Hoxe, en medio de angustias e esperanzas, sentimos viva e reconfortante as palabras de Xesús: “¡Non teñades medo! ¡Eu estarei sempre convosco!”.
IMPUNIDADE EN COLOMBIA
Segundo o informe da Comisión Internacional para os Dereitos dos Traballadores -que reúne a abogados laboralistas e expertos en dereito laboral de todo o mundo co obxectivo de investigar as violacións dos dereitos dos traballadores, as infraccións ós Convenios da OIT e as normas internacionais de protección dos dereitos humanos- só se produciron en Colombia 5 condenas dos case 4 mil asesinatos de sindicalistas entre 1986 e 2002: “A triste realidade –afirma o informe– é que probablemente resulta máis rápido, máis barato e menos arriscado asasinar ós sindicalistas involucrados en disputas laborais que usar os procedementos civís existentes para resolver esas disputas por medio de arbitraxes ou litixios”. A Comisión Internacional para os Dereitos dos Traballadores esixe ó Goberno colombiano que cumpra cos Convenios da OIT, que trate de minimizar as posibles fontes de conflicto entre empregados e empregadores, que sexa máis transparente nas estatísticas que presenta sobre violacións dos dereitos humanos dos sindicalistas, que adique máis recursos para a protección dos sindicalistas e dos seus avogados e que realice unha investigación imparcial sobre as graves denuncias de politización da Fiscalía.
Este informe cobra hoxe especial vixencia polo recente asasinato de tres dirixentes sindicais de organizacións filiais á Central Unitaria de Traballadores: Leononel Goyeneche, Jorge Prieto e Alirio Martínez.
A LOITA DO POBO DE OLANCHO (HONDURAS)
O pobo de Olancho (Honduras), epicentro do arrasamento forestal, está a loitar contra a deforestación irracional do seu bosque, afirmando o seu dereito á vida e a súa dignidade fronte os intereses das empresas privadas. A persecución e as amenazas continúan, pero Olancho, un pobo de pura vida, segue a defender con firmeza a auga, o bosque e a madre terra ante o poder da mentira, do terror e da morte.
nº 57 xaneiro 2005
A SUCESIÓN DE PEDRO CASALDÁLIGA
O relevo de Pedro Casaldáliga, bispo de Sao Félix de Araguaia –no estado de Mato Grosso-, enfronta ó Vaticano con esta diócese brasileira e pobre, que, con só 120.000 habitantes, segue unha pastoral baseada na teoloxía americana da liberación. Casaldáliga chegou como misioneiro a Brasil en 1968. Dous anos despois naceu a diócese de Sao Félix e el foi nomeado o seu primeiro bispo en 1971. Casaldáliga, seguindo as normas canónicas, presentou a súa renuncia no 2003 ó cumprir 75 anos. O ancián bispo ten problemas de saúde: parkinson, presión alta… Vive nunha humilde casa como a dos seus concidadáns, moi aberta a todos e sen privacidade. A súa voz, a través do fío telefónico, é serena e intelixible.
- ¿Hai un pulso entre o Vaticano e a diócese?
- Non. Trátase dun pulso entre o Evanxeo e todo o demáis… A Santa Sede aceptou a miña renuncia pero pediu que continuara ata que chegara o meu sucesor. Hai unhas semanas o nuncio Lorenzo Baldisseri enviou un bispo, moi cordial e fraternal, para preguntarme a onde marcharía eu, porque se quedaba en Sao Félix, ía causar, segundo dixo literalmente, un constrinximento ó novo bispo. Despois, o equipo de pastoral, reunido en asamblea, aprobou un documento no que expresa a súa disconformidade, compartida por millóns e millóns de católicos, co xeito no que se efectúa o nomeamento dun bispo, sen participación real da Igrexa afectada nin do bispo anterior. O documento tamén manifesta o seu respecto pola miña disponibilidade a marchar da diócese, pero suliña que non pode aceptar que a miña saída sexa condición sine qua non para a chegada do novo bispo. Sóalles a expulsión. E, como se dixo na asamblea, a comunidade non quere que expulsen ó avó vello e enfermo que son eu.
- O Vaticano debe observar estes feitos con preocupación.
- Nós insistimos en que non se trata dun drama, que non queremos declarar a guerra a ninguén, que queremos levar as cousas en paz. Pero tamén dicimos que é un dereito e un deber de conciencia manifestar unha vez máis que estamos contra un sistema de nomeamentos episcopais que é secretista e autoritario, que non respecta o camiñar e a opinión das Igrexas locais. Parécenos un sistema non só pouco democrático, senón tamén pouco evanxélico.
- ¿E que di o novo bispo?
- O novo bispo foi nomeado, pero non sabemos quen é. O equipo pastoral, e creo que a súa lectura é correcta, supón que non debe ser moi da nosa liña, porque se o fora non tería inconveniente en atoparse comigo. Pola nosa parte, recibimos ó novo bispo con toda amistade fraterna, co espírito aberto e coa esperanza de que poderemos continuar a manter a mesma opción da nosa Igrexa, que é a liña renovadora do concilio Vaticano II, da teoloxía latinoamericana da liberación, da opción preferencial polos pobres.
- ¿Como pensa que vai rematar todo isto unha vez que o conflicto saltou á prensa internacional?
- Eu teño varias cousas. Teño idade e iso significa unha certa experiencia. Sobre todo teño esperanza e, a pesar de tódolos pesares, sei que a historia continúa e que o Reino de Deus continúa. De xeito que nos tomamos as cousas con bastante sentido do humor, aínda que poida haber problemas, tensións e, de feito, xa houbo lugares onde se desmantelou todo un proceso de liberación cristiá.
- E se o Vaticano insiste en que vostede ten que marchar, ¿que fará?
- Eu pensarei non só individualmente, senón tamén co equipo pastoral e co pobo. Se vexo que causo constrinximento ó novo bispo, pois marcho, non hai problema. Non quero que semelle que son dono desta Igrexa e que me están a arrincar unha propiedade. Non é iso, de ningún xeito. Conclúe o meu mandato de bispo, e eu remato, e xa está.
- ¿Consultará a súa decisión, entón, cos membros da diócese de Sao Félix de Araguaia?
- Si, quero que a miña decisión sexa adoptada cos axentes de pastoral e co pobo. Hai xa tres anos que estamos a preparar ó pobo para a sucesión e, con toda sinceridade, coidamos moito evitar tensións, traumas, comparacións. Así, xuntos remataremos de pensar e rezaremos. Quizáis o novo bispo sexa unha persoa discreta, sensata e serena coa que se poida falar e dicirlle: “se vostede cre que podo axudalo unha tempada, quedo; e se vostede prefire que marche, marcho xa”.
MANIFESTO DA PRELATURA DE SAO FÉLIX DO ARAGUAIA
Reunidos en Asamblea pastoral 118 representantes de toda a Prelatura, estamos vivindo un momento histórico para a nosa Igrexa Particular. Esperamos un novo bispo, e esperámolo no espíritu de fe e nunca actitude de acollida fraterna.
Na mentres, como millóns de irmáns e irmás da nosa Igrexa Católica, sentímonos na obriga de conciencia de refutar o procedemento actual para o nomeamento dos bispos. O Evanxeo pide outro xeito de proceder. A Igrexa debe dar ó mundo testemuño de respecto ós dereitos humanos e de corresponsabilidade fraterna. O autoritarismo e a falta de transparencia son un escándalo, hoxe todavía máis, cando se busca construír unha civilización nova de diálogo e participación. É hora de cambiar e, como Igrexa que somos, queremos colaborar nese cambio ó servicio do Reino.
Denunciamos máis concretamente o proceso en curso para o nomeamento do novo bispo da Prelatura. Todo está a xestionarse secretamente dende o poder e na desconfianza respecto á nosa Igrexa e ó seu actual pastor. ¿Será que, unha vez máis, pretende desmantelarse a camiñada sufrida e esperanzada?
Admiramos a actitude do bispo Pedro, disposto a se alonxar da cidade de Sao Félix de Araguaia e ata da rexión da Prelatura, se isto facilita a acción pastoral do novo prelado; pero nós non podemos aceptar que se esixa este alonxamento como condición para a chegada do novo bispo, sobre todo considerando a idade e saúde do bispo Pedro e os seus 36 anos de convivencia conosco e de entrega ás causas do noso Pobo. Somos a súa familia e a Prelatura é o seu fogar.
Contando confiadamente coa dedicación do novo pastor, seguiremos a camiñada, “con alegría, xesto humilde e pasión”, como reza o noso Obxectivo; no espírito do Vaticano II e das Conferencias Episcopais da Nosa América; na opción polos pobres e excluídos, na evanxelización inculturada; na vivencia e na acción comunitarias; na corresponsabilidade adulta do laicado e particularmente da xuventude e da muller; na oración e na militancia; coa forza do testemuño dos nosos mártires; na comuñón ecuménica e na intersolidariedade con tantas persoas e entidades que nos acompañaron xenerosamente.