nº 76 xaneiro-febreiro 07
CARTA CIRCULAR DE PEDRO CASALDÁLIGA
Estaba a pensar a circular de 2008, cando me invade, como un río bíblico de leite e mel, unha auténtica inundación de mensaxes de solidariedade e agarimo por ocasión dos meus 80 anos. Non podendo respostar a cada un e a cada unha en particular, ata porque o irmán Parkinson ten os seus caprichos, pídolles que reciban esta circular como un abrazo persoal, entrañable, de gratitude e de comuñón renovadas.
Estou a ler unha biografía de Dietrich Bonhoeffer, titulada, moi significativamente, Teriamos que gritar. Bonhoeffer, teólogo e pastor luterano, profeta e mártir, foi asasinado polo nazismo, o 9 de abril de 1945, no campo de concentración de Flossen-bürg. El denunciaba a «Graza barata» á que reducimos moitas veces a nosa fe cristiá. Advertía tamén que «quen non grite contra o nazismo non ten dereito a cantar gregoriano». E chegaba finalmente, xa en vésperas do seu martirio, a esta conclusión militante: «Hai que parar a roda bloqueando os seus radios». Non bastaba entón con socorrer puntualmente ás vítimas trituradas polo sistema nazi, que para Bonhoeffer era a roda; e non nos poden bastar hoxe o asistencialismo e as reformas-parche fronte esa roda que para nós é o capitalismo neoliberal cos seus radios do mercado total, do lucro omnímodo, da macro-ditadura económica e cultural, dos terrorismos de estado, do armamentismo de novo crecente, do fundamentalismo relixioso, da devastación ecocida da terra, da auga, da floresta e do aire.
Non podemos quedar estupefactos diante da iniquidade estruturada, aceptando como fatalidade a desigualdade inxusta entre persoas e pobos, a existencia dun Primeiro Mundo que o ten todo e un Terceiro Mundo que morre de inanición. As estatísticas multiplícanse e imos coñecendo máis números dramáticos, máis situacións infrahumanas. Jean Ziegler, relator de Nacións Unidas para a Alimentación, afirma, cargado de experiencia, que «a orde mundial é asasina, posto que hoxe o fame xa non é unha fatalidade». E afirma tamén que «destinar millóns de hectáreas para a produción de biocarburantes é un crime contra a humanidade»; o biocombustible non pode ser un festival de lucros irresponsables. A ONU vén alertando que o arrequecemento global do planeta avanza máis rápido do que se pensaba e, a menos que se adopten medidas urxentes, provocará a desaparición do 30% das especies animais e vexetais, millóns de persoas veranse privadas de auga e proliferarán as secas, os incendios, as inundacións. Un pregúntase angustiado quen vai adoptar esas “medidas urxentes”.
O gran capital agrícola, co agronegocio e o hidronegocio cada vez máis, avanza sobre o campo, concentrando terra e renda, expulsando ás familias campesiñas e lanzándoas errantes, sen terra, acampadas, engrosando as periferias violentas das cidades. Dom Edwin Kräutler, bispo de Xingú e presidente do CIMI, denuncia que o «desenvolvemento na Amazonia tornouse sinónimo de deforestar, queimar, arrasar, matar». Segundo Roberto Smeraldi, de Amigos da Terra, as políticas contraditorias do Banco Mundial por unha banda «prometen salvar as árbores» e doutra banda «axudan a derrubar a Amazonia».
Pero a Utopía continúa. Como diría Bloch, somos «criaturas esperanzadas» (e esperanzadoras). A esperanza segue, como unha sede e como un manancial. «Contra toda esperanza esperamos». De esperanza fala, precisamente, a recente encíclica de Benedito XVI. (Mágoa que o Papa, nesta encíclica, non cite nin unha soa vez o Concilio Vaticano II que nos deu a Constitución Pastoral Gaudium et Spes Alegría e Esperanza. Dito sexa de paso, o Concilio Vaticano II continúa amado, acusado, silenciado, preterido… A quen lle dá medo o Vaticano II?). Fronte ao descrédito da política, en case todo o mundo, a nosa Axenda Latinoamericana 2008 aposta por unha nova política; ata «pedimos, soñando alto, que a política sexa un exercicio de amor». Un amor moi realista, militante, que subvirta estruturas e institucións reaccionarias, construídas coa fame e o sangue das maiorías pobres, ao servizo do condominio mundial dunha minoría plutócrata.
Pola súa banda as entidades e os proxectos alternativos reaccionan intentando crear conciencia, provocar unha santa rebeldía. O FSM 2009 vaise celebrar, precisamente, na Amazonia brasileira e terá a Amazonia como un dos temas centrais. E o XII Encontro Intereclesial das CEBs, en 2009, celebrarase tamén na Amazonia, en Porto Velho, Rondônia. A nosa militancia política e a nosa pastoral liberadora deben asumir cada vez máis estes desafíos maiores, que ameazan o noso Planeta. «Escollemos, pois, a vida» como reza o lema da Campaña da Fraternidade 2008. O apóstolo Pablo, desde a súa Carta aos Romanos, recórdanos que «toda a Creación xime e está con dores de parto» (Rom 8,22). Os berros de morte crúzanse cos berros de vida, nese parto universal.
É tempo de paradigmas. Hoxe creo que se deben citar como paradigmas maiores e máis urxentes, os dereitos humanos básicos, a ecoloxía, o diálogo intercultural e interrelixioso e a convivencia plural entre persoas e pobos. Estes catro paradigmas aféctannos a todos, porque saen ao encontro das convulsións, obxectivos e programas que está vivindo a Humanidade maltratada, pero sempre esperanzada aínda.
Con tropezos e ambigüedades A nosa América móvese cara á esquerda; «novos ventos sopran no Continente»; estamos pasando «da resistencia á ofensiva». Os pobos indíxenas de Abya Yala saudaron alborozados a Declaración da ONU sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas, que afecta a máis de 370 millóns de persoas nuns 70 países do Mundo. E reivindicarán a súa posta en práctica.
A nosa Igrexa de América Latina e do Caribe, en Aparecida, se non foi o Pentecostés que queriamos soñar, foi unha fonda experiencia de encontro entre os bispos e o pobo; e confirmou os trazos máis característicos da Igrexa da Liberación: o seguimento de Xesús, a Biblia na vida, a opción polos pobres, o testemuño dos mártires, as comunidades, a misión inculturada, o compromiso político.
Irmás e irmáns, que radios imos crebar na nosa vida diaria?, como axudaremos a bloquear a roda fatal?, teremos dereito a cantar gregoriano?, saberemos incorporar nas nosas vidas eses catro paradigmas maiores traducíndoos en práctica diaria?
Reciban un abrazo entrañable na esperanza subversiva e na comuñón fraterna do Evanxeo do Reino. Imos sempre cara á Vida.
COMUNIDADES NEGRAS EN COLOMBIA
O Equipo de Dereitos Humanos do Proceso de Comunidades Negras en Colombia vén de informar á comunidade nacional e internacional, a través dun comunicado do 28 de febreiro de que dende inicios de mes están tendo lugar na zona operacións militares, sendo especialmente afectados os territorios colectivos do Río Naya e Yurumangui. En dito comunicado sinalan os riscos desa presencia militar:
-. Un posible incremento dos ametrallamentos e bombardeos, que xa están a ter lugar, xeneraría desplazamentos dese tipo de actos por toda a zona.
-. Un desabastecemento alimentario, xa que as comunidades negras dos territorios colectivos viven das prácticas tradicionais de producción consistente na caza, pesca, recolección de frutas, corte de madeira, minería, cultivo de millo, plátano…, para o que necesitan ir monte adentro, lugar ocupado agora polas forzas militares; co que poderían resultar feridos membros das comunidades.
-. Ademáis un enfrontamento entre a forza pública e as FARC, provocaría a desterritorialización dos habitantes dos Consellos Comunitarios.
Ante esta alarmante situación, o Equipo de Dereitos Humanos, solicita, dende a súa tradicional afirmación de Vida e Alegría, Esperanza e Liberdade:
-. Que a forza pública se absteña de realizar actos intimidatorios ás comunidades negras dos territorios colectivos, así como de facer sinalamentos á comunidade; que respete o dereito internacional humanitario, os dereitos humanos e os dereitos étnicos das comunidades negras; e que non obliguen ás comunidades a revivir experiencias pasadas, como ser fotografiadas, sufrir requisamentos de embarcacións ou roubos.
-. Que a Oficiña de Dereitos Humanos da Vicepresidencia da República verifique os actos de violación dos Dereitos Humanos e dereitos étnicos que vén realizando a forza pública nos territorios colectivos.
-. Que o Goberno Nacional comprenda que os territorios colectivos son territorios de vida e alegría para as comunidades negras que os habitan.
-. Que os organismos de dereitos humanos fagan seguimentos da evolución destes operativos na zona e que propicien o acompañamento ás comunidades como un mecanismo de protección e prevención de desplazamento.
-. Que a Comunidade Internacional se poña en contacto co Goberno Nacional e coas forzas armadas para que diminúa a presión que están a exercer sobre os territorios colectivos.