un millonario xaponés decidiu soterrar, xunto con el, un cadro dun gran mestre. Pola contra, ese cadro tería que ter sido internacionalizado.

Durante este encontro, as Nacións Unidas están a realizar o Foro Do Milenio, pero algúns presidentes de países tiveron dificultades para participar, debido a situacións desagradables orixinadas na fronteira dos EE.UU. Por iso, creo que a sede das Nacións Unidas debe ser internacionalizada. Polo menos Manhattan debería pertencer a toda a humanidade. Do mesmo xeito que París, Venecia, Roma, Londres, Río de Xaneiro, Brasilia... Cada cidade, coa súa beleza específica, a súa historia do mundo, debería pertencer ó mundo enteiro.

Se EEUU quere internacionalizar a Amazonia, para non correr o risco de deixala en mans dos brasileiros, internacionalicemos tódolos arsenais nucleares. Abonda pensar que eles xa demostraron ser quen de usar esas armas, provocando unha destrucción mil veces maior que as lamentables queimas realizadas nos bosques de Brasil.

Nos seus discursos, os actuais candidatos á presidencia dos Estados Unidos defenderon a idea de internacionalizar as reservas forestais do mundo a cambio da débeda. Comecemos usando esa débeda para garantir que cada neno do mundo teña a posibilidade de comer e de ir á escola. Internacionalicemos ós nenos, tratándoos a todos eles, sen importar o país onde naceron, como patrimonio que merece os coidados do mundo enteiro. Moito máis do que o merece a Amazonia. Cando os dirixentes traten ós nenos pobres do mundo como Patrimonio da Humanidade, non permitirán que traballen cando deberían estudiar; que morran cando deberían vivir.

Como humanista, acepto defender a internacionalización do mundo; pero, mentres o mundo me trate como brasileiro, loitarei para que a Amazonia, sexa nosa. ¡Soamente nosa!".



OS PERIGOS DO TRABALLO POLOS DEREITOS HUMANOS EN COLOMBIA


O Secretariado Internacional de Aministía Internacional fixo público o 7 de setembro o informe “Colombia: Temor e intimidación. Os perigos do traballo polos dereitos humanos”, no que se constata a situación dos defensores e defensoras de dereitos humanos no país dende o 2002 ata o 2006, para concluir que as promesas oficiais de crear garantías para o exercicio da defensa dos dereitos humanos é profundamente cuestionable. Para Amnistía Internacional continúan as ameazas, a intimidación, o uso do aparato xudicial con cargos penais falsos e accións xudiciais sen fundamento, campañas de difamación e operacións de vixiancia e control sobre as persoas que defenden os dereitos humanos.

Amnistía plantexa neste informe unha serie de conclusións e recomendacións baseadas na documentación de reiterados casos de organizacións de dereitos humanos e de comunidades que por ter afirmado os seus dereitos foron branco de graves atentados contra a súa vida e integridade persoal, persecucións, ameazas, sinalamentos, falsos procesos xudiciais e campañas de difamación. Segundo Amnistía, o obxectivo dos atentados e a intimidación é crear un clima de temor que disuada ás persoas que traballan a prol dos dereitos humanos de continuar co seu traballlo, ne mentras que os falsos procesos xudiciais están orientados a desacreditar a súa labor. A gran maioría das ameazas e atentados son obra, ó parecer, das forzas de seguridade e os seus aliados paramilitares; aínda que tamén se dan os abusos cometidos por membros da guerrilla.

Amnistía Internacional suliña que en múltiples ocasións defensores de dereitos humanos foron ameazados, agredidos ou mesmo asasinados por grupos paramilitares tras ter sido postos en liberdade ou absoltos de cargos penais infundados. Xa en xuño do 2002 a organización non gubernamental asumiu o compromiso de establecer un diálogo entre organizacións da sociedade civil e os ministerios de Interior e Xustiza e de Defensa respecto á protección efectiva ós defensores e defensoras dos dereitos humanos e en relación coa connivencia entre axentes estatais e grupos paramilitares; sen embargo, o informe afirma que, meses despois, os propios pronunciamentos do Presidente Uribe calificando ós defensores e defensoras de dereitos humanos de subversivos, alimentaron o clima de hostilidade, menoscabando o traballo realizado por éstes e propiciando ataques das forzas de seguridade ás persoas sinaladas como subversivas durante as operacións de intelixencia e contrainsurxencia. Nesa dirección, Amnistí­a Internacional considera moi preocupante a relación entre estas acusacións de subversividade e as constantes ameazas, violacións de domicilios, accións xudiciais arbitrarias e detencións de que son víctimas os defensores e defensoras de dereitos humanos. O informe destaca, por exemplo, o desenvolvemento das iniciativas de comunidades afro-descendentes e indíxenas, campesiños mestizos e habitantes dos barrios marxinais que ó afirmar os seus dereitos se convertiron en víctimas de graves ameazas e atentados. Respecto ó criticado proceso de desmovilización paramilitar e a vulneración do dereito a defender os dereitos humanos, o informe documenta e conclúe que os que se atreveron a criticar o proceso de desmovilización e a combatir a impunidade das violacións cometidas durante o conflicto armado foron obxecto de ameazas xeralizadas e persistentes.

Finalmente Amnistía Internacional reitera que a cuestión de fondo continúa a ser a profunda hostilidade que algúns sectores do goberno e as forzas de seguridade amosan cara o traballo de defensa dos dereitos humanos e a falta de vontade política para poñer fin á impunidade dos delitos contra defensores e defensoras dos dereitos humanos e para identificar e poñer a disposición xudicial ós que os cometen. O informe evidencia, en definitiva, os profundos lí­mites da política de seguridade en relación coa defensa lexí­tima dos dereitos humanos e os seus riscos persistentes.



O SUBCOMANDANTE MARCOS EN MARCHA POLO NORTE DE MÉXICO


Entre o 9 de outubro e o 30 de novembro, o subcomandante insurxente Marcos do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) percorrerá o norte de México na chamada “A Outra Campaña”, nunca marcha suspendida tralo sitio, asalto e masacre de Atenco os pasados 3 e 4 de maio, onde se cometeron delitos de lesa humanidade: ducias de mulleres violadas, dúas persoas mortas pola policía e máis de 200 persoas detenidas ilegalmente.

O norte de México, marcado pola fronteira cos Estados Unidos, polos millóns de persoas que cruzan en pos dunha mellor situación económica ante a alternativa da fame e a morte, e marcado tamén pola violación dos dereitos humanos, o racismo, os asasinatos de mulleres e o narcotráfico, ten tamén unha historia de rebeldía, de loita social e de vida comunitaria.

A Outra Campaña”, iniciativa civil e pacífica convocada polo EZLN a través da Sexta Declaración da Selva Lacandona en xuño de 2005, ten como obxectivo ser unha campaña nacional por un programa nacional de loita, con outro xeito de facer política, por un novo constituínte e unha nova constitución. Na actual etapa propón preparar o espacio para a escoita e a palabra; na seguinte etapa, que comezará en marzo do 2007, cada un dos 32 estados do país recibirá unha comisión do EZLN para escoitar a tódolos adherentes á campaña e elaborar un programa nacional de loita.